Na primeira sesión deste curso político debaterase no Parlamento de Galiza unha Proposición de Lei presentada polo Partido Popular titulada “Fomento de implantación de iniciativas empresariais”. Nela podemos observar que a única proposta para fomentar a actividade económica consiste en reducir as chamadas trabas administrativas. Pero isto en que consiste?
Introdúcense cambios transcendentais en sectores coma o mineiro, o eólico e o forestal, actividades en Galiza producen e exportan materias primas baratas e deixan fortes impactos no país
Nunha proposición de lei que se tramita pola vía de urxencia introdúcense cambios transcendentais en sectores coma o mineiro, o eólico e o forestal, actividades en Galiza producen e exportan materias primas baratas e deixan fortes impactos no país. Lendo a proposta, vemos como as trabas administrativas son un eufemismo utilizado para non referirnos á protección ambiental e patrimonial, a aqueles elementos que melloran as condicións de vida da xente do común pero que, pola contra, molestan tanto aos negocios duns poucos: estamos a falar basicamente de lobbies mineiros, eólicos e forestais. Se non preguntade se gozan das mesmas facilidades as cooperativas de enerxía que apostan polo autoconsumo eléctrico, quen pide a axuda para o aluguer, ou quen precisa ticket eléctrico. E si os trámites administrativos para garantir a adecuada conservación do patrimonio, medio ambiente ou a paisaxe son demasiado lentos a solución non pasa por eliminalos, senón por mellorar a eficiencia e incrementar os recursos da administración en Patrimonio, na Consellería de Medio Ambiente, Medio Rural, etc. Así ademais de conservar e poñer en valor o país creamos emprego de calidade nestes sectores e na administración pública.
Actívase a iniciativa empresarial pero non para as PEMES e os autónomos, senón para as grandes corporacións empresariais
Suprímense os requisitos para unha minoría, mentres para os grandes poderes económicos e financeiros a administración fai a vista longa. Actívase a iniciativa empresarial pero non para as PEMES e os autónomos, senón para as grandes corporacións empresariais: así lexislan os señores do Partido Popular. Estamos diante dunha liberalización selectiva, que propiciará a profundización do modelo que especializa a Galiza na produción de materias primas baratas nas explotacións mineiras, enerxéticas e forestais, tendo en común fortes impactos no territorio, a pouca creación de emprego e riqueza relativa, e a concentración cada vez maior destes sectores en menos empresas.
O que reflexa esta PDL que presenta o PP é que para o executivo de Alberto Núñez Feijoo o futuro da economía galega non pasa por unha planificación que permita a racionalización na explotación dos nosos recursos naturais, ou por facer compatible a actividade económica coa preservación do medio ambiente. Temos exemplos concretos en varios sectores. No caso da produción eléctrica, un país que exporta 1 de cada 3 megavatios que produce non recibe practicamente nada a cambio mentres que o noso medio padece os custos desa explotación, que está ao servizo dun enorme negocio privado en mans de ENDESA, Gas Natural-Fenosa, Iberdrola, ACS, Ferrovial, Sacyr, bancos e fondos voitre. Ésta proposición de lei amplía a superficie das Áreas de Desenvolvemento Eólico, excluíndo unicamente a superficie da Rede Natura, que supón o 12% do noso territorio. Non se exclúe ningún outro territorio, nin por motivos de protección paisaxística nin patrimonial.
Estamos diante dun marco normativo fundamentado en decisións políticas, moitas delas herdadas da época Fraga, que facilitou a creación dun negocio en mans dunhas poucas empresas que facturan anualmente entre 600 e 700 millóns de euros. Un modelo de negocio que deixa beneficios residuais para o país se temos en conta o deterioro e a destrución que produce nos nosos recursos naturais, e que crea pouco emprego e nunhas condicións precarizadas.
Na sector mineiro, fronte ao descontrol ambiental da actividade empresarial, o caos administrativo da caducidade dos dereitos, as ilegalidades e alegalidades varias, pese aos constantes intentos de facer leis a medida que legalizasen o ilegal, esta PDL pretende acelerar os procesos de explotación mineiros o que agudizará os problemas tradicionais que a actividade provoca no noso país e sen solucionar ningunha das eivas.
No forestal non aparece ningunha liña que encamiñe o noso monte a un aproveitamento multifuncional, á integración do agrario e forestal, do respecto ao patrimonio, e da conservación da biodiversidade. Non aparece unha liña sobre mellorar a xestión do monte, a mellorar a súa calidade ou a introducir liñas con especies de madeira de calidade cun plan de transformación que xere emprego e valor engadido. Ao contrario, este TTIP de andar pola casa, considera que o gran problema do noso monte son as trabas administrativas e para solucionalo non propón destinar máis recursos e mellorar a eficiencia da administración para que as autorizacións e informes se realicen con axilidade, senón que aposta por eliminar garantías ambientais e patrimoniais.
O PP aposta por meter os cambios pola porta de atrás cunha PDL pola vía de urxencia co obxectivo de que pasen desapercibidos e non exista a oposición social que houbo noutros casos coma Corcoesto e o Anteproxecto da Lei de Acuicultura
E isto co escándalo engadido de que estes tres sectores precisaban un período exclusivo e por separado de debate previo para a definición dun novo modelo adaptado ao contexto actual e definindo obxectivos. E en vez dun debate por separado para a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico de Galiza, da Lei 3/2008 de minería de Galiza, ou da Lei 7/2012 de Montes de Galiza, onde houbese un alto grado de participación política e social, o PP aposta por meter os cambios pola porta de atrás cunha PDL pola vía de urxencia co obxectivo de que pasen desapercibidos e non exista a oposición social que houbo noutros casos coma Corcoesto e o Anteproxecto da Lei de Acuicultura. O poder vai aprendendo da experiencia.
Na proposta introdúcense cambios trascendentais propostos polas patronais respectivas destes sectores, na lei de Patrimonio, para desprotexelo, na Lei de Avaliación Ambiental para descafeinala, na Lei de minería para acelerar os procesos, na lei do sector eólico para facilitar a implantación dos parques para as grandes empresas do sector. Todo nun paquete express e a medida.
Non debemos resignarnos. A xente do común demostrou a súa capacidade de resposta en momentos peores ca este. Non hai que irse ao Nunca Máis, vímolo recentemente coas mobilizacións que conseguiron a paralización de Corcoesto. Permiten o saqueo do país dende as institucións que en teoría deberían defendelo. Outra vez de novo, mediante a organización popular, dende os colectivos que defenden o noso territorio contra estas agresións, podemos parar esta PDL. Fronte a un goberno que aposta unicamente polo modelo do espolio de Galiza, temos que activar as rúas e as prazas para parar esta desfeita.