O que non se ve

A estratexia de deslexitimar ás mulleres facendo alusión á súa saúde mental segue intacta CC-BY rawpixel

En 1997 Ana Orantes saía na televisión nomeando unha relación de violencias. Un fito histórico en si mesmo. Trece días despois foi asasinada polo que fora o seu marido maltratador. En 2017, vinte anos despois, viralízase o movemento mundial (Me too)

En 1997 Ana Orantes saía na televisión nomeando unha relación de violencias. Un fito histórico en si mesmo. Trece días despois foi asasinada polo que fora o seu marido maltratador ao longo de 40 anos de relación. Foi a primeira vez que se falaba abertamente nun medio de comunicación de violencias de xénero e da violencia do propio sistema xudicial. Esta muller, sen sabelo, estaba cambiando algo moito máis profundo, xa que a súa testemuña axudou a entender que a violencia de xénero era/é un mal endémico estrutural e non un tema doméstico a solucionar de portas para dentro dos fogares. Dende aí, comezouse a falar máis claramente das diferentes violencias físicas: asasinatos, golpes, insultos, piropos, agarróns…

En 2017, vinte anos despois, viralízase o movemento mundial (Me too) que visibiliza as diferentes violencias sexuais que sofren as mulleres nos diferentes eidos profesionais e persoais, o que permite comezar a identificar e diferenciar abuso, acoso e violación. E lexitimar que todas estas accións forman parte do mesmo continuum que é o que se comezou a nomear a finais dos noventa.

Despois destes dous movementos, penso que a nivel social temos unha tarefa pendente que é a de visibilizar todo o que son as violencias psicolóxicas, as que non se ven, as que non se poden sinalar porque non deixan unha pegada evidente

Despois destes dous movementos, penso que a nivel social temos unha tarefa pendente que é a de visibilizar todo o que son as violencias psicolóxicas, as que non se ven, as que non se poden sinalar porque non deixan unha pegada evidente. As que moitas veces as vítimas non son quen de nomear porque non identifican. En consulta decatámonos de que este tipo de violencias son tremendamente habituais, e que é preciso pararse a identificar e valorar o impacto que ten no estado emocional co que chega a muller a consulta. A gravidade de que as profesionais que acompañan non teñan unha formación profunda e de calidade con perspectiva de xénero xa o deixo para outro momento.

Ao longo da historia houbo unha relación moi forte entre as mulleres e a súa (falla de) cordura como elemento represor, desestabilizador e deslexitimador. Nesa historia, que é a nosa, as mulleres que estorbaban por non cumprir co canon de muller-esposa-nai-amadecasa, podíanse sacar directamente do taboleiro de xogo (chámese matrimonio) coa escusa de que estaban tolas e, coa fundamental complicidade de certos sistemas de poder (medicina e igrexa), xustificar o seu retiro-ingreso-encadeamento nunha orde relixiosa ou nun centro psiquiátrico. De tal xeito o marido podía legalmente e cunha boa xustificación - como se lles fose precisa- cambiar de póla e volver casar cunha muller que si estivese disposta a cumprir a súa función de ventre reprodutor e coiadora, do marido e da prole, dende unha posición de submisión que non dese problemas.

Ao longo da historia houbo unha relación moi forte entre as mulleres e a súa (falla de) cordura como elemento represor, desestabilizador e deslexitimador. A estratexia de deslexitimar ás mulleres facendo alusión á súa saúde mental segue intacta

Sen ser agora eses extremos necesarios para eses fins, a estratexia de deslexitimar ás mulleres facendo alusión á súa saúde mental segue intacta. A “tola dos gatos” como referente negativo dunha muller que non encaixa e que prefire non estar casada, por exemplo. A nivel relacional axiña escoitas un “estás tola” ou calquera das variantes máis ou menos refinadas para quitar credibilidade, mesura e estabilidade. Unhas das primeiras liñas vermellas cando está a cocerse algo a nivel erótico-festivo, é que el faga referencia á súa exparella como “tola”; en consulta sempre digo, “Ollo!!! Ti vas ser a seguinte”. É unha maneira de que as verbalizacións que poida facer a outra muller da relación non teñan credibilidade.

Ao longo de todos estes séculos as formas de opresión e invalidación foron mutando por obriga., porque hai situacións que xa non son “ben vistas”. Nas violencias psicolóxicas, todo comeza dun xeito moi moi sutil: desdicirse (“non quixen dicir iso”, pero está dito) , non recoñecelo (“eu non dixen iso”), cambiar a versión de algo en detalles pequenos para manipular , omitir información para que a narrativa quede ambigua e a mente de quen escoite faga o resto, directamente mentir e ocultar, non nomear emocións incómodas como pode ser o enfado ou a tristeza (“a min non me pasa nada”, invalidando as sensacións da outra), falla de predicibilidade no que vai ser un problema a nivel relacional (ás veces si, ás veces non), incoherencias e inconsistencias entre os ditos e os feitos…

Igual que as violencias tiveron que ir mutando para poder seguir existindo, o que segue practicamente intacto é a complicidade do sistema, que posibilita que estas violencias saian da parella e cheguen ao social (nos corpos de seguridade do estado, no eido xurídico, médico, psicolóxico). En consulta percibimos como cada vez máis homes responden ás denuncias por violencia de xénero cunha denuncia por “delito contra a honra”. Antes era que as denuncias eran falsas, agora isto xa non é dabondo porque o sistema xudicial ampara que continúen debilitando ás súas vítimas camuflando todo baixo a “lexítima defensa”. Moitas veces, falando en termos teóricos e impersoais (impersoais porque é máis sinxelo ver nas outras antes que velo en min) deste tipo de violencia, as mulleres comezan a entender e atar cabos. Chegadas a este punto, sempre respondo o mesmo “non é que eu lea as mentes, non teño superpoderes. Senón que hai unha teoría que explica o que a ti che está a pasar. E se ese marco teórico está creado e fundamentado é porque o que che está a pasar, non soamente che pasa a ti.” Esa humanidade compartida axuda a que elas comecen a lexitimarse interiormente. Se lles pasa a máis mulleres, igual é que non o están inventando. Ou todas inventamos o mesmo?

A estas alturas da narrativa, é fácil ver como o maltratador xa non precisa estar na ecuación para seguir exercendo control e abuso

Outra pata importante é a confusión e a utilización que se pode dar de determinados efectos de ter vivido unha situación traumática nas condutas das mulleres: ser máis despistadas, perder seguridade en si mesmas, ser máis torpes, dubidar do seu propio relato, ter novas limitacións relacionais ou mesmo chegar a ter ideas suicidas elaboradas. Ao non ser entendidas estas secuelas, estas feridas non físicas, é moi sinxelo para eles pór a semente da dúbida respecto da cordura da muller e, polo tanto, da súa perigosidade social. No momento en que esta semente se espallou, soamente hai que deixar que dea os seus froitos nun terreo con argueiro patriarcal. A outra cara da moeda, importantísima de nomear chegadas a este punto, é que nos atopamos cunha muller absolutamente debilitada que, baixo os efectos da indefensión aprendida, xa non sabe como defenderse. Que co corpo e a súa psique invadida e anulada, xa non pode sacar forzas.

A estas alturas da narrativa, é fácil ver como o maltratador xa non precisa estar na ecuación para seguir exercendo control e abuso. Pero unha vez máis, se xa non son parella, se el xa non está na vida dela, como se poden demostrar esas violencias?

Volvo á importancia de aprender, de identificar para poder nomear e así lexitimarnos. É o único xeito de que nos poidamos defender.

Xuntas.

En comunidade.

En resistencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.