A dúbida pra min xurdiu cando nunha tradución: A curmá Phillis, de Elizabeth Gaskell (ed. Hugin e Munin, 2022) atopei o topónimo Canadá, acompañado do artigo en maiúscula: O Canadá. Púxenme en contacto con Alejandro Tovar, editor do libro, pra lle comunicar o erro, mais indicoume que non era tal, dado que así aparecía dito topónimo na entrada “condado” do DRAG
Segundo vemos nas NOMIG todo topónimo que vai precedido dun artigo que forma parte do mesmo escribe este artigo en maiúscula cando non lle afecta ningunha contracción, pro en minúscula cando si forma parte dalgunha. Ex.: imos ver A Coruña, mercouno na Coruña, veño da Coruña, anda pola Coruña, chegou ata A Coruña, está entre Sada e A Coruña etc.
En principio é unha regra ortográfica doada de seguir: un topónimo con artigo escríbese en maiúscula, tanto a letra inicial do nome coma o artigo, agás cando o artigo debe facer contracción cunha preposición, en que só se escribe en maiúscula a letra inicial do nome. A dúbida pra min xurdiu cando nunha tradución: A curmá Phillis, de Elizabeth Gaskell (ed. Hugin e Munin, 2022) atopei o topónimo Canadá, acompañado do artigo en maiúscula: O Canadá. Púxenme en contacto con Alejandro Tovar, editor do libro, pra lle comunicar o erro, mais indicoume que non era tal, dado que así aparecía dito topónimo na entrada “condado” do DRAG: “3 División ou circunstancia administrativa de certos países, como Gran Bretaña, Os Estados Unidos, O Canadá etc.” E tamén me indicou a entrada “gaucho, gaucha”, como exemplo deste uso do artigo con nomes de países: “1 Relativo ou pertencente ás persoas que vivían nas pampas de América do Sur (A Arxentina, O Uruguai e O Brasil) dedicados (sic) á gandaría e á vida nómade.” Así que lle dei a razón porque descoñecía que en galego certos nomes de estados levasen artigo no seu nome propio, fóra do Salvador (O Salvador < es. El Salvador).
Mais resulta que pra podermos saber que nomes propios de países ou rexións levan artigo non hai outra opción que consultar as entradas dos xentilicios respectivos no dicionario da RAG e ver cales van precedidos do artigo, así acho: alentexano do Alentexo, algarvío do Algarve, arxentino da Arxentina, azoriano dos Azores, brasileiro do Brasil, camerunés do Camerún, canadense do Canadá, canario das Canarias, chadiano do Chad, chinés da China, congolés do Congo, dominicano da República Dominicana, estadounidense dos Estados Unidos de América, etrusco da Etruria, galaico da Gallaecia, galés do País de Gales, indio da India, libanés do Líbano, lombardo da Lombardía, neerlandés dos Países Baixos, patagón da Patagonia, peruano do Perú, piemontés do Piemonte, provenzal da Provenza, tibetano do Tíbet, umbro da Umbría, uruguaio do Uruguai, xaponés do Xapón etc.
Con todo, cal é o motivo polo que uns nomes propios de países levan artigo e outros, a maioría, non, é xa unha cuestión que descoñezo. Así atopamos que non levan artigo algúns topónimos susceptíbeis da súa utilización como: alemán de Alemaña, corso de Córsega, ecuatoriano de Ecuador, exipcio de Exipto, filipino de Filipinas, iugoslavo de Iugoslavia, macedonio de Macedonia, normando de Normandía, occitano de Occitania, paraguaio de Paraguai, ribatexano de Ribatexo, sardo de Sardeña, saudita de Arabia Saudita, savoiano de Savoia, siciliano de Sicilia, toscano de Toscana etc.
