A Coruña aínda ten 102 símbolos franquistas e 30 corresponden a rúas, retratos, placas, monólitos e distincións a alcaldes e alcaldesa da ditadura até as primeiras eleccións municipais democráticas de abril de 1979: Sisenando Martínez Yunta, Juan González-Regueral y Álvarez Arenas, Fernando Álvarez Sotomayor y Zaragoza, José Pérez-Ardá y López Valdivieso, José Crespo y López-Mora, Eduardo Ozores y Arraiz, Alfonso Molina Brandao, Sergio Peñamaría de Llano, Eduardo Sanjurjo de Carricarte, Demetrio Salorio Suárez, Jaime Hervada Fernández-España, José Manuel Liaño Flores e Berta Tapia Lafonte.
A Coruña aínda ten 102 símbolos franquistas e 30 corresponden a rúas, retratos, placas, monólitos e distincións a alcaldes e alcaldesa da ditadura até as primeiras eleccións municipais democráticas de abril de 1979
Ademais dos recollidos na propia lei de Memoria Histórica de 2007, os criterios para eliminar esta simboloxía están moi claros. Así, o Parlamento Galego aprobaba por unanimidade unha declaración institucional o 18 de xullo de 2016 que falaba de “eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos”. O Pleno da Deputación da Coruña de 26 de outubro de 2018, presidencia do PSOE, acordaba, sen ningún voto en contra, “instar aos concellos da provincia a eliminar os restos de simboloxía franquista (escudos, insignias, placas, nomenclátor das rúas, inscricións) distincións, nomeamentos, títulos honoríficos e honores a golpistas, franquistas e demais formas de exaltación e enaltecemento individual ou colectivo da sublevación militar de 1936 e do franquismo, dos seus dirixentes ou das organizacións que sustentaron o réxime ditatorial”. Non hai dúbida que os alcaldes ou alcaldesas de 1936 a 1979 son referentes e dirixentes da ditadura franquista Isto é o que se fai noutros moitos concellos, en aplicación da citada lei.
Non hai dúbida que os alcaldes ou alcaldesas de 1936 a 1979 son referentes e dirixentes da ditadura franquista Isto é o que se fai noutros moitos concellos, en aplicación da citada lei.
Ferrol. A proposta do PSOE, o pleno de 30 de xullo de 2018 acordaba a retirada dos retratos de sete alcaldes da ditadura da sala de alcaldes. Beatriz Sestayo, portavoz municipal socialista, declaraba que "poden ser retirados en menos de 24 horas".
Paterna (Valencia). Acordaba en decembro de 2015 retirar os cadros dos alcaldes franquistas co apolo de PSOE, Esquerda Unida e Paterna si Puede.
Bilbao. O pleno de 27 de febreiro de 2014, co voto de PNV e PSOE, declaraba como "ilexítimos" os alcaldes nomeados durante a Guerra Civil e a ditadura e acordaba habilitar "un espazo para la memoria contextualizada del ayuntamiento" onde os retratos deses alcaldes están diferenciados do resto. No panel informativo sobre a "dictadura franquista (21-6-1937 a 18-4-1979)” aparece na parte inferior a relación dos dez alcaldes e alcaldesa da ditadura, cunha descrición dese período histórico que comeza así: "En 1937 el ejército franquista ocupó Bilbao e implantó un régimen dictatorial".
Xuntas Xenerais de Biscaia aprobaban o 9 de febreiro de 2010 una proposición non de norma para a supresión da simboloxía franquista, con mención expresa aos retratos dos alcaldes ou alcaldesas da ditadura, que argumentaban así: “La presencia de cualquier símbolo o elemento de otro tipo que con su permanencia siga alabando los valores y las personas que hicieron posible aquel régimen fascista supone un grave perjuicio contra la memoria de las víctimas de ese régimen y supone un grave ataque contra el más elemental sentido democrático aquí y ahora. Malamente podemos educar en valores basados en la democracia mientras que símbolos que representan justamente a un régimen que se construyó contra ella siguen presentes en nuestros espacios públicos y también en algún caso incluso espacios institucionales”. Este foi un dos acordos: “Eliminación en el plazo máximo de tres meses de cualquier espacio publico o institucional del territorio histórico de Bizkaia todo aquel elemento que haga referencia a la dictadura franquista en cualquiera de sus manifestaciones o a cualquiera de sus promotores, inspiradores o personas que ejercieron algún tipo de poder durante la misma”.
