Malcom X dicía que se non tes coidado cos medios de comunicación, acabarás amando o opresor e odiando o oprimido.
Nos réximes democráticos de Europa nunca se inoculou unha mentira de maior dimensión e intensidade mediática que a destinada a derrocar o réxime venezuelano. O obxectivo é suculento, apoderarse da riqueza do seu subsolo, con inmensas bolsas de gas, minas de coltán e as maiores reservas auríferas e petroleiras do mundo.
Cos anos esta mentira vaise transformando en xeolóxica. Vostede poderá discutir con moita dificultade sobre quen queimou o día 23 F os camións de alimentos na fronteira con Colombia (un dos últimos falsos positivos) pero resultaralle imposíbel razoar que hai eleccións limpas en Venezuela, pois iso integra un dos estratos máis antigos da mentira e metamorfoseou en rocha.
A mentira transmítena os medios de comunicación e os políticos. Con dous formatos principais, os posíbeis para calquera mentira: un de invención, constante, sistemática, practicamente diaria, e outro de ocultación, evitando todo o que poida haber de positivo para a parte contraria e de negativo para a propia. Como con Iraq e con Libia pero máis requintado, implicando máis medios, perfeccionándose co esforzo, que é moi tenaz.
O resultado aproxímase á unanimidade de criterio na maior parte de Occidente, particularmente en España. Instalaron no imaxinario popular dous monstros diabólicos, antes Chávez e agora Maduro. Parécense aos das épocas máis escuras de Europa, cando o analfabetismo e a superstición dominaban o continente. Só falta que nos saian aos camiños polas noites. Aquela opinión pública que esixía contrapesos, que contrastaba, discernía e demandaba racionalidade e até certa honradez ao informante está desaparecida.
A maior parte dos xornalistas son lacaios, sométense á opinión única, conviven coa invención da realidade, deben formarse nesa artimaña. Saber inventala é mérito profesional.
Que o xefe da oposición española minta máis do que fala, que todo o mundo o saiba e que esa canallada non se converta na súa tumba política é a mostra dun deterioro alarmante.
As xentes da esquerda participan en xeral desta forma de aceptar a mentira. Sen esixencias, sen contraste, sen busca crítica, en xeral están dispostas a repetir, como fan os papagaios, as racións diarias de falsos positivos que lles administra especialmente o medio de cabeceira, o diario El País. Non cuestionan para nada que sexa propiedade dun fondo voitre e do Banco de Santander, máis ou menos. A pantomima posúe todo, causas, efectos, circunstancias, teorías, consecuencias, discurso prolongado e firme, un océano de merda. E repiten iso, empiricamente falso. E non é posíbel discutilo, porque cren que ese relato, completo, cerrado, coherente na súa falsidade, é verdade, ou se non o cren, pois cren que é mentira que é verdade e tamén vale.