O seu Estado é policial

Coa aprobación da  "lei mordaza" o Goberno de Rajoy e o PP traspasaron a liña que separa e enfronta a demócratas con antidemócratas. Soubemos hai uns días que o ministro Fernández Díaz ten unha unidade de policía política secreta dedicada a espiar a políticos e personalidades catalás, pero agora con esa nova lei transforma a policía española nunha policía política e ao Estado nun Estado policial.

Coa aprobación da  "lei mordaza" o Goberno de Rajoy e o PP traspasaron a liña que separa e enfronta a demócratas con antidemócratas

Estou a esaxerar? Estou paranoide? Entón estao a maior parte da sociedade, segundo as enquisas, e todos os demais partidos, segundo manifestaron no Parlamento.

"A lei é unha volta ao Estado policial e non é necesaria" e "coa coartada da seguridade queren cernar dereitos dos cidadáns, impondo o dereito administrativo do inimigo e eliminando o control xudicial". Así se manifestou o portavoz socialista e con argumentos semellantes todos os demais partidos. Efectivamente, un Estado policial é aquel en o que o poder Executivo usa discrecionalmente a policía sen control xudicial, nun Estado policial todas as liberdades e garantías democráticas que figuren na constitución están anuladas por decisión do Goberno ou mesmo dun axente calquera da policía.

O ocultamento da realidade en que vivimos estas décadas baseábase en gran parte en que non lles chamásemos "franquistas" aos franquistas. Eran franquistas e ségueno sendo, nunca se avergoñaron de selo, son "a xente normal, a xente como Deus manda".

Se os partidos da oposición cren o que din están obrigados a comprometerse publicamente a que esa lei será derrogada inmediatamente e a recorrela conxuntamente ante o Tribunal Constitucional

Ante algo tan grave o único que corresponde é a actuación conxunta de todos os demócratas. Se os partidos da oposición cren o que din están obrigados a comprometerse publicamente a que esa lei será derrogada inmediatamente e a recorrela conxuntamente ante o Tribunal Constitucional. Aínda que o PP fagocitara tal institución é necesario que os demócratas fagan o percorrido polas institucións do Estado existentes. E só se pode explicar por falta de perspectiva e de liderado social que non estean a chamar xa á cidadanía a responder por todos os medios.

Quen ten que convocar a cidadanía a que se manifeste en todas as cidades do Estado contra o roubo dos seus dereitos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.