Orlandos

Fotograma de 'Orlando' © Atalante

Ao carón de transexuais de xeracións anteriores, cunha clara determinación de asumirse ou desvelarse como persoa doutro xénero, preséntanse novos Orlandos, persoas que se decantan pola suspensión de xénero, é dicir, sen integrar rituais atribuídos a ningún dos dous aceptados, negando a posibilidade de que un outro recoñeza a identidade propia, lóxica básica da identidade

Insiste a mirada de Paul B. Preciado en saír do binarismo mesmo non pensando a transexualidade dende el. Así, expón experiencias que percorren os camiños da estética. Non só da estética no sentido representativo, no sentido performático que Butler propuxo, senón nun sentido etimoloxicamente orixinario: estética provén de aisthesis e este termo sinalaba, no ámbito do terreo do coñecemento, aquilo que entra polos sentidos, é dicir, a realidade que é captada a través da sensibilidade. Experimentar (de)subxectivacións coa incorporación de hormonas, como se insinúa no filme, é un xeito de transitar eses novos camiños de sensibilidade e experiencia.

Nese desbrozar experiencias bioquímicas -sen intentar capturalas co entendemento e os seus conceptos- inténtase materializar a noción de devir, desterrada ou clausurada dende Heráclito. Sen termos que momifiquen a experiencia e a convirtan nunha identidade morta, reificada, podemos achegarnos ao ámbito da poesía e da arte, como se repite no artefacto cinematográfico, ámbito de evocación e indeterminación semióticas. Entende Preciado que así se trazan liñas de fuxida a respecto do réxime da Modernidade. Sabe Preciado, aínda que non o explicita, que o Orlando orixinal era aristócrata porque ese era o estamento no que Woolf se movía, e porque nesa disposición das ontoloxías, previa á imposición dos esencialismos biolóxicos que desenvolve un positivismo decimonónimo ligado ao Novo Réxime e aos xeitos de ver o mundo propios da burguesía liberal, era máis frecuente ou mellor aceptado o travestismo. Iso si, nos xogos de palacio.

Ao carón de transexuais de xeracións anteriores, cunha clara determinación de asumirse ou desvelarse como persoa doutro xénero, preséntanse novos Orlandos, persoas que se decantan pola suspensión de xénero, é dicir, sen integrar rituais atribuídos a ningún dos dous aceptados, negando a posibilidade de que un outro recoñeza a identidade propia, lóxica básica da identidade. A pregunta de Narciso é se é iso que se refliecte; o seu risco, pensar que si e namorarse del. Estas persoas, é máis, nin sequera teñen a necesidade de recoñecerse eles mesmes en ningún compartimento, máis que nese da indeterminación ou epokhé (suspensión).

Aparecen outros Orlandos que, pola contra, buscan saír da incomodidade da identidade e devir coa incorporación dos rituais performáticos dos dous xéneros. Porén, explicítase un tope, un lugar no que non se dispón de máis instrumentos semióticos cos que experimentar e transitar. Porque o devir é, nun estrito estrito, molecular, pre-representacional. Así, outra persoa confesa un lugar de tránsito despois do tránsito, porque coñece, di, as miserias dos dous xéneros. É dicir, coñece a opresión que sobre un ser fluído exerce calquera representación. Certamente, dicía Deleuze que o becoming woman non era emancipatorio se a muller era tomada en termos molares. O becoming woman significaba unha deconstrución ontoética de calquera tipo de subxectivación, un devir molecular, imperceptible. Quizais por iso, ou ao non conseguirse tal cousa, o malestar emerxe outra vez, porque se precisa un novo oco polo que fuxir. Radica a incomodidade nesa identidade que se fragua a partir da mirada allea, a partir da obriga de converterse nun algo para un outro, ou remítese a outro espazo das nosas vidas, á propia disposición obrigada –extenuada- das nosas forzas vitais?

Coñecemos a outros Orlandos, no filme, que parecen crear seres diferentes nun mundo de fantasía, lúdico, eliminando ou incorporando elementos do sexo – xénero e coa sensación de liberdade que xenera a aleatoriedade, a innovación ou a ensoñación que supón saír dun principio de realidade gris, aburrido, produtivo. De pequena eu sempre quería fuxir cara outro lugar que non existía e que non era capaz de atopar. Creo que sigo sentindo o mesmo, cos matices que ofrece o tempo. É certo que o terreo da imaxinación, da fantasía, era a posibilidade intensiva que se nos permitía para organizar as forzas psíquicas non alineadas co principio de realidade ofrecido.

Mais, a verdade é que a conciencia determina o que o ollo ve. Ampliar a conciencia é o xeito de incrementar as realidades que se poden vivir. As realidades que asfixian, se se dan nun plano extensivo, cómpre transformalas colectivamente no eido material, e se se dan nun nivel intensivo porase en marcha a deconstrución. Unha ontoética de prácticas que atravesen a estrutura do sistema e o poña en xaque. Como Paul B. Preciado tamén indica, fóra dos instrumentos de control. Por iso quizais hai que ter en conta como o sistema estría sistematicamente espazos lisos, aparentemente emacipatorios.

Os lugares intensivos teñen consecuencias extensivas, case sempre ocupadas por un sistema económico flexible, vampiro do traballo semiótico ou creativo dos individuos, mesmo dos máis outsiders

Un devir molecular é máis profundo e máis difícil: é inmanente, non representacional, forma parte da ontoética, que é un lugar de adestramento. Non basta con moléculas sintéticas, como nos sesenta non bastou a liserxia para emancipación budista –ou a respecto do capitalismo-. Non se dan aí transformacións que socaven a estrutura socioeconómica, o que, por outro lado, non deslexitima, tampouco, tal experiencia, que debe permanecer no ámbito da vontade individual.

Os lugares intensivos teñen consecuencias extensivas, case sempre ocupadas por un sistema económico flexible, vampiro do traballo semiótico ou creativo dos individuos, mesmo dos máis outsiders. Subsume, deglute, só elimina frontalmente os ataques frontais á súa infraestrutura, e a explosión de microtons de subxectivación vai ser guiada cara o transhumanismo, din. Nas nosas mans están as contraefectucións posibles, un tecer subtil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.