O tratado de libre comercio UE-EUA e nós

Nun adianto publicado na prensa anglosaxona do último libro de Naomi Klein This Changes Everything (Isto múdao todo), a xornalista e activista canadense fai autocrítica a respecto da capacidade do movemento obreiro e ambiental norteamericano para resistir e non entregarse ás supostas bondades do Tratado de Libre Comercio de América do Norte dos anos 90 do século XX, que inclúe aos EUA, Canadá e México. Klein, que no seu libro fai un chamado a tomar consciencia das implicacións que carrexa o capitalismo globalizado para a mudanza climática e o esgotamento do planeta, considera que “os erros deste período non se poden desfacer, pero non é tarde de máis para un novo tipo de movemento polo clima que asuma a loita contra o chamado tratado de libre comercio e que constrúa a nova arquitectura que se precisa hoxe.”

Son palabras que cómpre ter presentes, e non só do punto de vista ambiental, agora que unha instancia xa de por si non suxeita a control democrático precisamente pola súa construción a través de tratados imposibles de reformar como é a UE, está a negociar cos EUA — con sospeitosa opacidade—o Transatlantic Trade and Investment Partnership (TTIP); tratado que se antolla similar ao que xa rexe en Norteamérica dende os anos 901

A translación a Europa dunha entrada masiva de produtos agrícolas e alimentarios estadounidenses tería consecuencias para a saúde pública derivadas da maior laxitude legal daquel país no referido á calidade dos alimentos e dos produtos fitosanitarios

Nun balance de vinte anos do TLCAN-NAFTA en México, publicado por BBC-Mundo , sinalábase que o aumento das exportacións nese país ten como base a produción das empresas —especialmente automotrices— deslocalizadas dos EUA ás cidades fronteirizas mexicanas (deixando vítimas nos EUA como a cidade falida chamada Detroit ou os milleiros de postos de traballo destruídos en California e Texas, e outras en México, como o caso da decadente industria do xoguete cunha antiga forte implantación no mercado interno mexicano. Así mesmo, o TLCAN permitiu a entrada masiva da agroindustria estadounidense en México dando un severo golpe á agricultura local incapaz de competir coa subsidiada agricultura do norte; cuestión que aos galegos non pode máis que lembrarnos as implicacións que tivo a entrada na UE para, entre outros, o noso sector lácteo. Cómpre engadir aquí que a translación a Europa dunha entrada masiva de produtos agrícolas e alimentarios estadounidenses tería consecuencias para a saúde pública derivadas da maior laxitude legal daquel país no referido á calidade dos alimentos e dos produtos fitosanitarios. Por outra banda, outro dos produtos estadounidenses que atoparon unha vía de entrada masiva en México coa ratificación do tratado de libre comercio foi o do audiovisual, co que isto implica de colonización e homologación e de destrución da industria cultural propia.

En 1994, México asinaba ese tratado ao tempo que os Zapatistas baixaban das montañas para declarar a guerra ao Estado con capital en México DF. Vinte anos despois, os Zapatistas continúan construíndo comunidades non rexidas polas normas do Estado mexicano, pero este —como ben sabemos polas novas diarias de asasinatos de mulleres, narcotráfico, desaparicións, corrupción, emigración e explotación— é cada día máis un Estado fallido e en descomposición e un exemplo do que non hai que facer para toda Latinoamérica.

É improbable que as forzas políticas do Estado que defenden o TTIP recoñezan que o modelo ao que se pode parecer a península ten bastante que ver con México

É improbable que as forzas políticas do Estado español que defenden o TTIP e que se opuxeron no Congreso dos deputados ao seu sometemento a referendum popular invocando o crecemento e a creación de emprego que habería traer (PP, PSOE, CIU e UPyD), recoñezan que o modelo ao que se pode parecer a península despois de que se asine ese Tratado teña bastante que ver con México. Se dentro da xerarquía de poder que rexe na UE España, como o resto de PIGS do sur e Irlanda, están abocadas ao desmantelamento dos estados do benestar e ao que poderiamos chamar pornocapitalismo (devaluación interna, inclusión de actividades como a prostitución para maquillar os datos do PIB, atracción do negocio do xogo e a prostitución, especialización no turismo de masas, economías de servizos e de man de obra barata, desposesión dos comúns…) o futuro que poden agardar estes semi Estados, xa de por si subordinados, participando nunha gran área de libre comercio cos EUA é afondar no seu papel de seren os Méxicos europeos que de facto xa son. Sobra dicir que o futuro reservado para o noso país, Galicia, neste entramado de relacións centro-periferia non semella ser, polo seu carácter de periferia da periferia, cor de rosa.

Dereitos sindicais á baixa

En canto ao mundo do traballo, a homologación coa lexislación laboral estadounidense que precisaría o TTIP intúese como unha grave ameaza a uns dereitos sindicais xa severamente minados pola xurisprudencia da Tribunal de Xustiza Europeo sobre cuestións como o dumping social, ou dereito a folga (sentenzas Viking, Laval, Rüffert, etc.), toda vez que EEUU ni sequera ratificou convenios da Organización Internacional do Traballo (OIT), incluídos os que teñen que ver coa liberdade de asociación e co dereito ás prácticas sindicais.

A homologación coa lexislación laboral estadounidense que precisaría o TTIP intúese como unha grave ameaza a uns dereitos sindicais xa severamente minados pola xurisprudencia da Tribunal de Xustiza Europeo

Un perigo novo

No artigo de Naomi Klein mencionado máis arriba, a autora dá o exemplo concreto dunha empresa estadounidense que, acolléndose ao TLCAN-NAFTA, anunciou que demandaría o Estado do Canadá pola súa moratoria ao fracking no Quebec; polo pouco que se sabe do TTIP que negocia en segredo a UE, unha das cuestións máis perigosas que pretende instaurar este tratado son instancias xudiciais non suxeitas a Estado ningún que medien entre Estados e empresas, creando así un dispositivo óptimo para sortear o pouco de poder político que aínda reside nas institucións democráticas liberais.

Obviamente, as empresas multinacionais que hoxe percorren o mundo en busca de minerais , terras raras e petróleo non convencional non van ter ningún problema co goberno galego, o Plan Sectorial de Actividades Extractivas proposto polo goberno Feijóo é unha auténtica barra libre que permite a minaría mesmo en áreas protexidas; porén, a eventualidade da instauración do TTIP e da súa xustiza ad hoc pode facer que vindeiros gobernos que pretendan regular esa actividade se vexan sometidos a unha guerra legal perdida de antemán.

A eventualidade da instauración do TTIP e da súa xustiza ad hoc pode facer que vindeiros gobernos que pretendan regular a minería agresiva se vexan sometidos a unha guerra legal perdida de antemán

Este baleiramento da soberanía que implica o TTIP, esta profundización da impotencia política das institucións que está na base do descrédito que sofre a Política a nivel social, sitúanos de cheo na distopía do mundo postdemocrático —un despotismo que nin sequera é ilustrado— que xa impera na Unión Europea no que lobbies, expertos e tecnócratas toman as decisións sen escrutinio público ningún.

 

Nota: 1. Ao mesmo tempo, os EEUU tratan de pechar o Acordo de Asociación Transpacífico (TPP) con Xapón, o cal evidencia os movementos da superpotencia para manter a súa hexemonía nun momento no que hai novos actores internacionais disputándolla.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.