Orzamentos públicos en ciclos recesivos

CC-BY-SA Praza Pública

O novo curso político virá marcado no inmediato pola presentación dos Orzamentos públicos (2022) que deberan reflectir tanto a interpretación que do ciclo económico fai o actual goberno galego (PP) canto os programas a executar (GASTO) e os instrumentos cos que esperan contar para financiar os mesmos (INGRESOS).

A experiencia da última década pon en evidencia que a hora de elaborar os Orzamentos Públicos este goberno no parece ter en conta como debera a natureza do ciclo económico (recesión, expansión) en que se atopa a economía galega. As evidencias son contundentes así como negativas as consecuencias debido, entre outras razóns, a que esta estratexia fiscal impide que os orzamentos públicos actúen como estabilizadores.

A pesares dalgúns repuntes alcistas (2016-2018) pódese afirmar que a economía galega, como a española e a maioría das europeas, ven camiñando dende a crise financeira (2008) nunha longa onda recesiva que ben se pode cualificar como unha depresión que a pandemia da COVID.19 fixo aínda mais fonda e xeral ao afectar tanto a demanda como a oferta globais. Gran depresión marcada por unhas moi elevadas taxas de desemprego, fortes caídas dos salarios reais e un brutal colapso do investimento privado así coma unha perda non menor da produtividade. Neste escenario macroeconómico Galicia tería precisado dun goberno que para reactivar a economía apostara decididamente por políticas fortemente anticíclicas e non por políticas de austeridade.

Os efectos están a vista e basta para elo con observar a evolución do gasto privado durante todos estes anos. Dentro do gasto privado sería, como sinalaba anteriormente, o investimento quen levaría a peor parte na recesión. Unha evolución que esixía por parte do goberno galego incrementar notablemente o investimento público en proporción a variación negativa, pero en sentido contrario, do investimento privado. Pero contra toda lóxica macroeconómica o goberno galego reduciu o investimento público, en termo reais, a metade. Unha decisión que repercutiría negativamente no gasto privado: en Galicia o tecido empresarial está formado maioritariamente por empresas de tamaño pequeno e medio polo que o incremento do investimento público (gasto) incrementaría as ventas (ingresos) de estas sociedades estimulando o investimento privado (gasto) favorecendo así a creación de emprego e o crecemento económico. 

Para un maior gasto a Xunta de Galicia precisa loxicamente incrementalos seus ingresos que podería conseguir por varias vías. En primeiro lugar a tributaria na que hai un claro marxe de manobra ao través tanto de incrementar o tramo autonómico do IRPF -incorporando novos tramos por riba do máximo actual de 60.000 euros- como actuando sobre o Imposto de sucesións substituíndo as actuais tarifas I e II polas estatais. Dentro das actuacións en materia tributaria a Xunta de Galicia debera tomarse en serio a loita contra a fraude fiscal que en Galicia e moi elevada e que permitiría un incremento nada desprezable dos ingresos tributarios. Finalmente, en fases recesivas como sucede actualmente é cando están plenamente xustificados os incrementos da débeda pública.

Fronte ao que defenden os neoliberais preocuparse nos ciclos recesivos polo déficit é unha necidade (Paul Krugman dixit), ademais na fase actual estamos inmersos no que tecnicamente se coñece como "unha trampa de liquidez". Unha abundancia de liquidez nos mercados tal que o aforro supera con creces ao investimento. En situacións como estas as débedas públicas o que fan e ofrecerlle unha saída a esa liquidez sen provocar, por caso, que suban os tipos de xuro e se dispare a sacrosanta inflación. Unha saída que, paralelamente, permite facer fronte as recesións posto que a abundancia de aforro deriva nun gasto privado menor que é, xunto a pandemia, unha das razóns actuais da grande recesión. Nestas condicións un incremento en termos absolutos da carga da débeda non sería un problema pois favorecería a recuperación económica: o peso da débeda mídese en proporción ao PIB. 

A prol dos argumentos anteriores están as evidencias históricas e a experiencia empírica que nos teñen demostrado abondo que os recortes no gasto público non favorecen o crecemento do gasto privado senón o contrario. Ao contraerse o gasto cae o PIB e, xa que logo, incrementase o peso da débeda (%PIB). Pola súa parte esta caída do PIB deprime a economía con efectos negativos a medio e longo prazo como estamos vendo. Efectos que tamén se reflicten sobre a balanza fiscal pola redución de ingresos que supón.

Velaí as razóns que me levan a mostrar a miña oposición a política fiscal e orzamentaria que na última década ven adoptando a Xunta de Galicia pois camiña en dirección contraria a que sería mester para recuperala senda do crecemento económico sostido e a creación de emprego decente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.