O remate do "oasis catalán"

Bandeiras independentistas nun balcón en Cataluña CC-BY-SA Núria_nur

Hai agora 20 anos celebrouse  o referendo sobre a reforma do Estatut de Autonomía de Cataluña. Foi o trámite legal que pechou a decisión tomada previamente polo Parlament a partir dunha iniciativa promovida polo PSC, daquela dirixido por Pasqual Maragall. A pesar de que a participación non chegou ao 50% do corpo electoral, o novo texto foi aprobado por unha clara maioría dos votantes. As principais forzas políticas adoptaron posicións diferentes a respecto do novo Estatut: CiU, PSC e IC (Iniciativa por Cataluña) apoiaron a reforma mentres o PP e ERC —por motivos certamente diverxentes— postularon o voto en contra.

No outono de 2017 rexistrouse o momento de maior intensidade do conflito, coa declaración unilateral de independencia por parte da maioría da Cámara catalá

Ademais da evidente importancia desta decisión no desenvolvemento da vida política en Cataluña, a reforma do Estatut provocou un grande impacto no conxunto do Estado. O PP —descolocado pola imprevista derrota electoral sufrida nas xerais de 2004— optou por unha estratexia de máxima confrontación contra semellante iniciativa política: discurso apocalíptico sobre o perigo inminente da ruptura da "unidade de España", recollida de sinaturas nas rúas e presentación dun recurso ante o Tribunal Constitucional. A sentenza ditada posteriormente —anulando algúns artigos do texto estatutario— foi unhas das causas fundamentais do xurdimento do que se coñeceu como procés: un potente e inédito movemento social en defensa da independencia de Cataluña acompañado dun cambio substancial nos comportamentos electorais rexistrados ate ese momento. Como é sabido, no outono de 2017 rexistrouse o momento de maior intensidade do conflito, coa declaración unilateral de independencia por parte da maioría da Cámara catalá e a inmediata aplicación polo goberno de Rajoy do artigo 155 da Constitución —co aval explícito do Partido Socialista— que permitiu a disolución da máxima institución representativa do autogoberno e a convocatoria anticipada de novos comicios ao Parlament.

Manifestación pola Diada de 2012 en Barcelona CC-BY-NC Abel Pau

Hoxe, case 10 anos despois daquela grave crise institucional, a situación política ten variado significativamente. No interior de Cataluña foise conformando unha nova correlación de forzas no ámbito parlamentar: a maioría independentista que sustentou, anteriormente, un Executivo de coalición Junts-ERC foi substituída por un acordo de gobernabilidade entre PSC, ERC e Comúns. O mapa reflectido no Parlament tampouco é o mesmo. Aquel "Cidadáns" creado por Albert Rivera xa non existe e tomaron carta de natureza dúas organizacións políticas defensoras da xenofobia ante o fenómeno migratorio: unha —Vox— enmarcada na apoloxía do españolismo fascista tradicional e outra —Aliança Catalana— instalada nun ideario independentista excluínte. A nivel estatal, a chegada de Pedro Sánchez á Moncloa no verán de 2018 levou aparellado un novo tratamento do conflito catalán: apertura de procesos de diálogo e negociación, aprobación de indultos para unha parte das persoas condenadas nos tribunais e, a partir de 2023, presentación dunha lei de amnistía para clausurar os efectos penais pendentes.

A radicalización da dereita xudicial e o medre de Vox son fillas, nunha boa medida, da ruptura fáctica do pacto constitucional tecido entre CiU, PSOE, PP e -sequera parcialmente- PCE/IU

Durante moito tempo, xeneralizouse o uso dunha expresión —"oasis catalán"— para describir a existencia un amplo período de estabilidade política naquela comunidade nacional baseada nun acordo estrutural sobre o status constitucional, a dimensión do marco competencial estatutario e a estratexia negociadora promovida por Jordi Pujol (primeiro con F. González, despois con J.M. Aznar e sempre descartando unha reforma do Estatut de 1979). A perda da hexemonía electoral de CiU no ano 2003, a elaboración dun novo texto estatutario e os efectos da crise económica de 2008 cambiaron definitivamente as circunstancias que fixeran posíbel aquela singular pax catalá. As inestabilidades derivadas desa nova situación chegan até os nosos días. A radicalización da dereita xudicial e o medre de Vox son fillas, nunha boa medida, da ruptura fáctica do pacto constitucional tecido entre CiU, PSOE, PP e —sequera parcialmente— PCE/IU. Non existe no tecido social —e na súa tradución política— un acordo sobre o encaixe da identidade nacional catalá na arquitectura legal do Estado español que proporcione unha consistencia análoga á que se rexistrou durante unha boa parte das décadas pasadas.

A sentenza do TXUE é unha reprobación indirecta da acción concertada das tres dereitas (política, xudicial e mediática) contra esa lei emanada do Cámara lexislativa do Estado español

As dificultades que exhibe Alberto Núñez Feijoo para fixar unha posición medianamente críbel sobre a situación de Cataluña tamén é ilustrativa dos cambios operados nos últimos anos: un día afirma que hai que pasar páxina do "procés" (buscando a complicidade daqueles -Puigdemont e Junts- que foron demonizados sen tregua polo seu partido) e ao día seguinte cala ante a reacción contraria expresada por Ayuso e por Vox ou ante o desgusto que seguramente lle trasladarán, discretamente, as cabezas mais representativas da dereita xudicial. E se o ex-presidente da Xunta decide pedir o asesoramento do seu amigo M. Rajoy en materia de identidades nacionais xa sabe o que pode recibir: que Mbappé non é un xogador de fútbol francés e que Yamal e N. Williams tampouco son españois. É o que pasa cando aceitas o liderado político de alguén que predica o etnicismo racista.

A recente sentenza do Tribunal de Xustiza da UE avalando a concordancia da lei da Amnistía coa lexislación vixente na Unión constitúe unha reprobación indirecta da acción concertada das tres dereitas (política, xudicial e mediática) contra esa lei emanada do Cámara lexislativa do Estado español. Está por ver se ese poderoso trío conservador é capaz de aceitar esta resolución xudicial e abandona as tácticas obstrucionistas e dilatorias na aplicación cabal da devandita Lei.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.