O romanticismo necesario

Vivín o suficiente como para non necesitar facerme un "perfil mental" fixo e estático das persoas: nin para xulgalos despectivamente para autoafirmarme a min mesmo, nin para xulgalos positivamente para construirme unha auto-imaxe: non sei quen son, en senso pleno e absoluto, mais sei o que non son e non teño nada que vender aos demais agás unha certa actitude vital e existencial que, en verdade, non sei como "etiquetar": supoño que consiste en procurar unha "boa vida" con mesura -un hedonismo do gozo sen descoido da saúde-, unha "vida boa" -unha ética cotiá sen puritanismos e moralismo reaccionario que mostre algo de empatía ante a dor allea sen chegar á beatitude- e afecto recíproco e auténtico. 

Algúns chaman a esta actitude vital "Romanticismo", botando man do termo popularizado por films, novelas, prensa e revistas contemporáneas e que non é asimilable ao que foi histórica e culturalmente o primeiro romanticismo europeo. Hoxe, "romanticismo" é a reivindicación dunha sensibilidade que pon en valor a importancia de todo aquel valor humano que escape á brutal mercantilización e cousificación das relacións humanas, a procura de certa "autenticidade" non impostada nin deserotizada do afecto e a fuxida dun racionalismo estreito de miras que reivindica "liberdade" e "igualdade" sen un compromiso vital subxacente. En certo sentido, non tanto no contido e no resultado da creación estética, senon na motivación profunda, tamén o romanticismo histórico, o primeiro romanticismo, sigue tendo conexión con formas de romanticismo contemporáneas: hai formas que son realmente naive e ridículas e que reproducen anacrónicamente os clichés do romanticismo tradicional, mais, con perspectiva histórica, hai que agradecer aos románticos a tentativa de rescatar aos sentimientos da adoración fanática a un racionalismo calculador como tamén hai que tomar distancia da estereotipación e des-sexualización das súas musas así como da súa concepción arrebatada e atormentada do eros : en efecto, amar non é sufrir, pero cando se ama a alguén, é imposible non sentir ese picor que provoca o medo a perdelo. É humana conditio e ata o máis estoico dos estoicos, tratando de negar ou distanciarse das paixóns, e o máis budista dos budistas, tratando de matar o desexo trascendendo o ego, sinten ese picor. 

E aquí está o problema: vivimos nun contexto cultural no que ese romanticismo contemporáneo causa risa. Que cause risa o estereotipo decimonónico do amor romántico proxectado na sociedade contemporánea é de agradecer, mais que se descoñezan os aspectos política e culturalmente liberadores que tivo o romanticismo político, con tódolos seus defectos, e que impere un racionalismo cínico que se ría das tentativas de reconstruir culturalmente a importancia dos sentimientos morais nunha sociedade que está levando ao paroxismo, ata na vida privada, a cousificación e instrumentalización das relación humanas, militando nun todo vale permanente. Esto, sí, é algo que debería preocupar, e moito. 

Non sei se é o resultado ou a victoria do mercado da pornografía ou a hiper-sexualización da vida cotiá a través do marketing, mais o certo é que no momento en que os sentimientos morais e o desexo sexual se esgazan en dous á hora de falar de compromiso, o caldo de cultivo de todo tipo de violencia –de todo tipo, recalco – está xa preparado para, como mínimo, empobrecer a vida cotiá das persoas e construir un ecosistema cultural no que a desconfianza, a competitividade, a desesperación por non encaixar nuns valores instrumentais e violentos, a soidade non desexada e o baleiro existencial vaia atopando acougo no lucrativo negocio dos gurús da auto-axuda, na hiper-medicación psiquiátrica e na negación compulsiva de atopar unha alternativa á violencia sistémica facendo uso do pensamento crítico, da investigación científica socialmente útil ou da creación cultural en tódalas súas formas e linguaxes. 

O romanticismo necesario, hoxe, existe e non ten nada que ver co estereotipo decimonónico. Non só existe senon que conserva tamén a motivación profunda do primeiro romanticismo, mais nun contexto cultural no que os feminismos xa se encargaron de limparlle toda a roña cultural e afectiva para construir un horizonte de autonomía e igualdade real para as mulleres. O romanticismo contemporáneo coexiste, por suposto, con formas anacrónicas do romanticismo histórico en múltiples expresións artísticas e culturais, está presente en todo o noso ecosistema: é un xeito de ollar, de pensar, de sentir, de actuar, de relacionarse, de situarse existencial e vitalmente no mundo, mais non precisa da obsesión compulsiva pola identidade : eu, persoalmente, non creo no concepto de "identidade", sexa esta fechada, estática e excluínte ou sexa aberta, cambiante e incluínte. Non creo nela en ningún nivel, tanto cotiá coma político. Se teño que escoller, escollo, obviamente, a segunda opción, como mal menor, mais non creo nela porque sei que, se a primeira é unha forma "dura" e violenta de poder, a segunda é unha forma "branda" e violenta de poder que desfigura tódolos matices da vida cotiá: a chamada positive action para tódalas minorías raciais, sexuais, lingüísticas, étnico-culturais, é necesaria para o recoñecemento e a visibilización das mesmas, ¿mais en serio as nosas vidas e as nosas inquiedanzas vitais e creativas son tan pobres e carentes de alicientes como para fechala na reivindicación dun recoñecemento simbólico da identidade que, por outra banda, non solucionou ningún dos múltiples problemas encadeados polo capitalismo tradicional e contemporáneo?.

O romanticismo do que falo consiste en ollar a vida sen filtros, en ter os cinco sentidos abertos á historia de vida propia e á dos demais. En saber que cada instante das nosas vidas xa está morrendo e que o día de mañá quizais non nos vexamos as caras. En ser capaz de desvelar as debilidades e imperfeccións dun mesmo e dos demais sen tirar proveito delas: conectar con ese punto intermedio entre fortaleza e fraxilidade. En intentar entender, entender, entender, cal é o motivo profundo das feridas existenciais -esas que non poden medirse nin se escollen- propias e alleas sen dramatizalas. En compartilas porque aí está o ser que somos e porque nunca dous seres son radicalmente iguais nin radicalmente diferentes. En rexeitar a autosuficiencia e a comodidade existencial pretendéndonos libres de perigo ou plenamente integrados na sociedade. En darlle a volta ao calcetín dos mitos e os imaxinarios sociais para descubrir o lado duro, necesitado, incómodo, mesmo brutal, da existencia e da condición humana. 

E neste obxectivo todo vale agás a frivolidade: existen múltiples linguaxes para facer espertar á textura ética e moral do ecosistema cultural dominante da frivolidade, do pijerío e da estupidez calculada. Existe a fotografía, o teatro, a música, a literatura, a poesía, a política, o cine, as ciencias, as artes, o cómic, o deseño, a ilustración, o humor gráfico e, sobre todo, a vida compartida. 

En ningún lado está escrito que nós, os románticos contemporáneos, non sexamos fieis ao xardín de Epicuro. O que acontece é que o gozo e as risas… tamén ocultan as súas tormentas, e hai que miralas de fronte. 

¿Ou?. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.