O racismo zombi

CC-BY-SA Praza Pública

Vostede non é racista, por suposto. Ninguén nos seus cabais admitiría crer no que a ciencia, a sociedade e a propia lei rexeitan como caduco e reprobable. Sen embargo, pasan os anos e o relato segue vivo na rúa, coma un teimoso zombi que reaparece aquí e alá para alimentarse da cidadanía vulnerable aos prexuízos e dos líderes dispostos a sacarlle rédito

Vostede non é racista, por suposto. Ninguén nos seus cabais admitiría crer no que a ciencia, a sociedade e a propia lei rexeitan como caduco e reprobable. Esa doutrina xa queima mesmo nas mans da ultradereita, pese á súa indisimulada xenofobia. Sen embargo, pasan os anos e o relato segue vivo na rúa, coma un teimoso zombi que reaparece aquí e alá para alimentarse da cidadanía vulnerable aos prexuízos e dos líderes dispostos a sacarlle rédito. De calquera xeito, custa entender que un monstro ideolóxico que xustifica a discriminación e o menosprezo de millóns de seres humanos logre manterse en pé nos nosos días.

 

Grandes éxitos da ciencia sen conciencia

É certo que desde o o século XVIII a ciencia non cultivou máis que fracasos no seu empeño por demostrar a inferioridade de certas razas. Mediron miles de cranios e narices, trucaron metodoloxías para corroborar simples crenzas e retorceron estatísticas de intelixencia ata facelas rechiar. Se miramos atrás, veremos que unha gran cantidade de estudos inservibles balizan a ciencia racista. Pero o seu esforzo non resultou en absoluto infroitoso. Aquel feble soporte teórico bastoulles ás virtuosas nacións de occidente para impoñer sen reparos morais a escravitude, o xenocidio, o espolio e a desigualdade.

A incapacidade das “outras razas” constituía un argumento esencial para os países dominantes, e os científicos e intelectuais traballaron nun entorno ideolóxico viciado e cómodo no que contaban con total apoio e credibilidade. En 1891 un médico chegaría a definir “drapetomanía” como unha enfermidade mental de negros que os impulsaba a fuxir da escravitude para a que estaban naturalmente deseñados. A comezos do século XX os Estados Unidos seleccionaban aos inmigrantes racialmente inferiores mediante probas de intelixencia que acabaron acreditando unha elevada porcentaxe de retardo mental en xudeus (83%), rusos (87%) ou italianos (79%). E en 1959 a filósofa xudía Hannah Arendt, respectada estudosa do nazismo, non tivo reparo ningún en apoiar a segregación dos negros estadounidenses.

 

As razas non existen, pero como corren os kenyanos!

Actualmente hai consenso científico en que non existen razas en Homo sapiens

Actualmente hai consenso científico en que non existen razas en Homo sapiens. Se a vostede lle custa recoñecelo, perante a evidencia das cores da pel, dos tipos de cabelo, da capacidade para correr maratóns ou da habilidade para bailar samba, desengánese. A aparencia e o lugar de orixe non explican ningunha característica o suficientemente significativa como para diferenciar aos seres humanos en variedades, como facemos coas pombas ou cos cadelos.

Sabemos que os xenes comúns a toda a nosa especie espalláronse e mesturáronse polo mundo en incesantes migracións

A aparencia racial non proba nada. Pódenos servir de exemplo o caso do chamado home de Cheddar, cuxos restos datados en 10.000 anos de antigüidade foron achados en 1903 en Gran Bretaña. Seguramente, daquela imaxinaron ao primeiro inglés autóctono coma un home pálido con habilidade potencial para tomar o té co dedo maimiño levantado. Un aspecto moi distinto ao individuo de pel escura que revelaron os recentes estudos. E tamén un aspecto moi distinto ao de calquera autóctono daquel lugar que vivise só 5000 anos despois, tras a incursión da tribo asiática dos Yamnaya que chegaría a substituír o 90% dos xenes “británicos”.

Sabemos que os xenes comúns a toda a nosa especie espalláronse e mesturáronse polo mundo en incesantes migracións, sen orixinar grupos pechados con características exclusivas ou con desiguais competencias. Iso que vemos hoxe en peles, cabelos ou tamaños corporais son trazos adaptativos recentes e superficiais. De modo que a facilidade para bailar samba non poderá vostede atopala nos xenes dos brasileiros, aínda que seguro que non lle van faltar explicacións irrefutables no bar do seu barrio. Como dicía o biólogo molecular Marc Van Montagú, “ninguén parece saber exactamente que é unha raza pero todos están ansiosos por contárnolo”. 

 

O bingo xenético

Actualmente, aínda hai organizacións con interese en facernos crer que unha dotación xenética deficiente pode causar a marxinación social e o fracaso educativo que vemos en certos colectivos, así como a fraxilidade socioeconómica dos países pobres. Axudalos sería, entón, como loitar contra contra a selección natural, unha misión abocada ao fracaso. Pero esta xustificación, aparte de inmoral, hai que demostrala. E niso andan moitos investigadores, na busca dun senlleiro antecesor da estirpe occidental predestinada a construír cidades e satélites. As outras razas serían as que quedaron na beiravía da evolución, condenadas ás guerras, ao retraso social e, se os deixamos entrar, a comer as nosas mascotas, segundo as últimas advertencias de Donald Trump…

Actualmente, aínda hai organizacións con interese en facernos crer que unha dotación xenética deficiente pode causar a marxinación social e o fracaso educativo que vemos en certos colectivos, así como a fraxilidade socioeconómica dos países pobres

O seu problema é que carecen das probas das presuntas vantaxes xenéticas, de aí a súa forte tentación de voltar aos vellos trucos dos medidores de cranios. As novas técnicas lévanos hoxe a introducir nun bombo miles de marcadores e cruzar os dedos ata que apareza algunha correlación coas características ou competencias que queren atopar nunha poboación. Pero xogar ao bingo é unha opción arriscada. Por exemplo, dous científicos do National Council Institute (EEUU) aseguraron achar un marcador relacionado coa inverosímil propensión a usar palillos para comer, que denominaron “sushi”. Un tal Bruce Lahn conseguía publicar na prestixiosa Nature o achado dun xene asociado ao tamaño do cerebro que podería ser a explicación dun salto civilizatorio hai 5800 anos, pero que logo resultou ser irrelevante. En canto á intelixencia en si, en máis dun século nunca foi acreditada ningunha “brecha racial”, tarefa na que insisten visionarios como Robert Plomin. Este destacado psicólogo asume que carece de datos para acreditar a heredabilidade das combinacións que determinan un maior ou menor cociente intelectual das distintas poboacións de estudo, pero ten absoluta fe en que acabará por deducilas da inextricable mestura dos miles de xenes e factores ambientais que constrúen cada intelixencia. De momento, os anos pasan e os únicos datos reais son, por exemplo, os incrementos de 7-10 puntos no CI de países africanos en só dous decenios grazas ás melloras sociais.

Queda claro que a ciencia é unha ferramenta que cómpre usar con honestidade, pero asegúrolle que resulta moi facil obter dela a conclusión de que non existen as razas. Se hoxe sobrevive o racismo zombi é unicamente porque moitos consinten en seguir alimentándoo cos seus prexuízos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.