Alberta segue en Canadá. Á luz do escrutinio provisional, arredor do 75% dos votantes da provincia rexeitou, o 19 de outubro, iniciar o proceso legal para un segundo referendo, este si vinculante, sobre a independencia
Alberta segue en Canadá. Á luz do escrutinio provisional, arredor do 75% dos votantes da provincia rexeitou, o 19 de outubro, iniciar o proceso legal para un segundo referendo, este si vinculante, sobre a independencia. A pregunta era a décima e última dunha papeleta que incluía cinco consultas sobre inmigración e catro sobre reformas constitucionais. Os electores non decidían, xa que logo, sobre a ruptura. Dirimían se querían volver votar sobre esta, nun exercicio que se denominou «referendo sobre un referendo». O primeiro ministro, Mark Carney, celebrou o resultado como un éxito para o país. Antes da xornada xa votara o 43% do censo e a máxima autoridade electoral chegou a prever unha participación récord. O voto non medía tanto a vontade de secesión como a extensión dun agravio que a dereita gobernante decidiu instrumentalizar.
A consulta foi impulsada por Danielle Smith, á fronte do executivo provincial desde outubro de 2022 e líder do United Conservative Party (UCP), a gran formación da dereita populista albertana. En 2025 rebaixou os requisitos das iniciativas cidadás e iso abriu a porta a dúas peticións enfrontadas. A separatista Stay Free Alberta reclamaba o referendo, mentres a federalista Forever Canadian, do ex viceprimeiro ministro Thomas Lukaszuk, reuniu máis de 400.000 sinaturas en sentido contrario. Smith engadiu a pregunta sobre a separación en maio, pero votou por permanecer. A contradición explícase polo peso que gañou no UCP un sector separatista pequeno e radical, que Smith precisa para manterse no poder. Coa consulta, a primeira ministra concedeulle a votación que pedía sen asumir ela a ruptura. É a xogada de David Cameron co Brexit, aplicada a un conflito interno de partido.
O independentismo carece dun líder federador e só entre o 5% e o 10% aspira a unirse aos Estados Unidos. A estética, porén, delata a filiación trumpista
Alberta naceu en 1905 en virtude dunha lei do Parlamento federal e non controlou os seus recursos naturais ata 1930. O separatismo presenta esa anomalía como agravio fundacional. Sobre esa memoria asentouse a queixa fiscal dunha provincia petroleira que achega a Ottawa moito máis do que recibe e queda fóra das transferencias de perecuación, o mecanismo que compensa as provincias con menor capacidade fiscal. Jared Wesley analiza en Code Politics case un século de campañas electorais no centro-oeste canadense e describe un código albertano que prioriza a liberdade fronte á seguridade, en contraste coa tradición socialdemócrata da veciña Saskatchewan. O separatismo actual é a radicalización dese código e non a expresión dunha nación. Segundo unha enquisa recente da Universidade de Athabasca, un terzo dos que pensaban votar «si» só querían enviarlle unha mensaxe a Ottawa.
O soberanismo quebequés ten nación, lingua, institucións e partido de goberno, e en 1995 perdeu por pouco máis dun punto. O albertano ten agravio fiscal sen suxeito nacional e unha base maioritariamente rural
O Alberta Prosperity Project, de Mitch Sylvestre e do avogado Jeffrey Rath, convive con Stay Free Alberta, Let Alberta Decide ou Reclaiming Alberta. O independentismo carece dun líder federador e só entre o 5% e o 10% aspira a unirse aos Estados Unidos. A estética, porén, delata a filiación trumpista. Nos seus actos proxéctanse vídeos do falecido activista estadounidense Charlie Kirk e non faltan as gorras de Trump. Smith visitou Mar-a-Lago e o Financial Times informou de polo menos tres encontros en 2025 de dirixentes separatistas coa Casa Branca. Musk animou a separación desde X e a rede rusa Pravda amplificou o debate. Pero as presións de Trump espertaron o patriotismo canadense. As Primeiras Nacións recorreron aos tribunais contra a petición separatista en defensa dos tratados e os máis de 261.000 francófonos da provincia temían perder os seus dereitos lingüísticos.
O Parti Québécois de Paul St-Pierre Plamondon gañou as eleccións do 5 de outubro co 28% dos votos e gobernará en minoría con 59 escanos. Promete un terceiro referendo neste mandato, pero non antes de que Trump deixe a Casa Branca, en 2029. O soberanismo quebequés ten nación, lingua, institucións e partido de goberno, e en 1995 perdeu por pouco máis dun punto. O albertano ten agravio fiscal sen suxeito nacional e unha base maioritariamente rural. Sylvestre ve, con todo, un aliado en St-Pierre Plamondon. As regras que rexen Alberta naceron para o Quebec. En 1998 o Tribunal Supremo estableceu que ningunha provincia pode separarse unilateralmente, aínda que unha maioría forte diante dunha cuestión clara obrigaría a negociar. O «referendo sobre un referendo» albertano nin sequera chegaba ao limiar establecido pola Clarity Act de 2000.
O conflito non se pecha co reconto. Antes da votación, Sylvestre xa cuestionaba as máis de 658.000 solicitudes de voto por correo, se ben requiren a mesma identificación que o voto presencial. É a deslexitimación preventiva que popularizou o trumpismo
O conflito non se pecha co reconto. Antes da votación, Sylvestre xa cuestionaba as máis de 658.000 solicitudes de voto por correo, se ben requiren a mesma identificación que o voto presencial. É a deslexitimación preventiva que popularizou o trumpismo. A seguinte batalla librarase dentro do UCP. Os separatistas queren forzar no congreso de finais do vindeiro novembro unha revisión do liderado de Smith, para a que precisan o apoio de 22 das 87 asociacións locais do partido. En 2022, Jason Kenney superou un trámite semellante co 51,4% e dimitiu igualmente. O plebiscito serviulle á primeira ministra para gañar tempo e xestionar o seu flanco radical, pero non para desactivalo. Cameron fixo campaña pola permanencia do Reino Unido na UE, perdeu e dimitiu. Smith gañou, pero agora a ameaza de saída que os separatistas axitaban contra Ottawa apunta contra ela.