O PSOE, a Monarquía e a democracia

CC-BY-SA Praza Pública

O segundo pagamento con fins de regularizamento fiscal do Emérito e máis a falla de civismo das súas fillas, visitándoo en Abu Dhabi á custa dos gastos de seguranza estatais e aproveitando para facer turismo de vacina, agravou substancialmente a xa mancada imaxe pública da Monarquía borbónica. Até as persoas coetáneas do anterior Xefe do Estado refugan nidiamente a súa conduta, mentres as xeracións intermedias e máis novas afástanse cada vez máis dunha Intitución monárquica que non da reaccionado. Como ven de escrebir o xornalista catalán Iu Forn a “Monarquía española vive nunha realidade paralela e non deu entendido nada”.

Fronte esta incapacidade de reacción monárquica o BNG e as demáis forzas soberanistas, canda Más País e Unidas Podemos tentan lexitimamente discutir destas cousas e pescudar nestas condutas aló onde cumpre, é dicir no Parlamento do Estado, despois de sofrir as reaccións do parcial Tribunal Constitucional que ten prohibido investigar estes feitos dende Parlamentos autonómicos. Pola súa banda, a dereita tripartita ten reaccionado ferreñamente, rexeitando calquera destas iniciativas democráticas a xeito de fronte monárquica-cortesá.

E o PSOE? O PSOE sempre do lado da dereita, sempre agachando as miserias e eventuais condutas ilegais da Institución monárquica, impedindo calquera pescuda, calquera debate. E, malia este feito evidente, as enquisas reflicten máis dun 60% dos votantes socialistas moi críticos con estes feitos e máis próximos a unha solución monárquica.

Así e todo isto non ocorre só coa Monarquía. Mais aquí a responsabilidade é común do PSOE e de Unidas Podemos. A lei de seguranza cidadá, que penaliza o exercicio das liberdades de manifestación cidadá, segue vixente. Os delictos de sedición (que motivou as inxustas, ilegais e desaqueladas condenas das persoas presas políticas catalás), de inxurias e calunias ao Rei e aos membros da súa Familia, de inxurias e calunias aos Funcionarios Públicos e outros que criminalizan o exercicio da liberdade de expresión seguen vixentes. A respecto da liberdade dos presos políticos cataláns nin un só aceno. E tampouco se avanzou un chisco na construción dun Estado plurinacional, malia que só fose construindo a xeito de leis orgánicas e leis de transferencia ou delegación de competencias estatais. 

Para máis, a burremia centralista da Administración do Estado xerou o naufraxio do Ingreso Mínimo Vital (IMV), que requiriría da súa xestión autonómica, mentres que a xestión dos fondos Next Generation-EU amenaza con deixar fóra á empresa galega e ás pemes en xeral ao enfrontaren unha xestión centralizada que só agasalla ás grandes empresas do Ibex 35.

O PSOE habería decidir se esta coa democracia e coa liberdade ou coa Monarquía, a grande empresa e o Deep State. E Unidas Podemos habería matinar se lle vai ser posíbel moito tempo isto de repenicar as campás mentres escoita a misa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.