Un dos vademecum mais utilizado polas dereitas galegas e os seus medios afines, en especial dende que o señor Feijoo ocupa a presidencia da Xunta de Galicia (2009), é aquel de que a Galicia vaille, dende o punto de vista macroeconómico, mellor que a España. Segundo estas opinións, nas fases expansivas medraríamos mais que a media española e nas recesivas diminuiríamos menos.
Si esta dinámica fora certa Galicia, hoxe por hoxe, tería que estar entre as comunidades mais ricas de España o que non é o caso: a riqueza per cápita de Galicia aínda está claramente por baixo da media (89% no 2010, 90% no 2019,) a pesares da caída da poboación.
Analizando as principais variables macroeconómicas atopamos as explicacións oportunas desta diverxencia. Dende hai décadas Galicia ten unha taxa de ocupación (47%) por baixo da media española (50,5%) e o mesmo sucede co salario medio bruto anual (92,5%) o que conduce a que o peso das salarios na renda sexa tamén inferior (44% fronte a 46%). Diferencial que ten un dos seus fundamentos nunha menor produtividade (84%)
Si o emprego e os salarios son baixos o gasto privado tamén é baixo. Así sucede, como evidencia que o gasto privado per cápita de Galicia sexa inferior a media en España (87%). Si as subliñadas desigualdades no mercado laboral explican ese diferencial no gasto privado non menos influencia ten un investimento privado que na última década sufriu, en termos reais, unha brutal caída (35%), unha das mais elevadas de España (15%). Nesta dinámica recesiva tiveron moito que veren os axustes fiscais aplicados pola Xunta de Galicia que castigaron especialmente ao investimento público (50%) quen arrastrou consigo na súa caída ao investimento privado: tódalas evidencias empíricas demostran que, en contra do que afirman os neoliberais para xustificar os recortes, o gasto público non substitúe ao gasto privado senón que turra do mesmo e moito mais en economías como a galega onde a produción de bens e servizos está en mans privadas sendo as empresas maioritariamente de tamaño pequeno e medio.
Como podemos ver a afirmación de que en Galicia as cousas, dende o punto de visto macroeconómico, van mellor que no conxunto de España non resiste o contraste coas evidencias empíricas. A realidade é exactamente a contraria e si repasamos as variables que confirman estas evidencias (emprego, salarios, produtividade, gasto...) veremos que a explicación témola na lóxica capitalista do intercambio desigual. Unha dinámica apuntalada por unhas políticas públicas (fiscal, monetaria, laboral...) que a favorecen dado o seu marcado carácter neoliberal (axuste fiscal, rebaixa salarial, privatización, liberalización comercial.....).
Neste marco macroeconómico pode asegurarse que, para a nosa desgracia, a saída da pandemia en Galicia non será, en termos macroeconómicos, mellor que para a media de España.