Onlyfans e o falso empoderamento da muller

Moitas voces comezan a alertar sobre os perigos de Onlyfans ©

No marco da covid-19 as fendas do noso sistema racharon, facendo as desigualdades aínda maiores nunha sociedade cada vez máis polarizada. Durante o tempo nos que nos vimos obrigados a permanecer na casa, o consumo de Internet disparouse e, da súa man, o das plataformas pornográficas. Por pór un exemplo, no mes de marzo a coñecida páxina web Pornhub¸ segundo os datos que ela mesma recolle, chegou a aumentar o seu tráfico un 61% por riba da media habitual do Estado. 

Durante o tempo nos que nos vimos obrigados a permanecer na casa, o consumo de Internet disparouse e, da súa man, o das plataformas pornográficas

Esta escola – a do porno –, de xeito contrario ás convencionais, foi quen de permanecer aberta a total rendemento durante o confinamento. Foron as coñecidas como camgirls as que rexistraron un maior incremento durante estes meses. Tras estes vídeos – ou fotografías – atópase unha falsa aparencia de liberdade e emancipación. Este tipo de contidos ofrecen unha falsa sensación de empoderamento, pero teñen un trasfondo de explotación que é moi habitual na industria do porno. 

Un dos maiores caladoiros deste tipo de contido explicitamente sexual e que goza de gran popularidade, é Onlyfans: unha plataforma que logrou implantarse definitivamente durante a pandemia como líder no seu sector. Influencers, cantantes e mesmo actrices coñecidas internacionalmente, como poden ser Cardi B ou Bella Thorne, creáronse un perfil nesta web. Pero non é necesario cruzar o océano, en España rostros coñecidos de programas de entretemento como Mujeres, hombres y viceversa promocionaron os seus usuarios no resto das súas redes sociais, transmitindo uns valores dubidables ás xeracións máis novas. 

Os usuarios pagan entre 5 e 50 dólares por subscrición, aínda que tamén se poden dar propinas de forma libre. Esta opción, fai aínda máis perigosa á interacción usuario-cliente que, nunha situación de vulnerabilidade, pode verse forzada a enviar certo tipo de contido

Foi, como xa dixemos, durante a corentena cando perfís Onlyfans comezaron a circular por Intagram ou Twitter, chegando incluso a bromear sobre eles no popular programa La Resistencia. Son case 25 os millóns de usuarios que xa se atopan neste rede cuxa creación remóntase ao ano 2016. Pero, quen está detrás de todo isto? O nome deste birtánico é Tom Stokely. Coñecido como “o Mark Zuckerberg do porno”, é o CEO de Fenix International Ltd, a sociedade que administra Onlyfans, que se leva o 20% do beneficio, e que xa se ocupou doutras webs similares. 

A diferenza co porno ao uso é a personalización do produto. O porno gratuíto é practicamente ilimitado na internet e de sinxelo alcance, o que Onlyfans ofrece aos seus usuarios é un produto máis individual, como eles o chaman “algo máis íntimo”. Para ter acceso a todo este contido, os usuarios pagan entre 5 e 50 dólares por subscrición, aínda que tamén se poden dar propinas de forma libre. Esta opción, fai aínda máis perigosa á interacción usuario-cliente que, nunha situación de vulnerabilidade, pode verse forzada a enviar certo tipo de contido. 

Onlyfans, dirían algúns, é diñeiro fácil. Porén, as intencións de todo isto non parecen tan claras. Este mercado afunde nas súas raíces, uns suculentos beneficios económicos e un falso decorado de transgresión sexual e empoderamento que, paso a paso, arrastra ás máis novas cara a un mundo no que as liñas que separan a pornografía e explotación sexual son case invisibles. Son centos – ou miles – as testemuñas de nenas que remataron, case sen darse conta, nesta industria. 

A pornografía é un virus que se expande a unha velocidade infreable debido ás novas tecnoloxías. A vacina? A educación

A pornografía é un virus que se expande a unha velocidade infreable debido ás novas tecnoloxías. A vacina? A educación. Segundo o informe '(Des)información sexual: pornografía y adolescencia' elaborado por Save the Children, 7 de cada 10 adolescentes consumen pornografía frecuentemente. É por iso, que as xeracións máis novas precisan dunha educación sexual que garanta a súa saúde e benestar, que lles ensine respecto e, sobre todo, igualdade de xénero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.