O sitio do galeguismo

Fun ver o derby galego a Riazor na compaña de dous bos deportivistas e amigos de meu: Fuco, artista e intelectual e Maceiras, correspondente económico para Galicia e Portugal dun xornal británico. No descanso deulles en falar do país e do galeguismo.

Fuco- Ferrín vai, dimite, sae da Academia na compaña de toda a súa Comisión Executiva e nos advirte de todos os males que lle agardan á Casa despois da súa marcha. Volven os académicos e xunto co resto aproban as contas e abren unha nova etapa por unanimidade. Que sentido tiña toda esa posta en escena?

Maceiras- O que me chamou a atención é o apoio total que lle prestaron nesta xeira a Ferrín algúns dos sectores máis á dereita e menos galeguistas.

F.- É o de sempre. Para estes, o mesmo que para o PP, o lugar do galeguismo é o rebumbio e os “shows” parlamentarios. Pero cando o galeguismo fai un plan eólico ou de vivenda, xestiona os concellos  con modernidade e eficacia ou presenta unha proposta lexislativa para previr a corrupción  entón faise perigoso e compre ir por él.

M. Pois xa me contarás, Fuco. A este país o que lle compren  son políticos honrados e eficaces, que saiban xestionar,si, pero que teñan un proxecto e unha ilusión para transformar  a sociedade. Como Obama.

F. Curioso  que cando o galeguismo extrema o seu discurso e prefire a trincheira a construir unha  alternativa de goberno a dereita española pode gobernar con máis comodidade.

M. Pois agora a ver se se poñen as pilas, porque o bipartidismo estase a afundir, pero se o galeguismo segue nos biosbardos os seus herdeiros poden ser Rosa Díez e Cayo Lara.

F. Do que compre falar é de como saírmos desta. Hai que crecer, reformar a fiscalidade e repartir máis xustamente o custo da crise. Ese había ser o discurso do galeguismo. Pragmático, pero ilusionante.

O comezo da segunda parte veu rematar esta conversa, que os meus amigos deixaron pendente de rematar, como tantas outras veces. Unha cuarta persoa que nos acompañaba rematou a parola coa sentenza: “a ver se falades menos e facedes máis. Aprendede de Fernando Vázquez”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.