Este uso de certos nomes propios de países con artigo en maiúscula no seu nome propio semella recente porque consultando as entradas de China (“O nome oficial do país que comprende a China continental de réxime comunista é República Popular da China”) ou Uruguay (“Queren ampliar a difusión do sinal da canle autonómica en Venezuela, Uruguai, Perú e México”) e os apéndices (nº 4, 5 e 7) de xentilicios e topónimos do Dicionario Galaxia de Usos e Dificultades da Lingua Galega (ed. Galaxia, 2004) non encontramos tal emprego; soamente se sinalan como cidades internacionais con artigo: O Aiún, Os Ánxeles, O Cairo, A Habana, A Haia, A Meca, A Paz, O Porto, O Riad e A Valeta; e O Salvador é o único país con artigo. Na entrada “Brasil” di: “O nome do país sudamericano de fala portuguesa que ten por capital a Brasilia úsase obrigatoriamente co artigo, o Brasil.” Nótese que o artigo non se escribe en maiúscula porque non forma parte do nome propio.
Mais en castelán cando o artigo forma parte do topónimo escríbese este sempre en maiúscula e non fai contracción coas preposicións “a” nin “de”. Ex.: está en La Coruña, irá a El Cairo pero no es de El Cairo, viene de El Salvador, peregrinó a La Meca, vive en La Haya etc. Mais cando é de uso opcional cun topónimo pro non forma parte del, escríbese sempre en minúscula e fai as contraccións habituais. Ex.: son productos de la China, llegará del Canadá, vive en los Estados Unidos, proceden del Senegal, se irá al Perú, emigró a la Argentina, un africano del Congo y un árabe del Líbano, la música del Brasil, quesos de los Países Bajos, el desierto de los Monegros, la Guerra del Chaco etc.
Parece evidente que este singular uso do artigo, que propugna a RAG, en que forma parte dos nomes propios de determinados países e rexións, sepáranos do resto das linguas romances e incumpre o principio cuarto das NOMIG
Pola contra, en portugués os topónimos non levan artigo como nomes propios pro si é moi frecuente que acompañen estes nas oracións, onde o artigo segue o mesmo emprego que có resto dos substantivos. Ex.: Porto – a segunda cidade portuguesa é o Porto; Corunha – partia para a Corunha; Canadá e EUA – é do Canadá mas agora vive nos Estados Unidos; Galiza – o hino da Galiza; Rússia – estou a viajar pela Rússia; Egipto e Cairo – a cidade do Cairo é a capital do Egipto; Sicília – a Sicília é uma região autônoma da Itália etc.
As demais linguas romances como o francés (les deux plus grandes îles de cette mer, la Sicile et la Sardaigne; la Galice doit donc son nom aux Callaeci), o catalán (1802 el Piemont fou annexat a França; l’actual identitat de l’Alguer) ou o italiano (l’Italia confina con Francia; gli abitanti della Galizia sono chiamati galleghi) que tamén usan o artigo ante moitos topónimos seguen a mesma regra có castelán ou o portugués: que estes acompañen os nomes propios coma se fosen substantivos, sen formaren parte deles.
O uso do artigo acompañando os nomes propios forma parte da fala popular da nosa lingua, onde ata non hai moito era normal que os nomes de pía se acompañasen do artigo (ex.: o Xoán e a Luísa chegan hoxe), sen que isto significase que formasen parte dos mesmos.
E tamén este uso do artigo acompañando o nome propio, mais sen formar parte del é o habitual na Wikipedia galega. Así na entrada de “Brasil” achamos exemplos deste emprego: “O Brasil comparte fronteiras […] ao norte limita con Colombia, Venezuela, a Güiana, Suriname e a Güiana Francesa, ao sur coa Arxentina, o Uruguai e Paraguai e ao oeste con Bolivia e o Perú”. Na Wikipedia os nomes dos países aparecen nas súas entradas como topónimos sen o artigo, fóra da República do Salvador: O Salvador. Así mesmo se observa que o uso dos artigos en minúscula cos topónimos –menos frecuentemente ca sen eles– é o usual nos textos dos media consultados.
En conclusión, parece evidente que este singular uso do artigo, que propugna a RAG, en que forma parte dos nomes propios de determinados países e rexións, sepáranos do resto das linguas romances e incumpre o principio cuarto das NOMIG: “As escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas, especialmente coas romances en xeral e coa portuguesa en particular, evitando que o galego adopte solucións insolidarias e unilaterais naqueles aspectos comúns a todas elas.”