O procès muda e reactívase

Acto de Junts © JxC

A crise de goberno en Catalunya, xerada das resultas da decisión da afiliación de JuntsxCat (55,7% vs 42,3%) de sair do goberno de coalición con Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) presidido por Pere Aragonés, deixa un goberno en minoría (33 deputados sobre un total de 135) e racha a dinámica de unidade independentista seguida polas principais forzas políticas soberanistas dende 2012. Neste senso, teñen sido bastantes os opindadores, sobre todo fóra de Catalunya, que dan por rematado o procès. Porque os resultados das eleccións nacionais catalás do 14.02.2021 deron unha mnoi ampla maioría independentista, 74 deputados (33 ERC, 32 JuntsCat e 9 CUP ) sobre 135, acadando ademáis, por primeira vez, maioría absoluta ( 52,2%) de votos, malia que faltasen votar 700.000 dos electores independentistas de decembro de 2017, que pasaron á abstención.

O Goberno Aragonés xurdiu logo dunha complexa e demorada negociación, mais naceu logo de acadar un duplo acordo coa CUP (que incluúa unha moción de confianza despois do segundo ano de lexislatura) e JuntsxCat . En maio de 2021 a afiliación dos juntaires aprobaba este acordo e formábase un goberno bastante paritario en canto á influencia de cadansúas forzas, malia que desequilibrado por mor do control por parte da ERC da Presidencia da Generalitat e do ente público da radiotelevisión catalá).

Que pasou nestes 17 meses? Como foi que un partido con nidia vocación de goberno e de acción institucional como JuntsxsCat acorda rachar un Goberno nunha conxuntura histórica catalá, estatal e europea tan complexa e difícil? 

Pere Aragonès, nunha intervención pública, nunha imaxe de arquivo © Govern de Catalunya

1.- JuntsxCat, un partido con alma de movemento.

JuntsxCat é o único partido de Catalunya creado despois dos inesquecíbeis días de outubro de 2017. Nel xuntáronse, si, os principais líderes e persoeiros de relevo institucional e referentes locais do antigo PdeCat, herdeiro da vella Convergència Democrática de Catalunya, como os consellers inxustamente encarcerados Jordi Turull (actual Secretario Xeral do partido), Josep Rull e Quim Forn ou o antigo alcalde barcelonés Xavier Trías, mais tamén centos de persoas independentistas sen anterior adscrición partidaria, moi plurais ideolóxicamente, mobilizados nomeadamente no traballo social e de rúa da Assemblea Nacional Catalana (ANC) e activados na defensa da lexitimidade no exilio e da acción exterior representada e desenvolvida polo president Puigdemont e o Consell de la República. Eis o caso da presidenta do partido, Laura Borràs ou do membro da súa Executiva, o avogado e deputado Jaume Alonso-Cuevillas. 

Esta dupla achega determina a existencia de dúas sensibilidades nidias, que requiren de complexos acordos para a súa recondución á unidade. Mais esta duplicidade fai parte do ADN juntaire e constitúe a chave dunha transversalidade onde coexisten social liberais, socialdemócratas e persoas de sensibilidades máis á esquerda que tentan representar a pluralidade e transversalidade catalá post outubro de 2017, sobranceando o eixo nacional e apostando por confrontar e xeito continuo e intelixente co Estado na percura constante do camiño sen paradas cara á independencia.

Como partido JuntsxCat alicérzase no xogo institucional e quere compatibilizar a xestión eficiente co camiño á independencia. Como movemento non pode apoiar unha acción de Goberno que tente normalizar a actual situación de represión política e xudicial e desactive as accións de rúa, social e exterior a prol da independencia.

En aqueladas verbas de Jaume Alonso-Cuevillas, as juntaires constitúen un partido con alma de movemento.

- Os incumprimentos de ERC.

Antes do xurdimento do procès ERC era o principal partido independentista. Mesmo nas semanas anteriores ao 1-Ou de 2017 eran ERC e os seus sectores sociais máis próximos os que requirían seguido do President Puigdemont “pór as urnas”. E, en outubro de 2017, foi rechamante o comentario do actual voceiro no Congreso estatal, Gabriel Rufián acusando Puigdemont de se vender por “155 moedas de prata”, cando consultaba co lehendakari Urkullu e cos principais persoeiros independentistas a posibilidade, logo desbotada, de disolver o Parlament e convocar elecciópns antes da declaración de indepoendencia.

ERC mudou radicalmente dende a aprobación do 155 e dende o arresto de Oriol Junqueras. E, deste xeito, tronzou a unidade electoral do nacionalismo, presente na coalición Juntsxelsi, concorrendo soa ás eleccións do 21-D de 2017, cando a resistencia contra o 155 aconsellaba priorizar unha candidatura de País con Puigdemont e o propio Junqueras á fronte. Na lexislatura 2018-2020 desactivou dende a Presidencia do Parlament calquera iniciativa que permitise visibilizar actitudes de confrontamento intelixente co Estado. E, sob o pretexto da necesidade de alargar a base do independentismo, manifestou, primeiro implícitamente e despois ben ás claras que a independencia ía para “décadas”.