Ponferrada. O PSOE pedía en decembro de 2017 a retirada dos retratos dos alcaldes franquistas porque é "un bochorno" e unha falta de respecto as vítimas do franquismo.
Sestao (Biscaia) retiraba en 2015 a distinción de Fillo Predilecto a Jesús Sainz Planillo, alcalde na ditadura.
Barcelona. O pleno de abril de 2018 acordaba retirar a Medalla de Ouro a Miguel Mateu Pla, alcalde na ditadura.
Madrid. Retiraba en 2017 a distinción de Fillo Predilecto a Carlos Arias Navarro, alcalde na ditadura. Eliminaba tamén a avenida Conde de Mayalde, alcalde na ditadura (1952-1965) e a glorieta Cirilo Martín Martín, alcalde de Aravaca na ditadura cando tiña concello propio.
Cádiz. Eliminaba en 2017 a avenida Ramón de Carranza, alcalde na ditadura. Retiraba tamén os retratos de oito alcaldes da ditadura, situados na escaleira nobre do concello, varias placas con referencia a Ramón de Carranza e unha escultura na galería nobre do concello. Foi retirada a escultura e a placa onde naceu José León de Carranza Gómez-Pablos, fillo do anterior e alcalde na ditadura, así como unha placa de gratitude do padroado de vivendas de Sagrada Familia e unha escultura coa inscrición: "Cádiz a José León de Carranza, alcalde de esta ciudad".
Badaxoz. A deputación, presidencia do PSOE e despois de catalogar en 2017 un total de 253 símbolos franquistas na provincia, comunicaba ao concello de Badaxoz que debería cambiar os nomes das rúas de catro alcaldes na ditadura. A Lei de Memoria Histórica de Estremadura, presidida polo PSOE, aprobada a finais de 2018 a retirada de subvencións ou axudas públicas se non se eliminan os elementos franquistas nos concellos.
Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Málaga, Bilbao, Zaragoza, Cádiz..., co voto a favor do PSOE e en aplicación da Lei de Memoria Histórica, non conservan rúas, placas, monólitos ou distincións a alcaldes e alcaldesas da ditadura. Por que A Coruña vai ser diferente?
O Barco de Valdeorras. O pleno de 3 de outubro de 2019 (alcaldía do PSOE) aprobaba por unanimidade (PSOE, PP con 5 concelleiros, BNG e Riada Cidadá), unha moción con referencia á represión franquista na comarca: "Informa ao concello da Coruña sobre os feitos acaecidos ao remate da guerra civil en terras de Valdeorras e nos que participou o tenente da Lexión Sergio Peñamaría de Llano [alcalde da Coruña de 1959 a 1963], aos efectos de que, en caso de iniciar algún procedemento relacionado coa Lei de Memoria Histórica, sexa tido en conta, e así, en concordancia coa devandita lei, contribúan a promover a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e a recuperar a súa dignidade".
Cidade Real. A proposta da Mesa da Memoria Histórica e co apoio do PSOE, Ganemos e Cs, a Xunta de Goberno Local (alcaldesa do PSOE), cambiaba o 5 de febreiro de 2018 a rúa José María Aparicio Arce, que foi alcalde de Alcázar de San Juan e presidente da Deputación na ditadura.
Valencia. O pleno de 28 de xullo de 2016 e co voto a favor do PSOE retiraba a distinción de Alcalde Honorario a Adolfo Rincón de Arellano, alcalde na ditadura (1943-1949).
Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Málaga, Bilbao, Zaragoza, Cádiz..., co voto a favor do PSOE e en aplicación da Lei de Memoria Histórica, non conservan rúas, placas, monólitos ou distincións a alcaldes e alcaldesas da ditadura. Por que A Coruña vai ser diferente?
Manuel Monge foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.