O que está por vir

O agravio popular en relación á xefatura do Estado atópase hoxe nun momento de emerxencia. Esta institución, que dende os tempos da transición foi eixo vertebrador de consensos e paz social, xa non o é. Un halo de incuestionabilidade rodeou á coroa dende o 1981 ata practicamente 2012. Pero asemella que o sagrado tornouse profano. A lexitimidade desta institución, flutúa ao mesmo tempo que pendura dun fío.

No punto álxido da crise económica de 2008, onde estaban comezando a poñerse en marcha a batería de medidas neoliberais de receita europea, o rei Juan Carlos I amosaba o seu grao de desconexión coa maioría social. Coñecíase así, froito dun accidente, que o monarca estaba cazando elefantes en Botsuana. Este sería o primeiro momento de refluxo que sufriría a monarquía, perdendo parte do apoio social. Un mes despois viría a folga xeral do 29 de marzo, como continuación dos movementos nados do 15M. Estabamos nun momento de descontento, co sistema deliberativo, coas institucións financeiras pero tamén coa monarquía. A casa real entende, por primeira vez, a fraxilidade do seu poder. Pero non cunde o pánico, porque os partidos políticos que xestionan as estruturas de Estado seguen a serlles fieis. Este paradigma de normalización institucional da monarquía cambia cando os non-monárquicos teñen unha expresión política propia, algo que conseguírase co primeiro Podemos, un partido que cabalga entre movemento social e organización política con orientación institucional.

Nada é como antes, xa non hai fortes reténs institucionais que impidan falar en contra da monarquía. Xa non está Suarez prohibindo os partidos que no seu nome leven a palabra “Republicano”. Non está ningún dos presidentes que viñeron despois del e asumiron ao xefe do Estado como un suxeito incuestionable. O réxime político democrático vive momentos de debilidade e a coroa precisaba anovarse, mostrarlle un novo rostro ao mundo. Será asi como Juan Carlos I abdica en favor do seu fillo, Felipe de Borbón, a lexitimidade da coroa repunta e aparentemente regresa a estabilidade. Sen embargo, escoitábase un ruído de fondo, algo que levaba en marcha dende principios da crise, o caso Nóos.

O caso de corrupción política que implicaba directamente ao duque de Palma Iñaki Urdangarín e á infanta Cristina de Borbón, evidencia unha serie de novas lóxicas sobre a monarquía e múdase, ao mesmo tempo, a súa percepción. As lóxicas monarquía = corrupción e monarquía = privilexios comezan a instaurarse entre novos sectores da poboación, pero isto non resulta o máis interesante das consecuencias do caso Nóos. Este momento cambia a visión que se ten sobre a institución. O debate deixa de estar personificado no monarca, o agravio despersonalízase e trasládase á dicotomía “familia real si” ou “familia real non”. Novamente a Casa Real afronta un momento de refluxo, o Rei emérito vese involucrado por facilitar a firma de contratos e préstamos á entidade xestionada por Urdangarín. O cerco faise máis estreito en torno á figura de Felipe VI, que pasa este momento cun perfil baixo, onde o único salientable é a retirada do ducado á familia da súa irma. Ningunha acción parece servir xa para relexitimar a institución.

Será en torno á investidura do actual goberno de coalición, onde un frontepopulismo limitado confróntase á radicalización ultraconservadora do espectro das dereitas, cando se confirma a hipótese ideolóxica sobre a Coroa. Esa hipótese é lanzada por Enric Juliana na Vanguardia tras o discurso dado o 3 de outubro, con motivo da Declaración Unilateral de Independencia. Segundo Juliana o rei tiña dúas opcións, ser unha figura de consenso ou exercer como o férreo defensor da aplicación legal máis represiva. A elección tomada é evidente, pero podía ser discutida ou cuestionada, algo que na actualidade xa non é posible. Os exabruptos emitidos na investidura do actual goberno por parte das dereitas, converteron ao Rei, no seu rei e non no de tódolos españois. Esvaécese o mito da transición, a monarquía xa non é unha figura de consenso, é a figura das dereitas e o gran capital. Neste punto, a polarización social perpetúase, a Casa Real e a monarquía están condenadas a ser rexeitados por practicamente a metade da poboación.

Hoxe o cerco estréitase como unha soga ao pescozo de Felipe VI. Corina desvelou os segredos do rei emérito, facéndose notorio que recibiu millóns do réxime Saudí por ocupar unha posición privilexiada. Nada sirve xa, nin renunciar á herdanza, nin retirarlle a asignación, porque a monarquía é asumida como unha institución privilexiada e corrupta. Os pobos do Estado, nas peores condicións, confinados a consecuencia da crise do COVID-19, amosaron o seu poder de organización. Sairon ás xanelas e fixéronse escoitar, para que ata no Palacio da Zarzuela saiban o que está por vir.

Este novo escenario preséntanos os retos que temos por diante. Cando poñamos os pés nas rúas, será o momento de comezar unha batalla histórica no social para evitar que a fraxilidade da Coroa se reverta

Este novo escenario preséntanos os retos que temos por diante. Cando poñamos os pés nas rúas, será o momento de comezar unha batalla histórica no social para evitar que a fraxilidade da Coroa se reverta. Poñer de relevancia o papel das organizacións da memoria histórica, republicanas e en favor do dereito a decidir. Dende a colaboración sen fronteiras realicemos accións que permitan emerxer novas formas de conciencia. Pero máis importante é que o debate que poidan ter estas organizacións e amplos sectores da sociedade civil organizada, transcendan as trampas que se presenten. Se o debate xira en torno ás formas da xefatura de Estado, cambiaremos todo para que nada cambie. Precisamos iniciar un fondo cuestionamento non só das estruturas políticas, senón tamén das económicas. Que a fin da monarquía sexa o principio dunha república onde non suframos a miseria da explotación, unha república onde poidamos ser libres e iguais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.