O goberno do Estado ven de presentar o proxecto de Orzamentos xerais para o ano 2021. Nas vindeiras semanas, o goberno da Xunta tamén revelará a concreción da proposta de contas públicas para semellante exercicio anual, despois de fixar un teito de gasto que incrementa en 1.500 millóns de euros a dotación vixente.
Calquera análise dos proxectos orzamentarios debe tomar en consideración dous factores básicos: os compromisos programáticos dos executivos que os elaboran e as características da conxuntura macroeconómica na que ten lugar a devandita elaboración.
O goberno de coalición entre PSOE e UP -unha circunstancia inédita na política estatal dende 1977- asumiu, na súa investidura, unhas liñas de actuación que se situaban no territorio dunha socialdemocracia máis intensa da que se coñeceu noutros países da contorna europea máis próxima -coa excepción de Grecia e Portugal- durante as últimas décadas. De non aparecer a grave crise sanitaria provocada polo coronavirus, o orzamento promovido por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias construiríase sobre dous alicerces básicos: política fiscal máis redistributiva e maior gasto público orientado a reforzar o sistema de benestar, tratando de estirar ao máximo os límites que se viñeron marcando dende Bruxelas para os Estados da UE.
A pandemia rachou todas as follas de ruta anteriores. Os elevados niveis de incertidume sobre o escenario económico europeo e internacional para o 2021 erosionan seriamente a solvencia previsora que demanda calquera documento orzamentario. Cando as oscilacións sobre a evolución das variábeis macroeconómicas son tan elevadas, resulta moi complicado construír un plan anual de política económica que non se vexa sometido a imponderábeis incontrolados. É certo, tamén, que a eliminación temporal das restricións de déficit e endebedamento acordadas na Comisión Europea ten facilitado planear actuacións públicas cunha flexibilidade ate agora inexistente. Nos órganos dirixentes da Unión (ou mesmo en organismos como o FMI) son conscientes do papel decisivo das políticas de gasto das Administracións públicas na desexada reconstrución económica posterior ao actual desastre. É por iso polo que se aprobou unha importante liña de transferencias e créditos aos distintos países para os vindeiros anos.
Coñecidas as primeiras cifras facilitadas dende o goberno, pódese afirmar que a política fiscal de Sánchez e Iglesias ficou por debaixo do que estableceran no seu programa de xaneiro, aínda que utilicen algunhas subidas limitadas en determinadas figuras fiscais que evocan a súa pretensión xeral de reorientar a carga impositiva en favor das rendas medianas e baixas. No capítulo dos gastos públicos cumpriron coas expectativas xeradas hai uns meses: as prioridades en favor da sanidade, ensino, pensións e demais epígrafes de atención aos sectores máis necesitados poden ser discutidos pola súa relativa insuficiencia nalgúns casos, pero resultan congruentes co anunciado previamente. Haberá que ver, nunha lectura máis detallada, se nestas cifras orzamentarias existe marxe para acometer o comezo dunha redefinición das apostas estratéxicas da economía española. Semellante tarefa necesitará un horizonte plurianual e deberá encaixar coa lóxica dos chamado fondos COVID impulsados dende Bruxelas.
Os gobernos deben de ser xulgados polos orzamentos que elaboran, pero tamén pola súa capacidade para executalos. Nun contexto incerto como o que atravesamos resultará máis difícil cumprir con esa regra. Os desaxustes poden aparecer se a pandemia se descontrola e dura moito mais tempo do que hoxe nos atrevemos a imaxinar. Manter o rumbo no medio dunha treboada é un reto complicado. Pero tampouco resultará doado desempeñar unha oposición destrutiva nun contexto no que corren perigo de derrube empresas, empregos e prestacións públicas.