O SERGAS abandona as nenas e nenos da comarca da Fonsagrada e de Castroverde

Centro de Saúde da Fonsagrada ©

Nais e pais de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira e Castroverde, lugares cos que teño moita relación, expóñenme a súa preocupación pola falta de pediatra dende hai algo máis de 2 meses

Nais e pais de Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira e Castroverde, lugares cos que teño moita relación, expóñenme a súa preocupación pola falta de pediatra dende hai algo máis de 2 meses. A alternativa que lles ofrecen é acudir ao médico de familia ou, nalgúns casos, desprazarse a Lugo para que os nenos reciban a atención pediátrica que precisan. 85 quilómetros separan Negueira de Muñiz da capital da provincia, o que supón hora e media de ida e outro tanto de volta. Unha traba máis para unhas familias que, pese a todo, desexan vivir no rural. 

Viticultura en Negueira de Muñiz ©

A inestabilidade é a principal característica do servizo asistencial que ofrece o SERGAS nesta comarca da Montaña. Así, 1 día á semana hai médico en Negueira de Muñiz, cando antes eran 2 días á semana, e na Fonsagrada teñen 3 médicos, pero saben que non tardarán en reducirse a 2

Negueira de Muñiz ten tanto excedente de beleza coma déficit de poboación. A natureza, xenerosa, exhíbese sen pudor, os montes cófanse no ceo e a uva, branca lexítima, anega o padal e dáse a valer pola acidez atlántica, a intensidade aromática e o carácter afroitado. “Sabe ben”, comentei o pasado mes de abril na Festa do Viño, namentres pensaba no enorme potencial humano e no potencial desta terra, vítima da falta de políticas que posibiliten que as mulleres e os homes que a aman poidan vivir dela e nela, cuns servizos dignos impulsados pola administración autonómica, sendo a sanidade e a educación básicos. O anterior súmase a uns datos globais alarmantes, as gandarías pechan a centos cada ano, coa conseguinte redución do tecido económico. Ante isto, sorprende a indolencia da Xunta de Galicia que, pola contra, si está moi activa e implicada en sacar adiante ALTRI, unha ameaza máis. Por se fora pouco, recortan de forma drástica a asistencia sanitaria, deixando nenas e nenos sen pediatra. 

A inestabilidade é, de feito, a principal característica do servizo asistencial que ofrece o SERGAS nesta comarca da Montaña. Así, 1 día á semana hai médico en Negueira de Muñiz, cando antes eran 2 días á semana, e na Fonsagrada teñen 3 médicos, pero saben que non tardarán en reducirse a 2, cando se xubile o de máis idade. Sempre coa ameaza do recorte ou da baixa que non se cubre. 

A Ana gústanlle a tranquilidade e o contacto coa natureza, pero preocúpanlle as necesidades da súa filla. A saúde forma parte desas necesidades básicas que se deben atender e considera que Lugo está moi lonxe, a hora e media, se precisan asistir á consulta dun pediatra

Esta precariedade asistencial forma parte da vida de mulleres coma Ana, quen me atende con amabilidade e por teléfono. Compaxina o traballo en Correos coa adega familiar, á que lle dedica moito esforzo e outra tanta ilusión. Na adega traballa coas variedades autóctonas, as prezadas vides de mencía, branca lexítima e merenzao. Recuperando, a partir do ano 2000, unha tradición ancestral que caera case no esquecemento despois da construción do embalse de Grandas de Salime, tamén como consecuencia da perda de poboadores. O clima benigno da ribeira do Navia, amais de paradisíaco, é idóneo para os viñedos. Por que non aproveitar ese potencial e facer del un modo de vida?

A Ana gústanlle a tranquilidade e o contacto coa natureza, pero preocúpanlle as necesidades da súa filla, escolarizada na Fonsagrada porque no seu día non había posibilidade de facelo en Negueira de Muñiz, e agora que a hai xa está afeita aos compañeiros, razón pola que asume o trastorno do traslado diario ata este centro educativo. A saúde forma parte desas necesidades básicas que se deben atender e considera que Lugo está moi lonxe, a hora e media, se precisan asistir á consulta dun pediatra. Exprésao todo con tranquilidade, sabe das limitacións e das trabas que dificultan a vida dos seus no rural, pero non se resigna, cre que merecen un trato mellor e unha consideración como a que se ten cos que vivimos na cidade. Eu tamén o creo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.