Os nenos que xogan na natureza teñen mellores habilidades motoras, están máis activos, teñen menos sobrepeso e son máis creativos. Os nenos que teñen máis natureza preto das súas casas, teñen menos síntomas de trastornos da conduta, ansiedade e depresión
Lembro que durante a miña xuventude, cando me sentía angustiado porque non sabía que rumbo darlle á miña vida, sentía a necesidade de ir á costa. Alí contemplaba os acantilados, o mar, os montes de vexetación autóctona e o ceo. Isto axudábame a ver as cousas desde outra perspectiva, tomar decisións vitais importantes, aclarar as ideas e serenarme.
Non só a experiencia nos mostra que o contacto coa natureza ten en nós efectos positivos, senón tamén a ciencia. Así, Richard Louv, na súa obra O último neno no bosque, recolle numerosos estudos científicos que apuntan a que a exposición a espazos naturais contribúe a que teñamos unha maior saúde física e mental. Estes suxiren que sachar ten un efecto curativo para os enfermos mentais e que só o feito de contemplar leiras axuda a que teñamos menos enfermidades físicas. Ademais, estar en contornos naturais fai que teñamos menos estrés, ansiedade, enfado e depresión.
Por outro lado, os nenos que xogan na natureza teñen mellores habilidades motoras, están máis activos, teñen menos sobrepeso e son máis creativos. Os nenos que teñen máis natureza preto das súas casas, teñen menos síntomas de trastornos da conduta, ansiedade e depresión. Son numerosos os estudos que sinalan que os espazos naturais axudan aos nenos a concentrarse mellor e mitigan os síntomas do TDAH.
A maneira na que tradicionalmente estivo organizada a poboación en Galicia permitía que, polo común, todos os galegos tivesen preto da súa casa algunha parcela cultivable e un contacto estreito coa natureza. Pero esta forma de organización da poboación tan peculiar de Galicia estase desfacendo rapidamente
Pois ben, a maneira na que tradicionalmente estivo organizada a poboación en Galicia permitía que, polo común, todos os galegos tivesen preto da súa casa algunha parcela cultivable e un contacto estreito coa natureza. A poboación galega estaba distribuída en gran cantidade de asentamentos ou “lugares”, espallados polo espazo natural e agrupados en parroquias.
Pero esta forma de organización da poboación tan peculiar de Galicia estase desfacendo rapidamente. Desde mediados do século XX, a poboación galega comezou a concentrarse nas cidades, algunhas vilas e zonas periféricas, mentres que moitas zonas rurais perdían habitantes. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), no período que vai desde 1999 ata 2025, as cidades, vilas e arredores, que supoñen o 6,2% do territorio, gañaron 232.572 habitantes. En cambio, as zonas rurais, que representan o 93,7% da superficie, perderon 249.500 habitantes.
A administración debe actuar para desbloquear vivendas baleiras e terras abandonadas, facilitar a súa posta en uso, reducir os impostos para quen decida vivir e traballar nestas zonas e garantir boas conexións dixitais e servizos básicos
Este éxodo rural trae consigo o abandono de miles de lugares e vivendas. Así, en Galicia quedan deshabitados unha media de 34 lugares por ano. No ano 2025, a cifra total de lugares sen poboación ascendeu a case dous mil. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), correspondentes ao 2021, en Galicia hai 506.370 vivendas baleiras, o que supón o 28,8% do seu parque residencial. Se a tendencia continúa, toda a poboación galega acabará concentrándose nunha pequena parte do territorio e vivirá nun contorno urbano, a maior parte das parroquias e dos lugares quedarán deshabitados e o estilo de vida galego perderase.
Pode que a dispersión do hábitat teña custos na prestación de servizos públicos. Pero a concentración excesiva tamén os ten: problemas de acceso á vivenda, contaminación, estrés, perda de cohesión comunitaria, falta de creatividade ou deterioro da saúde mental e física co seu correspondente impacto económico. Ademais, a expansión do teletraballo e das tecnoloxías dixitais permite que cada vez máis persoas poidan desenvolver actividades económicas sen concentrarse necesariamente nas grandes áreas urbanas.
En Galicia, debido á abundancia de auga, a suavidade das temperaturas e a herdanza que nos deixaron os nosos antepasados, non debería ser difícil vivir nun contorno natural e ter unha parcela para plantar preto da casa. A administración debe actuar para desbloquear vivendas baleiras e terras abandonadas, facilitar a súa posta en uso, reducir os impostos para quen decida vivir e traballar nestas zonas e garantir boas conexións dixitais e servizos básicos. Cando nos miles de lugares abandonados se restauren as casas e os camiños e se replanten as leiras, cando neles os nenos se xunten para capturar arráns e tritóns, apañar nas patacas e gabear polos castiñeiros, entón restaurarase o contacto coa natureza no noso país e poderá haber nel non só prosperidade económica, senón tamén prosperidade cultural e humana.