Escrito de xeito numérico? 8 000 000 000. É unha cifra como outra, mais é a cifra que hai hoxe tres semanas foi sobrepasada pola poboación mundial, segundo os expertos no tema. En Galicia, cunha poboación minguante mesmo a pesar da inmigración, somos capaces de ter unha idea sobre que a poboación aumente, pero quizais, en xeral, non sexamos quen de xuntar esa cifra, a poboación que medra e o significado cara ó futuro dun xeito consistente.
Por poñer un exemplo, nos tempos nos que corría cara ás clases de xeografía, Europa tiña unha poboación maior ca de África, nada que ver coa relación hoxe en día, e a India, que o próximo ano será o estado máis poboado do planeta, tiña unha poboación de un terzo da actual. Algo que, aplicado a un mapa, fai cambiar o xeito no que (e do que) de se ve.
A cantidade non é máis que unha das facetas en relación á poboación. Marrocos daquela tiña un terzo da poboación de España, e hoxe por hoxe supera os 4/5, a máis de que España integra hoxe por hoxe unha porcentaxe de persoas de orixe marroquí nas súas contas (1,6 % do total de poboación). E iso ten importancia na relación 'de forza' dos estados. O dentro deles: Galicia ten hoxe por hoxe unha porcentaxe de poboación do estado dun 5,5 %, mentres no 1970 a porcentaxe era un 7,6 %, é dicir, en xeito xeito, a 'importancia' de Galicia en España era case un 50 % maior hai cincuenta anos.
Máis? Mentres hoxe a idade media da poboación en Galicia aproxímase ós 48 anos, no 1970 andaba polos 35. Algo bo é algo malo: ser máis lonxevos vai asociado a unha mellor calidade de vida. Pero o ter relativamente menos xente nova leva consigo cousas como menor impulso vital ou económico, ou problemas de sostibilidade social completamente diferentes. É un cambio máis da estrutura da poboación que vai moito máis aló da apreciación dunha menor necesidade de garderías infantís e maior de residencias de maiores.
E, todo o anterior, sen considerar a sociación das meras cifras de poboación con outras, como consumo de recursos ou produción de contaminantes per cápita (e polo tanto, a nivel global e de cada comunidade).
Fíxoseme raro que desta volta, xa digo, hai tres semanas, se tomara a cifra de oito mil millóns sen asociala, nos medios galegos, á decrecente poboación local, por outra banda, fonte de titulares recorrentes ao menos dúas veces ó ano, con motivo dos informes dos institutos de estatística (INE e IGE). Ó igual que se me fai curioso a insistencia nas cifras e non no significado que levan asociado e a rede de relacións entre cifras diversas, nun mundo en transformación, non só con moitos e grandes problemas e desafíos, senón tamén con moitas e grandes oportunidades.