A hora de analizar os Orzamentos 2021 da Xunta de Galicia -aprobados polo Parlamento de Galicia o pasado 26 de xaneiro- hai que preguntarse si os mesmos axudarán a que Galicia saia da grande recesión na que se atopa inmersa por mor da pandemia provocada pola COVID19 pero tamén por unha crise sistémica. Un grande recesión na que se xuntan unha crise de demanda cunha crise de oferta.
Resulta oportuno recordar que reflicten os orzamentos públicos: os ingresos públicos esperados durante o exercicio así como os gastos programados. Ingresos que maiormente compoñen os impostos e a débeda pública. Gastos que recollen o que se asigna a cada un dos programas (ensino, sanidade, dependencia, emprego, ......). A pesares do que predican os neoliberais os orzamentos anuais rematan sempre en desequilibrio (con déficit -gastos superiores aos ingresos- ou con superávit -os ingresos cobren os gastos-). Para cubrir os déficits os estados acoden a emisión de bonos, pagos garantidos polo estado a unha determinada data, que acumulados reflicten a débeda pública -valor total dos bonos postos pola estado no mercado-. Loxicamente a estrutura e peso dos distintos ingresos e gastos públicos deben variar en función do ciclo (expansivo, recesivo) no que se atope a economía en cuestión.
Agora cara a comprobar o guión que seguiu a Xunta de Galicia na última década, na que ven gobernando o mesmo partido (PP), imos a tomar como referencia tres exercicios marcados por ciclos diferentes: 2009 (inicio da crise financeira), 2015 (lixeira recuperación) e 2021 (recesión pola pandemia). O gasto público non financeiro (consolidado e previsto), en termos reais (prezos 2009), evolucionou do xeito seguinte: (10.544 , 7.566, e 9.944 millóns de euros), non recuperando nunca o nivel de 2009 (100%, 72%, 94%).
Esta evolución do gasto público autonómico (en termos reais) pon en evidencia a disfonía que se ven dando entre o mesmo e o ciclo correspondente da economía galega. Unha dinámica que so se pode explicar por unha das razóns seguintes. Que ben a Xunta de Galicia elabora os seus orzamentos públicos sen ter en conta o ciclo económico. Ben a Xunta fai en cada exercicio unha interpretación equivocada da conxuntura económica. A lectura da memoria dos Orzamentos 2021 leva a que nos inclinemos pola segunda opción o que supón, por caso, que o efecto expansivo dos orzamentos sobre a economía galega sexa e siga sendo moito menor do que debería agardarse de tal inxección de fondos públicos (unha media de 10.000 millóns de euros anuais). Unha errónea interpretación que, por caso, leva a que en pleno impacto da pandemia sobre a actividade e o emprego tal que derruba o gasto privado, o que debera levar a que a Xunta fixera un esforzo fiscal sen precedentes, esta anuncie para 2021 unha rebaixa de impostos que se xustifica en base a unhas perspectivas económicas que, de ningures, se van a cumprir. Unha rebaixa de impostos tal que fan, como sinalaba anteriormente, que os orzamentos programados para o 2021 aparezan como claramente insuficientes dada a grande recesión provocada pola pandemia.
Unha rebaixa de impostos que fará que a débeda pública se siga disparando: si no exercicio do 2009 os ingresos por débeda supuxeron o 7,8% dos ingresos totais, no ano 2021 van supor o 17,6% polo que o crecente recurso a débeda para financiarse resulta así indiscutible. Un recurso que fai que se no período considerado (2009/2021) a Xunta de Galicia destinou mais de 17 mil millóns de euros ao pago dos servizos da débeda non por elo foi quen de evitar que esta seguira medrando: 19,3% dos pagos para o exercicio 2021. Un recurso a débeda que resulta especialmente escandaloso: para o exercicio programado a maior partida (72%) dos ingresos por débeda destinarase ao pago dos servizos da mesma (xuros+amortizacións) quedando unha parte moi menor (28%) para gasto real (infraestruturas, equipamentos, servizos públicos). A Xunta ingresa débeda para pagar débeda: o labirinto da débeda queda así en evidencia.
Compárense estas cifras de gastos e ingresos por débeda con outros compoñentes relevantes. Si a Xunta de Galicia (2021) ten programados en investimentos reais gastos por valor de 1.355 millóns de euros vai destinar 1.590 a pagos por débeda: unha relación 46/54 (que fora no 2009 de 85/15). Si espera ingresar por impostos (directos e indirectos) 6.085 millóns de euros, por débeda 2.361: unha relación de 72/28 (que fora de 82/18).
Unha política orzamentaria desta natureza ten evidentes consecuencias macroeconómicas como un menor crecemento económico e unha maior desigualdade, Un terceiro factor negativo se unirá aos dous anteriores, pero como consecuencia dos mesmos, unha crecente perda de soberanía.
Neste marco a resposta a primeira pregunta está clara: con estes orzamentos a Xunta de Galicia non está axudando a que a economía galega saia da grande recesión na que se atopa por mor da pandemia e a crise sistémica. Hai ademais outro efecto que se derivará desta política fiscal. Se trata da débeda pública galega que seguirá medrando así como os pagos polos servizos da mesma. Un crecemento da débeda pública que ven derivado nunha parte non menor da política tributaria da Xunta de Galicia quen, por razóns ideolóxicas, renuncia a incrementalos ingresos tributarios. Un incremento que podía conseguirse tanto cunha maior incidencia na loita contra a elevada fraude fiscal (26,3% dop PIB) coma introducindo elementos progresivos no actual sistema tributario (IRPF, Patrimonio, Sucesións e doazóns, medio ambiente.....) medidas que permitirían un incremento nada desprezable dos ingresos públicos. Incremento hoxe mais imprescindible que nunca dado o brutal impacto que a pandemia está tendo na economía e a sociedade galegas. Incremento fiscal que, asemade, contribuiría a reducila crecente desigualdade social en Galicia.