O Sur, o Sur tamén existe

Conferencia Internacional sobre Financiamento para o Desenvolvemento, en Sevilla © Goberno de España

Dias atrás, exactamente entre o 30 de xuño e o 3 de xulio, celebrouse en Sevilla un novo cumio da ONU (“IV Conferencia internacional sobre financiamento para o desenvolvemento”) no que participaron representantes de 150 países -70 xefes de estado- que se xuntaron co obxectivo de atopar solucións aos graves retos financeiros con que se afronta o sistema mundial. Un cumio que nace do Consenso de Monterrey (2002), se actualiza coa Declaración de Doha (2008) e se renova coa Conferencia de Addis Abeba (FFD3) celebrada en xuño 2015 cando se adopta a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. 

Na citada conferencia (FFD3) tódolos Estados Membros das Nacións Unidas presentes aprobarían 17 Obxectivos como parte da citada Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible que “constitúen un chamamento universal a acción para poñer fin á pobreza, protexelo planeta e mellorala vida e as perspectiva das persoas en todo o mundo”.  Obxectivos para cuxa consecución se fixaría un prazo de 15 anos e que comprenden metas tan ambiciosas como o fin da pobreza e a fame cero;  a saúde, o benestar e o ensino de calidade; o traballo decente e a  igualdade de xénero; o acceso alcanzable a auga limpa ao saneamento e a enerxía; a redución das desigualdades; o freo ao quecemento climático e a protección da vida nos ecosistemas; a paz, a xustiza e as institucións sólidas...etc. 

Neste marco global a IV Conferencia Internacional sobre Financiamento para o Desenvolvemento (FfD4) celebrada recentemente en Sevilla que segundo a Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento era “unha oportunidade para pasar das palabras aos feitos, para revisa-la arquitectura financeira internacional e mobilizalos recursos necesarios para cumprilos obxectivos fixados na Axenda 2030” serviu, cando menos para que os estados do Sur global presentes puxeran enriba da mesa que xa sobran as palabras, que “fan falta medidas urxentes....que lles permitan respirar, afrontalo futuro con esperanza de prosperidade” e para elo “unha das cuestións claves é eliminar a presión da débeda que asfixia a miles de millóns de persoas en todo o planeta. Hoxe, 3.400 millóns de persoas viven en países que gastan mais no pago da débeda que en saúde ou ensino” (REBECA GRYNSPAN, responsable de Comercio e Desenvolvemento na ONU). Segundo fontes da UNCTAD (Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento), “o maior lastre dos países mais probes do mundo atópase no pago da débeda. Os países en desenvolvemento teñen subscrita un terzo da débeda externa global (31 billóns de dólares dun total de 100 billóns de débeda mundial)”.

Esta IV Conferencia celebrouse nun contexto internacional marcado pola chegada a Casabranca de Donald Trump ao fronte dun grupo de oligarcas e polo ascenso da extrema dereita en moitos estados de Europa que están impulsando o incremento do gasto público militar pero que aloxa no horizonte moitos dos obxectivos fixados na Axenda 2030 empezando polo cumprimento do compromiso do 0,7% do PIB en Axuda Oficial ao Desenolvemento (AOD), pasando pola reforma da fiscalizade internacional e rematando pola mobilización de recursos para a acción climática e a diversidade. Non menor importancia ten a saída de capitais dende estados do Sur para os do Norte que, segundo fontes solventes pode superar os 2 billóns de dólares nos últimos vinte anos e que “mais do 80% por cento ten que ver con prácticas de elisión, evasión e fraude fiscal das grandes empresas e o 20% restante a corrupción e ao crime organizado”. A pregunta ven por si mesma, que pasaría si todo este diñeiro se empregara en AOD?.

