O respecto e a dor allea

Un vello dito dos historiadores afirmaba que o nacionalismo catalán fora o grande problema do Estado español na primeira metade do século XX e que o vasco sería o dos segundos cincuenta anos. Ignoramos a que lugar da historia reservaban tan preclaros videntes o resto das reivindicacións nacionais do mesmo contexto, nin se a galeguidade será o problema do século XXI. por unha vez, para alguén que non sexa ela mesma. O que si queda claro é que ao longo do século XX, e unindo as súas metades en anos particularmente escuros, o Estado español atravesou o maior dos seus problemas. Un problema tamén de nacionalismo, aínda que de signo moi distinto, e que causou un verdadeiro cataclismo social e político que marcou, cunha inflexión escurantista, o devir da súa sociedade. Referímonos, naturalmente ao golpe de estado de 1936, á guerra que provocou e sobre todo á ditadura subseguinte.

O século XXI español, por non ser menos, partiu tamén cun problema arrastrado dos estertores do século precedente e co que carga aínda como un fardo. O problema deuse en chamar Transición, e falouse moito del aló polos noventa e séguese falando cada 23 de febreiro, particularmente para convencernos de que foi un grande mérito non acabar nun segundo baño de sangue. Seguramente non foi un mérito pequeno evitar unha segunda confrontación armada, a verdadeira cuestión preséntase cando pensamos que se fixo a cambio dun borrón absoluto das responsabilidades criminais, que foi artellado dun xeito grotescamente continuísta e cunha moi relativa capacidade para abordar posibilidades alternativas dunha forma democrática.

Guste ou non a súa familia e aos seus camaleónicos compañeiros de viaxe, o finado Manuel Fraga representou papeis moi determinantes neses dous problemas, de feito representa un dos exemplos máis emblemáticos da relación de causalidade que hai entre ambos. Houbo quen cualificou esta última da segunda morte do prócer de Vilalba, poñendo o acento na moi meritoria transformación do ministro Fraga Iribarne no cacique local Don Manuel. A pesar diso, a traxectoria fraguiana non pode dividirse dunha forma tan alegre neses dous momentos máxicos, a interpretación da historia non consente abstraer ao primeiro do segundo, nin reducilo a unhas graciosas fotos tomadas na praia de Palomares. O obreiro que, no comezo do filme La revolta permanent, limpa o seu ollo de cristal baixo o chorro da billa, como primeira acción cotiá matutina, non o consentiría. Tamén non a memoria dos seus cinco compañeiros asasinados en Gasteiz no ano 1976, ao grito de La calle es mía. Moito menos o resto de sobreviventes e familiares, nin os das mulleres dos mineiros, rapadas e aldraxadas nas rúas, nin a familia do estudante Enrique Ruano, ameazada por Don Manuel (daquela Fraga Iribarne) para que non preguntasen por unha morte sospeitosa. E iso só por citar casos directos e comprobados, porque as complicidades co terror moitas veces deixan menos rastros e funcionan tamén na omisión e no silencio.

Resulta incríbel que unha persoa con esa traxectoria chegase a capitanear un cargo público electo durante tantos anos. E é certo, esa parte de culpa recae no pobo que o votou, que non por azar era o noso, aínda que sempre está ben lembrar que unhas eleccións non son un xuízo, e que a súa vida en democracia foi posíbel porque os xuízos non chegaron nunca, nin sequera os políticos, os mínimos esixíbeis, os dos compañeiros. Na conta de moitos elementos do centro galeguista e do pensamento liberal galego quedará para sempre a forma na que se desfixeron dos restos da súa ideoloxía para apertar mans tinxidas de sangue e seguir rubricando os erros históricos persistentes. Hoxe eses elementos seguen a celebrar a memoria de Don Manuel. E non podemos queixarnos de que reivindiquen a súa tan rendíbel figura no contorno do seu partido ou nos límites da súa familia. A fin de contas, cada formación política defínese tamén polos elementos que a formaron no seu pasado e está ben que sexa así, que non enganen a ninguén.

Outra cousa é pretender impoñer esas vasalaxes ás institucións e espazos públicos. Ou polo menos pretendelo sen agardar unha resposta. As estudantes e persoas da comunidade universitaria que o pasado catorce de febreiro impediron a homenaxe no recinto da universidade fixérono en defensa do último dereito que a sociedade universitaria pode reclamar: o de que non honren no seu nome criminais impunes, aínda que despois fosen presidentes. O contorno do finado esixe desculpas, consideran o acontecido unha intolerábel falta de respecto. Se cadra tivesen mellor sorte se non insistisen en impoñer loas corporativas, persoais e partidistas en espazos públicos. En calquera caso, recomendámoslles paciencia, axiña pasarán os vinte ou trinta anos nos que eles miden que se esvaece a dor allea. Esa que nunca recoñeceron ás familias das vítimas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.