En maio de 2021 JuntsxCat e ERC asinaron un pacto de goberno no que se admitía a mesa bilateral co Estado suxeita á súa avaliación despois dun ano e a que na mesma sentasen os juntaires e fosen parte do seu contido as cuerstións da amnistía e da autoredeterminación. Este pacto foi incumprido, non só validando o pacto de Pedro Sánchez á participación dos de Borràs e Turull na mesa bilateral de diálogo, senón dende o explícito cconsentimento do propio president Aragonés a excluir o tema da autodeterminación da mesa devandita durante o resto da actual lexislatura estatal, aínda a catorce teóricos meses do seu remate. Por outra banda, incumprironse do xeito máis evidente os pactos referidos a contar cunha dirección estratéxica común para o independentismo e cunha polìtica parlamentaria concertada nas Cámaras estatais.

Dende mediados deste verán de 2022 ERC asumiu unha clara liña de agresión a respecto de JuntsxCat, que ficou ben clariña na súa colaboración canda o PSC e os Comúns para que a Mesa do Parlament suspendese á súa Presidenta, Laura Borràs, tamén presidenta do partido, malia que os delictos polos que se lle acusa (prevaricación e falsidade documental) non constitúan delicto de corrupción (únicos que permitirían a devandita suspensión) no sentido esixido pola Convención contra a corrupción das Nacións Unidas, aplicábel diante da falla dunha definición ao respecto no Código penal español. E hai poucos días Aragonés rematou esta operación de derrubo co cesamento da máxima xerarquía de JuntsxCat no Govern, o vicepresidente Puignerò. 

A continuidade nestas circunstancias, mesmo para un partido co sentido da responsabilidade institucional-dabondo amosado ao lomgo destes dezasete meses-de JuntsxCat era moi difícil e mesmo moi ninconveniente, como a semana pasada escrebía en elmon.cat Jaume Alonso-Cuevillas.

Carles Puigdemont, ex-president da Generalitat © Rubén Moreno / Govern da Generalitat

4- Diada 2022: o soberanismo volta á rúa.

Na ecuación que explica a decisión plebiscitaria das juntaires engadiúselle un factor que non se albiscaba neste último agosto, como ben de explicar Vicent Partal en vilaweb: o reactivamento do pulo independentista na rúa, coas 750.000 persoas que partillaron a demostración da última Diada do 11-S organizada pola ANC e que, por primeira vez, contou non só coa falla de pareticipación, senón mesmo co veto expreso do president Aragonés e de Oriol Junqueras. Dende esa mesma data, a maioría de JuntsxCat soubo que o govern e a propia ERC xa non contaban coa adhesión da rúa, que ese oco podía ser cuberto pola propia JuntsxCat e que si éstes priorizaban a continuidade no Govern e seguían pasivos fronte a estratexia liquidacionista do procès dos republicanos outra opción política (probábelmente sub specie de candidaturas cívicas activadas dende a sociedade civil mobilizada) viría facelo.

- Expectativas de futuro.

Gobernar con 33 deputados sobre 135 totais é un labor case imposíbel. Mais Aragonés seica decidiu non pedir xa unha confianza da Cámara que perdería e, polo de agora, non contar cos Comúns e o PSC nunha hipotética reedición do antigo tripartit. Mesmo Aragonés acenou na liña junquerista do alargamento da base social, incorporando ao Govern a salientábeis persoeiros antes vencellados á vella CDC, ao PSC e a Podems. Mais no vindeiro futuro semella que vai ter que chegar a acordos moi difíciles e custosos para quitar adiante tanto os Orzamentos como para se manter sen perder votacións fulcrais que o amosen moito máis feble cando veñan as seguintes eleccións.

Polo que atinxe a JuntsxCat a perda da cota de goberno vai facer renxer as súas finanzas e pode eivar a adhesión dalgúns referentes locais, mais semella que lle fixo conectar cos sectores do independentismo máis concienciados, mesmo con boa parte dos desmobilizados. As 200 altas de novas persoas afiliadas nos 24 horas posteriores á comunicación da decisión plebiscitaria son un sinal disto. Mais os juntaires precisan agora activar as súas mellores equipas para unhas eleccións locais quen son fulcrais no seu proxecto de se extender ao longo de todo o territorio e amosar que se pode gobbernar eficazmente os concellos dende o proexcto da República catalá.

Velaí que sexa moi dubidoso que esteamos diante do peche do procès. Mais ben cómpre dicir que éste mudou para entrar nunha nova fase que mesmo pode ser a do reactivamento da súa base social. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.