1- Parece ser que a preguntas de Ada Colau sobre a súa intervención en televisión con motivo do 1-O o Rei dixo que el o que tiña que facer era defender a Constitución. Ao pouco Garzón (non Baltasar, senón Alberto) comentou que non tiña constancia de que o Rei defendese aqueles artigos que fan referencia a dereitos sociais; ou sexa, veu acusalo de ser selectivo nesa defensa da Constitución.
Pero o caso é que o Rei non pode defender o que queira; el pode estar moi desexoso de defender o dereito ao traballo (artigo 35), ou á vivenda (artigo 47), ou a unha pensión axeitada que permita unha suficiencia económica (artigo 50); pero resulta que o xefe do Estado non é libre, e, por iso, non é responsábel: os seus actos estarán sempre referendados (artigo 56.3) e serán, por tanto, responsábeis as persoas que os referenden (artigo 64.2). O único para o que é libre o Rei e para distribuír a cantidade que reciba dos Presupostos para o sostemento da súa Familia e Casa e para nomear e relevar aos membros civís e militares da mesma (artigo 65.1 e 2.).
Isto é, non é responsábel porque non é libre para facer “isto ou o outro” como Rei; senón que depende do goberno para actuar dunha ou outra maneira ou non actuar (mesmo a súa proposta de candidatura á presidencia do goberno debe estar referendada, pola Presidencia do Congreso -artigo 64.1; isto é. Non pode propoñer a quen lle dea a gana).
Resulta, polo mesmo, divertido, cando lle preguntan a un portavoz do goberno acerca de tal ou cal acto ou discurso do Rei; como se o Rei puidese dicir o que queira: ese discurso tivo que pasar polo goberno e recibir o visto bo (supoñendo que o redactase el ou a súa casa e non directamente “o goberno”). En fin, o Rei non pode dicir nada que vaia incomodar, nin preocuparse por algo que non lle preocupe, ao goberno (como o traballo, a vivenda e as pensións, por exemplo).
Polo mesmo, non se entende en que pode consistir iso de que “arbitra e modera o funcionamento regular das institucións do Estado” (artigo 56), se todo o que faga precisa dun referendo. Como arbitra e modera el?
Quizais niso consiste, ou expresa, a ficción da autonomía do Rei , a pesares da mencionada esixencia legal de referendo. Agora ben, ficción que debe manterse, pois se o Rei se identificase co goberno, isto é, sen esa ficción, carecería de sentido, pois para facer o que fai o goberno, xa está este. Polo mesmo, debe haber sempre unha distancia entre ambos os dous; pois resulta necesario para manter a xustificación da institución. Nin ao Rei nin ao goberno lle interesan a confusión entre as dúas institucións; tendo, pois, que expresarse de modo que semelle que o Rei está por riba do goberno e non actúa como portavoz del. Aquel discurso de Juan Carlos I no que utilizaba unha expresión ben coñecida do Presidente do goberno daquela (“España va bien”), e non era só a expresión, pero esta era ben significativa; así como o discurso, de Felipe, ao que faciamos referencia ao comezo, facía razoabelmente dubidar desa distancia: foron, de feito, fosen ou non conscientes os implicados (goberno e Rei), dous “malos momentos” para a institución monárquica: de perderse a distancia, pérdese o sentido e a xustificación.
2- Mais hai decisións que a persoa do Rei si pode tomar libremente: as que toma como persoa, non como Rei (ir de caza a tal sitio, a esquiar a tal outro, de paseo a acolá, ...). Pois nesas decisións que tome libremente non se entende que estea exento de responsabilidades, de haber que esixirllas. Así, se conduce con exceso de velocidade, debería poder ser sancionado, mesmo quitándolle puntos; e se chegase a provocar un accidente con graves consecuencias, mesmo debería poder ser condenado con pena de privación da liberdade (non vai a sancionarse ao ministro de transportes, por exemplo). Quen é inviolábel é o Rei, cando actúa como Rei.
