Con suma asiduidade, diante das incontábeis e case endémicas ameazas e agresións que sofre a ecosfera galega, abrollan movementos veciñais, laidos ecoloxistas e toda caste de manifestacións de indignación popular. E coa mesma frecuencia, fronte aos conflitos con pouso ambiental –novos ou renovados– dos últimos tres anos de malgoberno Feijoó, xorde a mesma pregunta, unhas veces de xeito nostálxico e outras malicioso: “Onde está (agora) Galiza Non Se Vende?”
Ao meu xuízo, no segundo dos casos a pregunta é tan lóxica na reclamación, por canto apela a un movemento que adquiriu unha relevancia central no necesario activismo galego pola terra, como inxusta na súa orientación. Coido que conviría realizar unha análise máis axustada do que foi o xurdimento, e o esmorecemento –que non morte–, da rede Galiza Non Se Vende (GNSV). Especialmente porque un movemento social de grandes dimensións que loite “por unha terra viva e unha vida digna para tod@s” segue a ser imprescindíbel, se cadra máis aínda que no bienio 2007-2009, e porque cómpre aprender dos erros pasados para sermos cada día máis fortes como cidadanía organizada.
A rede GNSV agromou, non tanto en resposta á impresionante batería de despropósitos ambientais disfrazados de “progreso” que vivía –e vive aínda– a terra nosa na segunda metade da década pasada, que tamén, senón máis ben polo nacemento en paralelo dun contexto de esperanza. E de receo. A esperanza constituíuna a chegada á Xunta do bipartito. Por vez primeira un movemento vía unha ocasión para condicionar realmente as decisións gobernativas e, asemade, sentíase co dereito a esixir mudanzas radicais a un goberno en moitos aspectos considerado como “propio”. O receo, que sen dúbida xogou en contra dalgunhas estratexias deseñadas pola Rede, viña derivado de traumáticas experiencias anteriores no eido da organización dos movementos de resposta popular, o máis coñecido e recente o da deturpación da Plataforma Nunca Máis.
Nese murchar do activismo galego pola terra influíron varios factores. Salientemos tres. O primeiro, a propia caída do bipartito, na que con toda seguridade influíu o que David Rodríguez, o funambulista coxo, lembraba hai tempo nun seu artigo: “O bipartito, o mesmo que toda a esquerda desde hai décadas, caeu porque non comprendeu o que Tony Judt escribía no seu libro sobre a posguerra europea: para que o pensamento de esquerda sexa hexemónico debe convivir a presenza da esquerda nas institucións coa presenza da esquerda na rúa”. Tanto é así que desaparecida unha presenza desapareceu a outra.
O bipartito era unha oportunidade. Anulada esta, xurdiu o desánimo, por canto co PP no poder a consecución dos obxectivos mudaba en quimera e o esforzo social en inútil a curto prazo. Neste novo contexto, o esvaecemento do movemento chegou máis ca nada pola inercia da decepción, alimentada polos erros propios, ao non sabermos manter un equilibrio entre a carraxe polo desprezo dos teus e a necesidade imperiosa dun goberno progresista –mal menor–, e polos alleos, que fixeron da prepotencia unha forma de goberno. No entanto, a repartición das culpas non foi nin moito menos proporcional.
Un segundo factor habería que buscalo nos propios custes do activismo. Manter unha rebelión popular tan intensa durante moito tempo é extremadamente difícil. O activismo require de elevadas doses de altruísmo, de inxentes cantidades de tempo gratuíto, de dedicación física e mental, de tensión, constancia e convencemento sostido. E de moita resistencia. E a primeira arma que ten o poder para reducir as revoltas sociais é sempre o tempo. A segunda, a represión, que moitos e moitas activistas sufriron –O Salgueirón, Toralla…–, e que van esgotando os ánimos e desgastando a propia estrutura das organizacións de loita.
Un terceiro factor, crucial, foi á vez éxito e fracaso: o traballo en rede. GNSV foi, de seguro, o maior expoñente da enchente de organizacións en rede que xurdiron na Galiza na década pasada, dalgún xeito expresións autóctonas das redes contra a globalización ensaiadas a nivel global dende Seattle 1999. De feito, sen querelo reproduciu o funcionamento dalgunhas redes mundiais, como a Alianza Social Continental que logrou tombar o ALCA en América Latina. Mais a meirande parte das redes galegas fracasaron polas propias dificultades desta “nova” estrutura de alianzas horizontais e pola escasa experiencia que tiñamos no seu deseño.
O traballo en rede require, sobre todo, una relación de iguais entre organizacións sociais no compromiso –que debe ser primario e non secundario–, na capacidade de negociación e na xenerosidade, pois hai que definir obxectivos comúns –e canto máis concretos mellor–deixando a un lado outros propios e ter capacidade de resposta conxunta, por exemplo, contra os custes da antedita represión. A febledade, especialmente no eido dos “recursos humanos”, das nosas organizacións sociais por mor da súa excesiva atomización dificulta enormemente a creación de redes poderosas e constantes. Porén, no horizonte do activismo non se albisca outra fórmula que non sexa a de profundar na aprendizaxe mutua para desenvolver redes con verdadeira incidencia social. Pouco ou nada se pode esperar dos gobernos.
Sexa como for, penso que GNSV, como rede, atesourou máis éxitos que fracasos. Que onde está Galiza Non Se Vende? Pois aí, no ambiente. En cada organización, en cada persoa con sensibilidade pola nosa natureza e en cada activista que loite pola nosa dignidade común. Ao cabo, en cada Xosé Reigosa, a cuxa memoria, e con toda a miña admiración e agarimo, dedico estes parágrafos en defensa dunha rede que, se algo foi e debería seguir a ser, é unha rede de amor pola terra.