O voto obrigatorio

Xa van aló as Eleccións Europeas, outro proceso electoral mais enriba do lombo e outro menos no horizonte vital de cadaquén. Ímonos facendo vellos a golpe de eleccións. Noutros tempos, cando queriamos botarlle contas aos días que lle quedaban a alguén nesta beira do mundo, diciamos que lle restaban tres telexornais ou que non chegaba á volta do ano. Agora, ben poderiamos cambiar o marco de referencia e afirmar que o malpocado votará tres veces como moito, ou que non vai dar chegado ás autonómicas. 

Elección tras elección, un Partido avanza a pasos de xigante cara a súa hexemonía no espazo electoral: o Partido Abstencionista

Elección tras elección, un Partido avanza a pasos de xigante cara a súa hexemonía no espazo electoral: o Partido Abstencionista. Nas Xerais Españolas do 2011 acadou un 28% dos sufraxios, partillando vitoria co Partido Popular; nas Autonómicas do 2012 foi o Partido mais votado, cun 36% fronte a un 27% dos Populares; e nas Europeas de hai uns días arrasou cun 57%  dos sufraxios, deixando ao segundo clasificado, o Partido Popular, cun ridículo 11,7%. Así son as cousas. Porén, elección tras elección, o Partido Popular proclamouse vencedor nos tres envites e festexouno como se merecía. Ollo!, que outro tanto faría o PSOE, AGE, o BNG ou Podemos, se fora o caso. No país dos cegos, o torto é o rei.

Baseándose na máxima “O que cala, outorga”, os Partidos competidores dan por bos os resultados do voto emitido, reparten a cazola dos escanos e a seguir asubiando ata o próximo reparto

Baseándose na máxima “O que cala, outorga”, os Partidos competidores dan por bos os resultados do voto emitido, reparten a cazola dos escanos e a seguir asubiando ata o próximo reparto. Pero realmente outorgan os que calan? Imaxinemos un proceso electoral onde a abstención acadase o 70% ou o 80%. Seguirían daquela os Partidos a repartir os escanos coma se tal cousa? (Non fai falla estarricar moito a imaxinación, o Estatuto de Galiza foi aprobado con esas porcentaxes) Ou preguntado doutro xeito, ten a democracia algún límite máximo de abstención soportable ou admisible?

Rexeitamos as ditaduras, porque nelas unha elite ordena e manda, e o resto do pobo obedece e cala. Daquela loitamos pola democracia para ter voz e voto na vida comunitaria, para decidir o noso presente e configurar dalgún xeito o futuro. A democracia ten o seu fundamento na participación cidadá nas decisións comunitarias, baixo o principio de “un home, un voto”. Nun futuro é mais que probable que o proceso de decisións sexa directo, pero polo de agora faise a través de persoas interpostas: cada certo tempo eliximos as persoas que queremos nos representen e tomen por nós as decisións axeitadas.

Se a participación cidadá está no cerne do sistema democrático, pareceríame mais propio que, no canto dun dereito, o voto fora un deber de todo cidadán. Un deber non só moral, senón de obrigado cumprimento

Pero o principio “un home, un voto” non se cumpre nin de lonxe, e o avance da marea abstencionista semella non ter fin. O voto é un dereito, e como tal, pode un exercelo ou non. Pero se a participación cidadá está no cerne do sistema democrático, pareceríame mais propio que, no canto dun dereito, o voto fora un deber de todo cidadán. Un deber non só moral, senón de obrigado cumprimento. Coma pagar impostos ou poñer o cinto no coche. Acaso non loitou moita xente pola chegada dun sistema democrático, moitos incluso entregando a súa vida? Que pensaría esa xente da abstención democrática? O que algo quere, algo lle custa; e non creo que ninguén derree por acudir unha vez ao ano, ou cada dous, ao colexio electoral.

Sabemos que os diferentes Gobernos botan man das enquisas para guiar a súa acción política, estarricando o programa electoral mais cara un lado ou cara outro, ou mesmo dándolle a volta do revés, ata chegar á vindeira cita nas furnas. Pero con niveis de abstención do 30%, 40% ou 50%, os resultados da consulta electoral non deixan de ser unha enquisa mais; de ampla mostra, certo, pero enquisa ao fin e remate, xa que precisa dunha extrapolación a todo o universo censual.

Tamén tería en contra a propia clase política, xa que para eles a abstención é un mal menor: un mal, se os que se abstiveron eran dos seus; pero menor, se eran dos outros

Son consciente que a obrigatoriedade do voto conta con moitos inimigos. Os primeiros, os libertarios extremos, que ven ataques á sacrosanta liberdade individual en calquera imposición estatal. Que se o límite de velocidade nas estradas, que se as copas de viño que podes beber, que se non podes fumar nos bares, que se pagar impostos ... Os segundos que poñerían atrancos sería a recua de profesionais da opinión, que botan semanas despois de cada proceso electoral interpretando o senso dos votos non emitidos, tal cal videntes do mais alá. E por último, tamén tería en contra a propia clase política, xa que para eles a abstención é un mal menor: un mal, se os que se abstiveron eran dos seus; pero menor, se eran dos outros. Ademais, e igual ca os profesionais da opinión, sempre poden usar a artesa da abstención para facer as mais variadas cábalas interesadas, coa seguranza de que ninguén vai poder demostrar que son falsas. Coma se ti me dis que no ceo hai árbores que dan galletas de coco. Eu non che podo demostrar que non hai tal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.