A realidade do político semella moverse entre a certeza do “probable” e a suposición do “posíbel”. Sisudos intelectuais analizan un proceso político ao abeiro das condicións económicas sistémicas enraizadas na sincronía do tempo. Unha especie de amnesia colectiva selectiva. Como se antes do 15-M non houbera unha sociedade latente da carencia e malestar. E como se agora, polo mero feito de facerse manifesta, fora mudar a xeoestratexia das institucións e o político partidario.
A realidade do político semella moverse entre a certeza do “probable” e a suposición do “posíbel”
Intención honorable, a do cambio. Fundamentado en que? Unha especie de proxectos cidadáns baixo o epígrafe de “mareas” comezan a agromar. A Galicia urbana é unha, pero a Galicia rural é outra. Xa o sabemos. A primeira anhela a recuperación de redes de solidariedade e apoio que a segunda xa non ten. E a segunda, un apoio de excedente demográfico que da primeira non semella querer desprenderse.
O mantra do “xa e agora” electoral é “a paralización dos desafiuzamentos”, si, e despois, que? Vaise construír unha arquitectura impositiva equitativa que penalice ao propietario de vivenda abandonada-baleira?
A urxencia dos procesos electorais altera o biorritmo social; partidos asustados polo seu derrocamento (tanto os rexentes no poder, como os aspirantes ao mesmo), poboación confusa entre marasmos de corrupción, soflamas populistas e sen un horizonte claro canda o que construír. Nesa urxencia fálase de desafiuzamentos, realidade que non conleva só a supresión do acto (que unha persoa fique na rúa sen alternativa residencial) se non a re-formulación do medio que o orixina (dereito a vivenda-dereito a propiedade). Un dereito, non se mendiga ou sectorializa (vivenda social) formúlase, deséñase e realízase. O dereito á propiedade (privada ou persoal) é unha cousa que para filósofos como Balibar ou Negri se constitúe como un dereito económico do sistema. E o dereito á vivenda, outra ben diferente. Namentres aumentaba o proceso económico de facilitación de crédito financeiro para obtención dunha vivenda, reducíase a posibilidade política da formulación dun verdadeiro dereito habitacional, fundamentado no seu acceso universal, e non na súa propiedade sectorial.
O mantra do “xa e agora” electoral é “a paralización dos desafiuzamentos”, si, e despois, que? Vaise construír unha arquitectura impositiva equitativa que penalice ao propietario de vivenda abandonada-baleira? Vaise controlar o prezo do alugueiro garantindo o uso social da vivenda, por riba do lucro? Parqué público de vivendas de bancos rescatados publicamente, antes de que pasen a mans de fondos de inversión nun dos movementos especulativos mais clamorosos das últimas décadas? Van deixar de supoñer as rendas dos pisos sociais (terríbel nomenclatura) máis do 40% dos ingresos dun fogar? Vai deixar a economía pública de axudar o capital financeiro vía pago de axudas ás hipotecas (isto pasa tamén no sector automobilístico financiando o estado a adquisición dun ben persoal, cando as políticas de mobilidade colectiva son as que son)? Non se trata tanto dun benestar sintético colectivo, coma dun dereito básico nunca formulado nin realizado.
Asistimos entón a unha sibilina batalla entre o imperio do probábel instituído e o reino do posíbel destituínte
Esta violencia estrutural, cimentada ao redor da débeda, ficou explicitada ao abeiro da desobediencia á lei que fixo evidente o violento dun orde xurídico imposto, ate entón normalizado, e afastado da satisfacción das necesidades básicas e cimentado sobre o consenso do mantemento dos privilexios de clase. Só a contradición entre un precepto abstracto universal (dereito a vivenda) e súa aplicación concreta (só posible baixo renda de emprego ou tenencia en propiedade do ben inmobiliario) fixo emerxer o posible como lugar a conquistar.
Asistimos entón a unha sibilina batalla entre o imperio do probábel instituído e o reino do posíbel destituínte. Onde a acción política transformadora difumínase nun telemarketing dialéctico, que nunha especie de espectáculo político a golpe de zapping, pretende conformar non tanto unha resposta senón un lugar de catarse que procura o que necesita ser escoitado, pero non a formulación-acción do que require ser conquistado.
Só cando os proxectos transformadores xa foron formulados e practicados ao longo da nosa cartografía colectiva, e a covardía e a compracencia deses nos que se delegou foi meirande que a necesidade que nunca se preocuparon por resolver, a oportunidade de cambio convértese en real, e semella, novamente, que o show de oportunismo e cargo electoral da esquerda, rematará dando o último empurrón á conciencia autoxerida e combatente que xa sabe recoñecer o embaucador electoral sen tónicos milagreiros.