Moito temos escoitado falar sobre a recuperación económica e a creación de emprego en Galicia nos últimos tempos, se ben as informacións que recibimos non sempre son coherentes. Fagamos un exercicio de análise que aclare a realidade da situación para non caer en equívocos nin manipulacións.
Recompilemos as informacións de partida. Por unha parte desde certos ámbitos deféndese a creación de emprego que permitiu baixar dos catro millóns de parados por primeira vez desde hai case unha década. Por outra banda, outros denuncian que esta situación é estrutural e ten que ver coa creación de postos de traballos de tempada turística –fundamentalmente en hostalaría- e outros de gran precariedade.
En primeiro lugar, para analizar a evolución do número de desempregados non se pode obviar nin á poboación emigrada nin ao descenso do número de novos traballadores que contan con idade laboral, debido á incipiente caída demográfica en Galicia. Pero, é equilibrado este aumento do número de empregos?
A forma en serra da liña correspondente aos servizos está a indicar a estacionalidade do emprego creado neste sector, no que se observa como crece ano tras ano desde o primeiro trimestre ao terceiro, para logo caer no cuarto e acadar o mínimo no primeiro
Se nos fixamos no número de traballadores por sector produtivo do gráfico 1 obsérvase con claridade como o maior aumento no número de traballadores prodúcese no sector Servizos, aínda que tamén existen leves melloras na industria e na agricultura e pesca, non así na construción. Todos estes sectores quedan aínda lonxe, case un 13% inferiores, das cifras de 2008 en Galicia. A forma en serra da liña correspondente aos servizos está a indicar a estacionalidade do emprego creado neste sector, no que se observa como crece ano tras ano desde o primeiro trimestre ao terceiro, para logo caer no cuarto e acadar o mínimo no primeiro, para logo volver a comezar o ciclo.
Pero, que tipo de traballos se están a crear? No gráfico 2 compróbase como o número de traballadores (en miles) crece en temos absolutos entre os asalariados –de 774 a 821,3-, e entre os empresarios e membros de cooperativas –de 206,6 a 220,1-, sendo o número de perceptores de axudas familiares o colectivo que máis crece en termos relativos –un 9,23%- no período analizado. O número de traballadores noutro tipo de situacións, o colectivo menos numeroso, cae nun 25%.
Gráfico 1: Evolución do número de empregados por sectores produtivos, Galicia 2015-2017 (miles de traballadores)
Gráfico 2: Número de empregados segundo situación profesional, Galicia 2015-2017 (miles de traballadores)
Fonte: EPA, tomado do IGE
Desta maneira, estaría a producirse creación de emprego, non illable dos factores migratorios e de perda de poboación. Sen embargo estas cifras están aínda lonxe das acadadas na década anterior. O perfil tipo de emprego creado durante este tempo podería ser o correspondente a un traballo de baixa cualificación e que xera escaso valor engadido, principalmente na hostalaría, mediante unha relación temporal de asalariado ou ben mediante alta en autónomos.
E se analizamos o acontecido na habitualmente esquecida clave territorial, quen se está a beneficiar da recuperación de postos de traballo?
Nos seguintes gráficos 3 e 4 pódese observar a evolución do número de traballadores dos sectores servizos e industria por provincia. Dada a estacionalidade do crecemento observado, fagamos un exercicio de comparación dos datos por trimestre para os servizos. Se tomamos o último dato dispoñible para o segundo trimestre de 2017 e o comparamos co mesmo dato para 2015 e 2016 obsérvase un aumento do 3,6% respecto ao primeiro exercicio e unha estabilización -+0,1%- respecto ao segundo. Milagre económica? Non semella. Pero, ademais, este crecemento non se reparte de forma equilibrada no territorio, xa que para as provincias de Lugo e Ourense os aumentos serían de entre 3.000 e 5.000 traballadores temporais no sector, mentres que para Coruña e Pontevedra situaríanse nos 10.000 traballadores estacionais.