De modo que cando a Constitución afirma que “a persoa do Rei é inviolábel e non está suxeita a responsabilidades” (artigo 56.3) debería entenderse que se fala do Rei como Rei (sempre ten que haber unha persoa que estea a cumprir a función de Rei); logo, non pode ser unha inviolabilidade absoluta, senón condicionada á ausencia de liberdade que leva o exercicio do “poder real”.
Isto é, ten sentido desresponsabilizar ao Rei das decisións que non son súas; polo tanto, de decisións que non son libres: se non hai liberdade non hai responsabilidade; agora ben, xa carece de sentido desresponsabilizalo cando a decisión é libre. Ademais estaríase incumprindo o artigo 9 da Constitución, puntos 1 (“os cidadáns e os poderes do Estado están suxeitos á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico”) e 3 (“a Constitución garante o principio de legalidade”); pero, sobre todo o 14 (“os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social”).
Entendemos que isto, asumir cadaquén (incluído o Rei) as súas responsabilidades, consecuencia de decisións libres, tamén é defender a Constitución; e non dubidamos de que o Rei, chegado o caso, tamén defenderá nisto a Constitución, asumindo, como persoa, as súas responsabilidades.
3- Pero ocórresenos, tamén, que defender consecuentemente a Constitución (se iso é o que o Rei entende que debe facer, segundo, ao parecer, dixo), e dado que esta no seu artigo 14 establece o principio de igualdade e de non discriminación por razón de sexo, debería implicar, pola súa parte, abdicar na súa irmá maior (Elena), pois a aceptación de que el debe ser o Rei, semella contraditorio co principio constitucional de igualdade.
Podería aludirse que ese artigo e aquel outro que establece a preferencia do varón sobre a muller (57.1) son igualmente constitucionais. A iso pode responderse que efectivamente o son; pero: primeiro, o 14 é anterior e establece un principio constitucional; e, segundo, unha constitución sen ese artigo 14 (sen o principio de igualdade) non sería tal, mentres que a monarquía é unha mera circunstancia, que, por si, non converte en democrática unha constitución (tamén hai constitucións republicanas); pola contra, a ausencia dun principio tal (de igualdade) faría que esa constitución non merecese ese nome: é unha esixencia democrática, para que unha Constitución sexa iso. Hai, pois, unha primacía, case diriamos ontolóxica, do artigo 14.
Logo, se o que debe facer é defender a Constitución, quizais o que debese facer Felipe é abdicar en Elena; por coherencia constitucional, máis que nada.
4- Pero chegados a este punto, ao punto do artigo 14 e as súas esixencias de igualdade, as dificultades para a coherencia constitucional do noso Rei aumentan: resulta que “a Coroa de España é hereditaria” (artigo 57.1). E isto está flagrantemente en contradición co artigo 14 (cuxa primacía “ontolóxica” argumentamos antes); pois establece unha discriminación por razón de nacemento.
De novo, a renuncia a tan alta maxistratura sería a única opción coherentemente constitucional se o que pretende o Rei é defender a Constitución, como, ao parecer, considera que é a súa función. Mesmo podería manterse a Monarquía, pero non hereditaria.
De feito, aínda que a historia consagrou como o xeral que a monarquía fose hereditaria, tamén podería ser , e foi en moitos momentos e lugares, electiva; ou mesmo por sorteo (como foron moitos cargos na democracia ateniense).
No primeiro caso podería ser o equivalente á presidencia da República, elixida pola cidadanía nun proceso electoral (como en Portugal ou Francia), ou polo parlamento (como en Alemaña ou Italia). Tamén podería identificarse a figura do Rei coa Presidencia do goberno, como se identifica presidencia do goberno e da república en case toda América (así, poderiamos dicir: Mariano Rajoy, rei de España, por exemplo); e, de paso, facemos uns aforros, que, en tempos de crise, non está mal.
A outra opción sería por sorteo. Algo así como aquel concurso que houbo en televisión na época franquista: “Raíña por un día”. Claro que só por un día quizais non; pero por un ano ou por dous ou por unha lexislatura podería; e pudendo ser calquera persoa que estivese censada no Reino de España. En fin, “vivir a corpo de Rei -ou Raiña-” un ou dous ou catro anos. Mola, ou non?
Publicidade
{C}{C}{C}{C}