O privilexio de explicar. Mansplaining e desigualdade de poder

Home falando nunha xuntanza CC-BY-SA Amtec Photos

.Unha enxeñeira mostra como funciona unha máquina e un compañeiro interrómpea para repetir o mesmo; unha profesora soporta aclaracións sobre a materia que leva anos investigando; unha muller relata unha agresión machista e un home pretende explicarlle o que realmente viviu. No traballo, na universidade, nas redes ou en calquera conversa, todos os días se repiten escenas coma estas

Hai uns días, no programa La Roca de laSexta, o colaborador Berni Barrachina preguntoulle a Juan del Val se quería darlle algún consello á gañadora do Premio Planeta 2026, Isabel Allende. Del Val advertiuna de que a promoción era intensa, como se unha prestixiosa escritora de 84 anos, cunha traxectoria recoñecida en todo o mundo e unha amplísima obra traducida a decenas de linguas, precisase que un home lle explicase o que tiña por diante.

Por desgraza, temos o costume de escoitar consellos e explicacións do estilo. Unha enxeñeira mostra como funciona unha máquina e un compañeiro interrómpea para repetir o mesmo; unha médica escoita como un paciente lle explica a enfermidade que ela mesma acaba de diagnosticar; unha profesora soporta aclaracións sobre a materia que leva anos investigando; unha muller relata unha agresión machista e un home pretende explicarlle o que realmente viviu. No traballo, na universidade, nas redes ou en calquera conversa, todos os días se repiten escenas coma estas.

Nos últimos anos fíxose popular o termo mansplaining, traducido ao galego como homexplicación, para referirse a situacións nas que algúns homes se atribúen o dereito a explicar, corrixir ou reinterpretar o que dicimos as mulleres, mesmo cando temos máis coñecemento e experiencia. Poñerlle nome axudounos a recoñecer un patrón que, como sinalou Rebecca Solnit en Men Explain Things to Me (2008), vai máis alá da arrogancia, do paternalismo ou da mala educación dos homes e revela que a autoridade se reparte de forma desigual entre os sexos.

Esta desigualdade asimílase socialmente e a escola reprodúcea a través do currículo oculto, cando as nenas conteñen a súa presenza e os nenos ocupan máis espazo e protagonismo

Esta desigualdade asimílase socialmente e a escola reprodúcea a través do currículo oculto, cando as nenas conteñen a súa presenza e os nenos ocupan máis espazo e protagonismo. O que interiorizamos na infancia persiste na vida adulta. Os varóns dominan a conversa, interrompen máis a miúdo e de xeito máis intrusivo, e acaban atribuíndose a autoridade.

A palabra das mulleres, pola contra, desautorízase por sistema. Ter que demostrar unha e outra vez que sabemos do que falamos tamén afecta a como participamos. Mesmo mulleres cunha competencia máis que demostrada acaban dubidando da súa propia valía. O coñecido «fenómeno da impostora», que a miúdo se interpreta como unha inseguridade persoal, ten unha orixe social.

Toca desmantelar esa autoridade masculina que se dá por suposta. No cotián, devolverlles ás mulleres a palabra arrebatada en cada interrupción e frear as explicacións que ninguén pediu; na educación, eliminar o androcentrismo curricular e garantir que rapazas e rapaces participen por igual

Os efectos transcenden o trato cotián. Ás mulleres cústanos que nos crean cando denunciamos violencia; atopamos máis obstáculos para acceder aos postos de responsabilidade; as publicacións científicas asinadas por mulleres reciben menos citas cás asinadas por homes; no traballo ignórannos nas reunións, cuestionan a nosa competencia e acabamos relegadas a tarefas secundarias. Nin sequera unha sólida preparación nos libra diso. Cando sinalamos estas situacións, as nosas queixas desbótanse ou minimízanse sen máis. Ata a denuncia da desautorización se desautoriza.

Todo isto ten consecuencias políticas. Desautorizar o coñecemento e a experiencia das mulleres exclúenos da toma de decisións, a pesar de que somos a metade da poboación, e deixa a sociedade peor preparada para responder aos seus problemas.

Toca desmantelar esa autoridade masculina que se dá por suposta. No cotián, devolverlles ás mulleres a palabra arrebatada en cada interrupción e frear as explicacións que ninguén pediu; na educación, eliminar o androcentrismo curricular e garantir que rapazas e rapaces participen por igual; no ámbito profesional, recoñecer o mérito das mulleres, corrixir os nesgos de citación e autoría e romper os teitos de cristal; nas institucións, revisar como se elixen as persoas expertas e quen toma as decisións públicas; e nos medios, deixar de pedirlles aos homes que lles expliquen cousas a mulleres con máis coñecemento e experiencia ca eles.

Cada vez que un home explica algo a unha muller de forma condescendente, non só está falando; está exercendo poder. Intervir nesas situacións repara inxustizas puntuais, pero acabar coa desigualdade de poder esixe disputarlles aos homes o privilexio de impor a súa interpretación do mundo como a máis lexítima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.