#OfendeaEspaña

O Goberno de Mariano Rajoy quedou sen ninguén a quen culpar da crise. Xa non queda colectivo ou grupo social a quen estigmatizar. Así que decidiu criminalizarnos a todos. A partir de agora, quen proteste será culpable a non ser que demostre o contrario. Como os tempos avanzan que é unha barbaridade, os rexistros dos "ofensores do Estado" xa non levarán en merdentas carpetas, como na época da Lei de vagos e maleantes. Agora constarán nun rexistro virtual. Seguramente xa terán algún emprendedor fiel co software listo para a externalización.

Xa non queda colectivo ou grupo social a quen estigmatiza, así que o Goberno decidiu criminalizarnos a todos

Dos produtores do copago sanitario, a estafa das pensións ou a reforma laboral porque "vivimos por riba das nosas posibilidades" chega a Lei de Seguridade Cidadá, as multas deluxe, as ofensas a España e o "acompáñeme a comisaría, que se é inocente non ten nada que temer". Agora que imos crecer de dous puntos en dous puntos, segundo María Dolores de Cospedal, e a banca vai gañar máis diñeiro que nunca, sería unha mágoa ensuciar as rúas e a marca España con miles de manifestantes.

En dous anos, este Goberno castigou a máis culpables que o Tenente Kojak nas súas tempadas boas. Aos funcionarios había que baixarlles os seus soldos por cafeteiros e ter posto de traballo fixo. Aos parados debía polos no seu sitio por negarse a aceptar vantaxosos empregos en lugares tan exóticos como Laponia. Aos estudantes había que limarlles as bolsas porque todo se lles vai en botellón e sexo. Aos pensionistas debía aplicarlles o copago porque resultan uns privilexiados que van a lume de biqueira de ibuprofeno co noso diñeiro. Aos enfermos crónicos había que cobrarlles con máis razón porque supoñen dobre gasto. Aos médicos da sanidade pública había que xubilalos porque eran infiltrados da privada. Aos mestres debía despedilos porque traballaban menos que o biógrafo de Ana Botella. Até os traballadores de Canal 9 merécense que o Partido Popular os castigue por facer tanta propaganda a favor do Partido Popular.

O Executivo foi tan eficaz en sinalar responsables da crise que xa non hai un cidadán en España a quen non lle afease a súa conduta

Ninguén era inocente. Por iso o Goberno debía impornos sacrificios masivos, para salvarnos de nós mesmos, da nosa ignorancia, molicie ou preguiza. O Executivo foi tan eficaz en sinalar responsables da crise que xa non hai un cidadán en España a quen non lle afease a súa conduta, moral, costumes ou pasado. Tanta eficacia é agora un problema. "O dereito de manifestación xa se exerceu amplamente nos dous primeiros anos da lexislatura", di oficialmente Moncloa. Xa protestastes bastante, agora fodédesvos, diría Andrea Fabra. Agora os que se manifestan ou fan folga porque lles pretenden baixar o soldo, botar á rúa ou deixar sen seguro ou pensión resultan ser xentes que xa perciben un salario que non alcanza os mil euros e deben escoller cada mes se pagan a luz ou a hipoteca. Hai que mentir e manipular moito para demonizar con éxito aos traballadores da limpeza de Madrid, Tragsa, unha concesionaria de lavandaría ou o naval de Galicia.

Xa non quedan cidadáns medios a quen queimar na praza pública co lume purificador da austeridade. Só quedan os donos das Sicavs, as empresas en paraísos fiscais e as contabilidades en B.  Só quedan Manuel Lamela e os seus socios á abordaxe dos servizos públicos con empresas financiadas con cargo aos nosos impostos. Así que, a partir de agora, quen moleste, estorbe ou proteste, será culpable. "Ofensa é o que é ofensivo", ditaminou preclaro o ministro Fernández. Ofensa será aquilo que o poder sentencie en cada momento e segundo lle conveña. A ver se vos decatades, que ademais de sospeitosos parecedes parvos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.