O seu nome fede a pólvora queimada, excelentísimo señor!

Efecto da guerra en Ucraína CC-BY-SA ZomBear

«Tristes guerras / si no es amor la empresa. / Tristes. Tristes. / Tristes armas / si no son las palabras. / Tristes. Tristes. / Tristes hombres / si no mueren de amores. / Tristes. Tristes.» (Miguel Hernández, Tristes guerras)

 

Ao asomarse o ocaso do atardecer, sempre aparece unha inmensa manda de estorniños decididos a resgardarse da intemperie, a poñerse a cuberto, a agocharse para esquivar a insolencia da noite. Voan coa mirada posta na hedreira verde que, a piques de afogalo definitivamente, agatuña pola avellada casca do pino ergueito na esquina do parque, termando sen apetencia dalgunhas ponlas que se agarran como carrapatos a un corpo lánguido, case afogado pola da metástase da podremia que o invade sen tregua. 

Un novo estrondo, cargoso e irreverente –un de tantos– atrae a atención dos inertes apátridas que, agora si, enfocan a ollada cara ao edificio onde consumen a maior parte da súa existencia. Mais só poden ver, e mesmo apalpar, a espesa fumareda que, nun santiamén, abafa aquel solpor radiante. Ao espantarse, os inxenuos paxaros, voan adoecidos cara a arriba, talvez á procura dun ceo inalcanzábel e, nesa fuxida desesperada, ao tomarlle a dianteira aos nubarróns, petan de cheo contra a dura codia do firmamento. Coas ás crebadas, case desplumados, emprenden o regreso forzoso, canda unha chuvia de zunados proxectís, en busca daquel pino moribundo. Ao non atopalo, acaban estoupando contra os abdomes rebentados dos cadáveres que decoran parte da avenida. 

Vehículos destruídos na estrada entre Kharkov e Kiev CC-BY-SA Viewsridge

No canto de bucinas e sirenas das ambulancias cacarexan ducias de pegas, voando a rentes dos tellados canda os incontábeis voitres, competindo pola carnaza que presentiron meses antes do acontecer noxento que nunca escampa. Ao asentar a poeira da cinsa negra, unha incalculábel morea de escombros agárrase aos anacos dos cadáveres –e aos cadáveres enteiros– para deixar constancia de quen manda no barrio. Ringleiras de coches circulan con absoluta naturalidade, como se non pasara nada. Circulan coas ventás pechadas, para evitar o olor a pólvora queimada que desprenden os vómitos trousados polos mortos, xusto antes de morrer. Varios cadelos esfameados refungan entre eles, e peléxanse por lamber as pozancas do sangue que tingue de vermello o monótono gris marengo das beirarrúas, mentres uns nenos lamben os mocos, choran e corren cara ningures, desesperados, sen tino, en busca de alguén que nunca atoparán. Nunca. 

Engalanados con carrancas de aceiro inoxidábel, ladran e ouvean os cans grandes –os excelentísimos señores con pedigree– oulean e ladran antes de repartir o mundo en lóbulos hepáticos, para engulir e degustar o fígado cru sen ningún condimento.

E nós? Nós aí estamos, apapahostiados, coas asentadeiras acopladas no sofá, coa cervexa nunha man e o mando do televisor na outra e, tomando posición do lado que nos mandan, permanecendo impasíbeis, vendo como Putin se pasea polo despacho, lambendo ovas de esturión; ou como o coro de adoratrices de Occidente –Scholz, Sánchez, Macron...– lucindo traxes de cor azul cobalto, lle rin as bromas á momia americana de plexiglás, antes de acordar enviarlle máis escopetas aos rapaces de Ucraína, antes de dicirlle si Bwuana á orde de gastar máis en balas. Das outras guerras que tamén ensanguentan o mapa, non se fala. E, se non se fala, é que non as hai. 

Apago o televisor e, no medio do silencio e da escuridade da noite, escóitase o canto queixoso dunha curuxa, que non para de laiarse, porque sabe que mañá ninguén se acordará de nada. Debe ser a guerra, me cago ata na puta miseria!

[O meu tío Lisardo bota fume polas orellas, observando como cualifican os cadáveres con absoluta normalidade os encargados de contarnos o que pasa: tantos os soldados bos, tantos soldados malos e cidadáns dun ou doutro bando.] 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.