O sainete tráxico da reforma laboral

Imaxe do Congreso dos Deputados durante un pleno © Congreso

No seu libro A distancia do presente, D. B. inauguraba un novo subxénero literario, o sainete tráxico para definir a política do Partido Popular nos anos do goberno de Mariano Rajoy e sobre todo como unha forma de entender o funcionamento do capitalismo español.

O sainete tráxico e por que non dicilo, a xustiza poética, déronse pola aprobación da reforma polo erro dun deputado escuro e case anónimo do PP

O sainete tráxico desapareceu como xénero e pareceu caer no esquecemento unha vez Mariano Rajoy foi descabalgado do goberno, moción de censura mediante. Inaugurouse unha nova época, novas formas, novos liderados na dereita, un ascenso da ultradereita inédito en España e por fin e tamén inédito un goberno de coalición que auguraba días apaixonantes e unha volta ao debate político, distinto pero igual de intenso que na época do ascenso de Podemos e o seu intento de tomar o ceo por asalto.

Novas formas diciamos, pero tamén novos xéneros literarios. O drama, o thriller político e mesmo a traxedia grega percibíanse como as novas tendencias que ían ser prominentes nunha lexislatura de coalición electoral atrapada nas súas contradicións, cunha dereita incapaz de atopar o seu sitio político, estrangulada entre o seu intento de ser oposición moderada e de estado e á vez disputar o trono do histrionismo, o bulo e a falacia á extrema dereita que marcaba a axenda política do espectro á dereita do PSOE.

Onte, con todo, nun día que se antollaba como histórico, todos os xéneros e subgéneros mencionados converxeron na xornada que debía quedar gravada no imaxinario colectivo da esquerda, como o día que por primeira vez se recuperaban dereitos laborais.

A ministra Yolanda Díaz, na xuntanza con CC.OO, UGT e a patronal CEOE na que foi aprobada a suba do SMI a 950 euros © Ministerio de Traballo

O sainete tráxico e por que non dicilo, a xustiza poética, déronse pola aprobación da reforma polo erro dun deputado escuro e case anónimo do PP, protagonista hoxe e nas próximas semanas de memes e escarnio público que equivocou o seu voto e permitiu non só que se validase a reforma laboral, senón que desactivou o intento de tamayazo dos membros de UPN que garantiran o seu voto a favor da reforma e que tras unha suposta reunión con membros de VOX e o PP cambiaron o sentido do seu voto con escusas vergoñosas e pouco ou nada creibles.

Nun día que se antollaba como histórico, todos os xéneros e subgéneros converxeron na xornada que debía quedar gravada no imaxinario colectivo da esquerda, como o día que por primeira vez se recuperaban dereitos laborais

Pero a traxedia, non hai que esquecelo, estivo a piques de darse e unha reforma laboral que non é a mellor, pero que recupera dereitos, e moito máis importante, cambia unha tendencia no marco das relacións laborais, puido irse ao traste. A responsabilidade de chegar a esta situación non foi dos intentos da dereita pola sabotaxe mediante a intriga palaciega e o rumoreo ao oído nas sombras. A responsabilidade de chegar a todo isto, ao voto equivocado, a cómpra venda de deputados e ao esperpento ten tres responsables claros. ERC, EH Bildu e BNG

Non nos enganemos, a negativa á reforma por parte destes tres partidos non hai que buscala na suposta morneza da reforma, nin na súa procura de maiores dereitos laborais, non era como escribía Joan Tardá en Público “el no del republicanismo al trágala da reforma laboral”.“ A realidade é que o non, era unha postura política premeditada e amparada nun cálculo electoral que tiña un obxectivo claro. Debilitar a Yolanda Díaz, debilitar a súa persoa e que o futuro proxecto electoral que presumiblemente botará a andar e que suscita todos os consensos da esquerda transformadora non nacionalista nacese colla e tocada.

As esquerdas nacionalistas hai tempo que creron ver amortizado e en decadencia o espazo político de Unidas Podemos, máxime despois dos seus grandes resultados en eleccións galegas, vascas e catalás e o naufraxio das candidaturas de UP. O nacemento, en cambio, dun proxecto comandado pola política mellor valorada, que é a responsable dun ministerio de tanta sensibilidade para a esquerda como é o de traballo e que cultivou éxito tras éxito no seu desempeño tiña que ser boicoteado. E que mellor forma de facelo que facer naufragar a medida estrela da lexislatura, situarse eles como os garantes da clase traballadora, colocar a UP como traidores á clase obreira e forzar a que a aritmética só resultase coa fórmula do apoio de Cs. Un plan mestre.

Que se mellorasen as condicións laborais era secundario ante a posibilidade de reforzar un espazo electoral que o nacionalismo considera como propio e que hai que conquistar e defender de organizacións políticas que non sexan elas mesmas

O propio Gabriel Rufián, admitiuno definindo o proxecto de reforma como “un proxecto persoal” de Yolanda Díaz. Rufián, deixaba clara a posición de ERC e o que supoñía para ERC a reforma laboral. Esta non era unha norma para a mellora do marco de relacións laborais, era un proxecto que lles ía a afectar politicamente. E que si esta era aprobada polo bloque de investidura, sería a ministra de traballo a gran beneficiada politicamente.

Que se mellorasen as condicións laborais era secundario ante a posibilidade de reforzar un espazo electoral que o nacionalismo considera como propio e que hai que conquistar e defender de organizacións políticas que non sexan elas mesmas. ERC, EH Bildu e BNG sempre consideraron a existencia de EU no seu momento e de UP agora como un corpo estraño nos seus ecosistemas e aínda que a súa esperanza era que a reforma se aprobase sen os seus votos para poder xustificar a súa postura contraria, a traxedia e o sainete tráxico que estivo a piques de culminar despois do esperpento da votación plenaria ten a Esquerra, Bloque e Bildu como primeiros responsables.

Que non se esqueza diso Yolanda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.