O Québec, varias leccións para a historia

Hai un marabilloso documental sobre a historia recente do Québec titulado Une révolution tranquille-Une histoire populaire du Québec; no que se conta a evolución social deste país dende 1960 a 1980. O Québec dos anos sesenta era unha sociedade na que os cidadáns de fala francesa poboaban o rural mentres que as elites anglófonas, instaladas en Montreal, ocupaban os postos de relevancia na industria e na administración. As escolas e os hospitais eran, moi maioritariamente, establecementos da igrexa católica. Contra a fin dos anos sesenta estourou o cambio. Foi en sintonía con acontecementos que pasaban no resto do mundo, a primavera de París, a loita polos dereitos civís nos Estados Unidos ou o 69 compostelán. Obviamente, esta evolución estaba acompasada, senón motivada, pola deriva mundial de abandono do rural e a migración cara as cidades. Un motor que posibilitou esta transición no Québec foi o desenvolvemento dunha rede de presas que fixeron da produción de enerxía eléctrica a maior fonte de ingresos para a provincia. O punto de partida foi a nacionalización das diferentes empresas privadas que explotaban os diferentes saltos. Á cabeza do proceso de nacionalización, o ministro provincial para recursos hidráulicos, o antigo xornalista René Lévesque, daquela no gabinete do Partido Liberal do Québec (PLQ) presidido por Jean Lesage. En 1967, tres anos despois de ter executado o proceso de nacionalización de todos os recursos hidráulicos, que foron integrados na compañía de titularidade provincial Hydro-Québec, Lévesque deixa o PLQ para fundar e liderar o soberanista Partido Quebecois (PQ).

En outubro de 1970 a Fronte de Liberación do Québec (FLQ), un grupo armado separatista, secuestra un diplomático británico, James Cross, e o ministro de traballo da provincia, Jean Laporte. Este último foi asasinado mentres que Cross foi liberado despois de sesenta días de negociación que concluíron co exilio da célula do FLQ a Cuba. Neses sesenta días, o daquela primeiro ministro de Canadá, Pierre Elliot Trudeau, declarou o estado de guerra suspendendo as liberdades civís en Montreal e a súa contorna. Case cincocentas persoas foron arrestadas e os tanques circularon polo centro da cidade. René Lévesque opúxose firmemente ás medidas tomadas por Trudeau. Como consecuencia destes sucesos, que se coñecen como a crise de outubro, o nacionalismo quebequés experimentou un auxe que o levou a gañar as eleccións de 1976 e que tivo un punto álxido co primeiro referendo de separación celebrado en maio de 1980. Lévesque mantívose como primeiro ministro da provincia do Québec desde ese ano ata 1985.

A política canadense dos anos setenta e parte dos oitenta do século pasado estivo marcada polo antagonismo entre Trudeau, defensor dunha estrutura federal do estado e firme opositor do separatismo, e Lévesque. Trudeau foi primeiro ministro de Canadá dende 1968 ata 1986 (cunha pequena paréntese de menos dun ano tras as eleccións xerais de 1979). É moi salientable que neste período de convivencia entre estes dous antagonistas cada un deles foi quen de gañar amplamente as eleccións no territorio do Québec. Así, en 1979, eleccións que como vimos Trudeau perdeu no global de Canadá, o seu Partido Liberal do Canadá (PLC) arrasou no Québec con case o 62% de voto. Pola contra, só dous anos máis tarde, nas eleccións provinciais de 1981, o PQ de Lévesque gaña co 41% de voto. Para min, este é o exemplo da importancia do liderado en política. Tanto o PLC como o PQ tiñan a súa base electoral que os votaba a uns nas eleccións federais e a outros nas provinciais. Pero a vitoria non a decidían eses votantes. Os decisivos eran os electores que mudaban de opción dependendo da convocatoria. E facíano sen ataduras apoiando aquela opción que presentaba unha persoa que se percibía como natural para o posto, mesmo se na elección anterior o voto fose polo seu acérrimo rival. Eses electores cambiantes premiaban, decisivamente, a aquel que trasladaba a sensación de que na presidencia do consello de ministros, do Canadá ou do Quebéc, era idóneo para defender os intereses cidadáns dende o posto. Este é un principio que, na miña opinión, é básico en democracia. Unha opción que aspire a trunfar nunhas eleccións debe buscar e colocar á fronte a persoa para gañar as eleccións. Xogar á defensiva, pensando que virá unha vaga mellor, é un terrible erro.

Epílogo: René Lévesque finou dun infarto fulminante en 1987, só dous anos despois de deixar de ser primeiro ministro do Québec. A provincia e a idea de Canadá mudaron de xeito irreversible como consecuencia da súa política. Un exemplo é a lei 101, que estableceu a posición do francés como lingua normal de traballo, ensino, comunicación, comercio e negocio, e que nunca foi derrogada por gobernos sucesivos doutros partidos. Pierre Trudeau finou no ano 2000. O seu fillo máis vello, Justin Trudeau, vén de gañar as eleccións xerais do Canadá e será o seu vindeiro primeiro ministro. Os terroristas do FLQ retornaron a Québec e aqueles que participaran no asasinato de Jean Laporte foron xulgados e condenados. Un deles, Jacques Cossette-Trudel, é o director do documental que motivou estas liñas. Hydro-Québec mantén o monopolio de explotación dos recursos hidráulicos da provincia e produce o 40% da enerxía eléctrica consumida no Québec. É a compañía hidroeléctrica máis grande do mundo. No ano 2014 Hydro-Québec pagou máis de dous mil cincocentos millóns de dólares canadenses de dividendo o seu único propietario, o Goberno do Québec. As tarifas eléctricas no Québec son das máis baixas en América do Norte.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.