Non cabe dúbidas de que a Cooperación internacional pasa por un dos seus peores momentos. Segundo a OXFAM “a AOD (Axuda Oficial ao Desenvolvemento) sufrirá no 2026 un recorte do 28% respecto ao 2024 por parte dos países do G7 que representan o 75% da axuda mundial. O caso mais grave é o dos Estados Unidos que eliminou o 75% dos programas que supuñan o 75% da axuda mundial. Entre 3,3 e 3,5 millóns de persoas poderían perdela vida este ano 2025 debido ao colapso destes programas humanitarios...2,3 millóns de nenos poderían quedarse sen tratamento contra a desnutrición severa e poden producirse hasta 161.000 mortes infantís ao ano”. (Pablo J.Martinez, OXFAM). Non é que falte diñeiro o que “falta é vontade política para distribuílo de forma máis xusta: a riqueza do 1% mais rico do planeta medrou en 34 billóns de dólares nos últimos 10 anos, cantidade suficiente para erradicala pobreza mundial 22 veces” (OXFAM). 

Un recorte da Axuda Oficial ao Desenvolvemento que se produce cando os estados da OTAN veñen de aprobar un incremento desmesurado (un investimento anual do 5% do PIB de cara ao 2035 ) dun gasto militar que xa supoñía 12 veces o gasto destinado a cooperación. Un recorte que tamén ten lugar nunha tendencia xeral dos estados a non cumprir os compromisos contraídos: si nos anos setenta o compromiso fora de aportar un 0,7% do PIB en axuda ao desenvolvemento, hoxe en día (2025) case ningún estado o cumpre: so Noruega, Suecia, Luxemburgo e Dinamarca (España: 0,25%).

Neste marco que se pode dicir da Conferencia celebrada en Sevilla (FfD4) que tivo lugar cando so faltan cinco anos para que expire o prazo da Axenda 2030?. En termos xerais compartimos a opinión das ONGs mais representativas de que “o documento final aprobado polos Estados, coñecido como Compromiso de Sevilla, non está a altura das urxencias globais. Inda que recolle algunhas referencias relevantes, “carece de compromisos concretos e vinculantes que afronten as raíces da desigualdade e garanten financiamento suficientes e sostido para os dereitos humanos e os bens públicos globais. As propostas mais ambiciosas, moitas delas impulsadas por países do Sur Global e pola sociedade civil, quedaron fora”, propostas sobre xustiza fiscal, reforma do sistema financeiro internacional e un enfoque novo sobre as débedas soberanas. Así o documento final “non conten as medidas vinculantes e efectivas que son necesarias para abordalas desigualdades e a loita contra a pobreza...en lugar de abordar con determinación a cancelación da débeda, o incremento da AOD, un aumento dos impostos as grandes empresas contaminantes e a reforma dos mecanismos financeiros internacionais, os países participantes optaron por conferencias e anuncios vacíos sen deixar espazo para a negociación e para acadar novos compromisos (Comisións do Clima, Ecoloxistas en Acción). 

Esto fixo que en Sevilla se volveran a repetir os problemas de conferencias anteriores de que, por caso, “a participación do Sur en estes consellos non existe, a democracia e moi deficitaria pois impídese a plena participación da sociedade civil mundial e a dos estados do Sur global” -cuxas propostas foron relegadas- “mentres as empresas, os bancos e os fondos de investimento gozaron dunha presencia e visibilidade sen precedentes, confirmando a importancia que ten para eles evitar algún cambio no seu status quo..... Esto son declaracións multilaterais. Son boas intencións, non son mecanismos dentro da ONU. Non hai mecanismos que obriguen: son decisións sen compromisos concretos...son sinais e non realidades”(Ecoloxistas en Acción). O grande desafío segue sendo “pasar da retórica a acción.. iso require vontade política algo do  que escasean a maioría dos países europeos” (Alvin Mosioma. Open Society Foundation).

No escenario mundial no que nos movemos, con Donald Trump dende a Casa Branca e Vladimir Putín dende o Kremlin rompendo os marcos internacionais, sen que China pense noutra cousa que os seus intereses comerciais e financeiros e unha Unión Europea que está atravesando unha crise de tal magnitude que pode chegar a perdela súa identidade e desfigurarse en movementos centrífugos. a AOD (Axuda Oficial ao Desenvolvemento) pasa por un momento crítico tal que agravará, aínda mais, a situación no Sur Global.

Un Sur que a pesar de todo, e de todos, tamén existe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.