A visita do presidente Barack Obama a Cuba culminou simbolicamente o proceso iniciado a finais de 2014 para a normalización entre La Habana e Washington, asegurou a virtualidade do seu legado e supón un paso de xigante para abrir una nova etapa política non só nas relacións bilaterais senón intracontinentais recuperando parte da influencia perdida en décadas anteriores.
As reaccións republicanas á visita, de clara condena, non fixeron mais que acentuar o carácter progresista do seu herdo –a pesares de tantas zonas escuras-, certificado coa petición de eliminación do embargo, unha anomalía que dura cinco décadas, abrindo paso ao desenredo da desconfianza acumulada.
Cuba agradeceu o xesto de Obama pese a recoñecer que nin moito menos todo está resolto. É posible mesmo que a audacia despregada agora pola Casa Branca, a menos dun ano das próximas presidenciais, teña os días contados ou modere o seu ritmo, ao non dispor de tempo material suficiente para construír o respaldo que precisa esta nova normalidade.
Pero a desactivación deste contencioso permite a EUA superar un serio obstáculo para afianzar as relacións cos países de América Latina, moi distanciados de Washington nuns últimos anos marcados polo descontento cara as políticas aplicadas na rexión. O embargo foi sempre un símbolo do imperialismo ianqui para moitos latinoamericanos –e persoas de todo o mundo- e as sancións, reiteradas e agravadas, non facían mais que engadir tensión. Un escenario que podería repetirse agora cara Venezuela sementando discordias entre as esquerdas da rexión.
Obama afianzará este proceso coa visita a Arxentina, en tempos un dos socios mais importantes de EUA no hemisferio. En Bos Aires certificará o momento de cambio político que aliña este e outros países da zona cun xiro da esquerda cara o centro e a dereita. E de esguello mirará cara Brasil….
Cuba debe aproveitar a normalización con EUA para avanzar no seu proceso de transformación interna. Sería ilusorio pensar que vai xerar cambios substantivos e a curto prazo pero, sen dúbida, pode ter implicacións económicas de alcance para a illa, asunto clave para mellorar a eficiencia do sistema. Durante moito tempo, o PCC tivo na política hostil estadounidense o argumento preciso para xustificar moitas das súas taras internas. A superación dese problema constitúe unha delicada proba e debe materializarse en beneficios concretos a plasmar mellorando a calidade de vida dos cubanos.
Certo que o proceso pode experimentar aínda contradicións á vista das consabidas diferenzas en materia de dereitos humanos, democracia ou organización do sistema económico e social, pero é irreversible. Para uns e para outros. O PCC poderá fiar todo o fino que queira para preservar a súa hexemonía pero se non consegue éxitos apreciables na xestión económica, as perspectivas de subsistencia mingúan proporcionalmente.
A visita de Obama crea un clima moi favorable para o relanzamento económico da illa. Moitos investidores estaban á expectativa. Outros países de todos os continentes fan cola. A sociedade cubana agarda expectante que os cambios se materialicen. O PCC ten no próximo congreso de abril a obriga de se anticipar ao futuro rexeitando as imposicións características do mesianismo do veciño do Norte pero recoñecendo a necesidade de evolucionar ofrecendo en paralelo xestos e accións que amosen unha xestión intelixente do novo contexto. Que o desbloqueo non bloquee ao PCC.