O tsunami catalán

O erro de Rajoy e das elites políticas e mediáticas madrileñas é crer que o potente movemento soberanista catalán é dirixido dende a Generalitat, CDC ou ERC. E non é certo. Trátase dun movemento que nace da base e vai moito máis aló do nacionalismo ou do catalanismo histórico, para acadar transversalmente toda a sociedade civil de Catalunya,con nomeada forza entre castelanfalantes e cataláns de segunda xeración e, en xeral, entre os sectores sociais que até hai anos votaban PSC ou non partillaban nas autonómicas. Velaí a extrema dificultade de que Artur Mas poida frear ou adiar indefinidamente o proceso de expresión da decisión catalá, porque este pode levar por diante partidos e políticos e de feito vaino facer.

Na pulsión soberanista, porén, xúntanse outras aspiracións sociais que xorden da crise institucional e da depresión económica

Na pulsión soberanista, porén, xúntanse outras aspiracións sociais que xorden da crise institucional e da depresión económica. Maniféstanse as arelas por unha política da transparencia, pola participación cidadá, por unha sociedade máis moderna e xusta ou polo mantemento dos servizos públicos. As arelas por decidir o futuro persoal e dos seus.

O dereito a decidir atopa unha numantina resistencia no Madrid político e mediático, atado ao inmobilismo dunha Constitución do 1978, expresión dun réxime político territorial e institucionalmente esgotado. Constitución que, non por acaso, foi modificada en 24 horas polo PP e PSOE para unha remuda tan substancial como priorizar o pagamento da débeda a respecto do mantemento dos servizos públicos.

Semella que un Rajoy amortizado polos recortes e a corrupción carece de liderado na súa parroquia para abrir un diálogo sen condicións

É a hora da política para deixar a decisión á cidadanía. Mais semella que un Rajoy amortizado polos recortes e a corrupción carece de liderado na súa parroquia para abrir un diálogo sen condicións.

 

Unha sentenza desproporcionada

As condutas imputadas aos catro membros de Resistencia Galega son moi graves, merecen reproche penal. Mais a sentenza é absurdamente desproporcionada

A Audiencia Nacional constitúe unha excepción ao principio constitucional do xuíz ordinario predeterminado pola Lei. O feito de que delitos cometidos en Galicia sexan xulgados por un Tribunal de excepción non casa cunha democracia de calidade.  Máis cando nese Tribunal non foron quen de gardar as formas da imparcialidade e do respecto ao dereito de defensa.

As condutas imputadas aos catro membros de Resistencia Galega son moi graves, merecen reproche penal. Mais a sentenza é absurdamente desproporcionada. 18 anos de cárcere non é xustiza, é pura represión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.