O realismo ofensivo do novo shériff de Washington

Donald Trump asina ordes executivas no Despacho Oval o pasado 10 de febreiro © The White House

O poder brando baséase na persuasión e construcción dunha imaxe atractiva en oposición ao poder duro, que implica ameazas e uso da forza militar e comercial

Un dos académicos máis recoñecidos na actualidade polas súas contribucións ás relacións internacionais é Joseph Nye, quen durante toda a súa carreira ten estado vencellado á Universidade de Harvard e, nomeadamente, á influinte John F. Kennedy School of Government. Precursor da teoría do neoliberalismo institucional, que enfatiza a cooperación entre estados a través de institucións multilaterais, Nye introducíu o concepto de  soft power  por vez primeira nunha das súas obras de referencia, Bound to Lead: The Changing Nature of American Power, (1990, Basic Books). O profesor de Harvard desafía aquí a idea de que os Estados Unidos se atopaban en declive como superpotencia e argumenta que o poder non se basea unicamente na coerción militar ou económica (hard power), senón tamén na capacidade de atraer, influír e seducir a outros a través dos valores, a cultura e as políticas.

O poder brando baséase na persuasión e construcción dunha imaxe atractiva en oposición ao poder duro, que implica ameazas e uso da forza militar e comercial. En ulteriores traballos Nye ampliou e profundizou o concepto, analizando polo miúdo o modo no que os países chegan a promover e tirar partido do seu soft power. Indo un pouco máis alá, en The Powers to Lead (2008, Oxford University Press) Nye argumenta que un liderado efectivo require dunha combinación equilibrada e estratéxica entre hard e soft power, alumeando o que denominou smart power (poder intelixente). Posto en práctica por vez primeira con Hillary Clinton coma Secretaria de Estado na primeira administración de Barack Obama, o poder intelixente dispón un enfoque máis sofisticado da diplomacia, onde persuasión e cooperación van da man da forza, xa sexa de xeito retórico e potencial ou real, sempre e cando sexa preciso. 

Trump abraza forte a teoría do realismo nas relacións internacionais que sostén que as interaccións entre Estados veñen determinadas pola busca de poder e seguridade nun sistema anárquico, é dicir, sen unha autoridade central reguladora

Retrotraéndonos moitas décadas atrás na historia da humanidade, Trump abraza forte a teoría do realismo nas relacións internacionais que, definida por Hans Morgenthau no seu Politics Among Nations: The Struggle for Power and Peace (1948, Alfred A. Knopf), sostén que as interaccións entre Estados veñen determinadas pola busca de poder e seguridade nun sistema anárquico, é dicir, sen unha autoridade central reguladora. Segundo quen fora profesor na Universidade de Chicago, os Estados actúan de maneira racional e egoísta para maximizar os seus intereses nacionais en termos de poder militar e económico. O concepto foi requintado por Walz, pai do neorrealismo e autor de Theory of International Politics (1979, Addison-Wesley ), e Mearsheimer, quen desenvolve en The Tragedy of Great Power Politics (2001, Norton & Company) o “realismo ofensivo”, afirmando que os Estados buscan aumentar poder e acadar a hexemonía a prol da súa seguridade.

Trump prefire ser temido que querido, facendo da mesquindade o seu sinal de identidade e modus operandi

O 47º presidente estadounidense amósase coma acérrimo detractor das ensinanzas de Nye, deixando completamente de lado sedución e intelixencia na súa política exterior para facer de forza e e conflito o cerne da súa política exterior. Trump prefire ser temido que querido, facendo da mesquindade o seu sinal de identidade e modus operandi. Esposados e exhibidos na ágora pública, os inmigrantes ilegais son conducidos a avións militares para ser devoltos aos seus países de orixe. Ameazas pouco veladas dirixidas a Dinamarca e Canadá, pero tamén cara Panamá e a UE, rachando completamente o outrora considerado “bloque occidental”. Conxelación brutal e sen aviso previo da axuda internacional, sementando o caos no planeta. Dereitos de aduana enarborados como arma de destrución masiva contra quen -afirma- teñen abusado da “xenerosidade americana”. Presentación da Banda de Gaza coma solar inmobiliario, empurrando ao éxodo aos seus lexítimos poboadores palestinos...

Canto máis fai falta para concluír que Trump II está mais organizado, mellor armado, máis determinado e que ten presa? Canto para constatar que o seu afán por esnaquizar o dereito internacional e socavar o multilateralismo persegue unha lóxica imperial, de involución ao mundo da lei do máis forte? O soft power morreu, Donald Trump matouno

Xa é longa a relación de decisións unilaterais anunciadas e adoptadas desde que Trump foi investido líder da superpotencia planetaria. Nas antípodas do soft power, o presidente estadounidense optou pola ruptura en política exterior, collendo por sorpresa a un mundo que non se tomara en serio as ameazas. E cando o presidente Petro rexeita a chegada de avións con inmigrantes expulsados, nunhas poucas horas Colombia dobrégase ás esixencias norteamericanas. Cando o obxectivo son os aranceis con México, a presidenta Sheinbaum avense a razóns e multiplica as concesións. Cando Trump persevera que Exipto e Xordania terminarán por acoller aos palestinos non dubida en humillalos e intimidalos, lembrándoselles todo o que poden perder, acaso non terminará por impoñerse? Cando se exclúe a Bruxelas e mesmo á Kíiv da solución na Ucraína, agromando dúbidas e temores nunha UE dividida, quen dará un paso adiante para facer fronte ao dúo Trump-Putin? 

Trump non ten amigos nin aliados. Tras meses de xesticulacións, Europa sente a presión sen desencadear ningún tipo de acción, refuxiándose na cautela. Seguimos a especular sobre a posibilidade que os Estados Unidos estean a dispararse un tiro no pé. Dubidando se dispoñen dos recursos para sufragar tal inflación de ameazas. Mantemos a ilusoria expectativa dalgún tipo de negociación para que o histriónico líder se ateña a razóns. A mantemos mesmo despois de que JD Vance teña aproveitado a Conferencia de Seguridade de Múnic para disciplinar e provocar, sinalando de paso que “hai un novo shériff en Washington” e non agochando as súas simpatías pola extrema dereita continental. Canto máis fai falta para concluír que Trump II está mais organizado, mellor armado, máis determinado e que ten presa? Canto para constatar que o seu afán por esnaquizar o dereito internacional e socavar o multilateralismo persegue unha lóxica imperial, de involución ao mundo da lei do máis forte? O soft power morreu, Donald Trump matouno.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.