Analicemos agora o acontecido cos traballadores do sector industrial, xa que este debería ser o principal motor tractor da saída da crise para xerar maior valor engadido na produción de bens e servizos. Neste caso, a diferenza faise moito máis patente entre as provincias atlánticas e as orientais. Mentres as primeiras presentan recuperacións no número de empregados que supoñen o 9% no período1, estas cifras permanecían estancadas nas provincias orientais. Especialmente significativo desta realidade é a suave pero constante caída no número de traballadores industrias na provincia de Ourense. Cómpre sinalar que para este ámbito industrial galego tampouco se acadan os valores da década pasada.
Gráfico 3: Número de empregados no sector servizos por provincia, Galicia 2015-2017 (miles de traballadores)
Gráfico 4: Número de empregados no sector industrial por provincia, Galicia 2015-2017 (miles de traballadores)
Fonte: EPA, tomado do IGE
Non é difícil comprender así que, ademais da precariedade do emprego e da creación de traballos en áreas pouco produtivas, estase a afondar nunha Galicia de dúas velocidades, excluíndo aos traballadores máis cualificados do mercado laboral e consolidando aínda máis os fortes desequilibrios territoriais, conducíndonos cara a insostible desertización produtiva do interior do país.
Por se non fose suficiente, os últimos datos alertan ademais do exceso de exposición da mocidade á crise e ao desemprego. Segundo un informe recentemente publicado e baseado en fontes pouco sospeitosas de parcialidade como Eurostat e a European Labour Force Sourvey [ CITATION Obs17 \l 3082 ], un 65,2% dos mozos titulados en educación media ou superior nos tres últimos anos e con idades entre 20 e 34 anos non atopa traballo. O que é máis, o 79% con idades entre 19 e 30 anos séntese excluído da vida económica por causa da crise. Como unha primeira consecuencia, o número de mozos entre 20 e 34 anos que nin estuda nin traballa chega xa ao 24,2% no conxunto do Estado ao non existir incentivos proporcionais ao esforzo que supón prepararse academicamente para a vida laboral. E é que o desemprego xuvenil está practicamente duplicando ao desemprego xeral.
Para reverter esta situación non se trata de eliminar o apoio ao turismo e renunciar aos retornos no país que este produce, senón de potenciar outras áreas con maior proxección para o desenvolvemento económico futuro
Con ese panorama cabe preguntarse como esa xuventude vai exercer como motor do consumo e investir a medio ou longo prazo nos bens básicos que suporían poñer en circulación unhas rendas que xa non están dispoñibles no bolso do consumidor. Nun mundo dominado por un capitalismo incipiente que deseña modos de vida cada vez máis individualizados en todos os ámbitos da vida, como recuperar sen traballos estables e salarios dignos a senda demográfica que permita unha esperanza de futuro no reemprazo poboacional e produtivo para o territorio?
Enfrontámonos, pois, a un triple desequilibro no emprego caracterizado polas súas compoñentes sectoriais -crecemento estacional do turismo non baseado na produción industrial e nos servizos de alto valor engadido-, de desequilibrio territorial –marxinando á Galicia oriental - e de regulación laboral –que ten como consecuencia a exclusión da xuventude do mercado laboral e o empobrecemento das relacións traballador-empresa-.
Con seguridade non existen solucións máxicas. Para reverter esta situación non se trata de eliminar o apoio ao turismo e renunciar aos retornos no país que este produce, senón de potenciar outras áreas con maior proxección para o desenvolvemento económico futuro, corrixir os desequilibrios territoriais, e mellorar a accesibilidade laboral e as condicións dos traballadores contratados (e si claro, tamén o incremento dos salarios!). U-las reformas estruturais que precisamos?
1 Este valor debe interpretarse desde o contexto de afundimento económico acontecido durante a crise.
Bibliografía
Observatorio Social La Caixa (2017). Jóvenes y mercado de trabajo [en liña]. Obtido de https://observatoriosociallacaixa.org [ref. de 06 de agosto de 2017]. Dispoñible en: https://observatoriosociallacaixa.org/es/-/jovenes-y-mercado-de-trabajo?utm_source=2017_paid_tw_dossier&utm_medium=cpc&utm_campaign=2017_paid_tw_dossie