“O que estamos presenciando é un aparente intento por parte de Trump, Musk e os seus compinches multimillonarios de forxar un tipo de capitalismo modelado segundo as zonas ilícitas do mundo off-shore. Non é so unha revolta fiscal, é un ataque sen cuartel a calquera lei que ameace a acumulación extrema de riqueza e poder” (Joseph Stiglitz)
O 7 de agosto a maioría dos medios de información anunciaban que entraban en vigor os novos aranceis “recíprocos” impulsados por Donald Trump, presidente dos Estados Unidos. O New York Times, pola súa parte, sinalaba que segundo a administración Trump o obxectivo destas medidas é o de “axudar a restablecer relacións comerciais que se consideran inxustas, recadar novos ingresos para o goberno estadounidense, estimular mais a fabricación propia asi como acadar outros obxectivos”.
Aranceis urbi et orbi pero a carta
Os novos aranceis supoñen unha variación substancial en relación a situación anterior -un arancel mínimo xeral do 10%- ao introducir variacións nas porcentaxes segundo o pais. Mantense o arancel universal do 10% pero establécense aranceis adicionais a un conxunto de países de xeito que a nova taxa pode ir dun 15% (Unión Europea) a un 50% (Brasil, con algunhas excepcións importantes), pasando por un 25% (India) ou un 39% (Suiza).
Críticas de voces autorizadas
Paul Krugman, que algo sabe de economía e de comercio internacional -foi Premio Nobel de Economía no ano 2008 polos seus estudios sobre comercio internacional- apunta, na súa critica, a dúas características apenas citadas dos aranceis: falsidade e arbitrariedade. En relación ao primeiro este experto afirma que “Donald Trump está facendo afirmacións falsas sobre os nosos socios comerciais..os aranceis son perigosamente altos e baseados en falsidades completas..as cifras que usa D.Trump son moi altas e completamente falsas e ahi está o caso do saldo comercial coa Unión Europea”. En canto a arbitrariedade cita o caso particular do Brasil, “a imposición de aranceis do 50% a Brasil é diabólico e megalómano...(Donald Trump) protexe a ditadores...utiliza os aranceis para combatela democracia....non hai razóns económicas que xustifiquen tal medida..Donald Trump é un proxecto de ditador, diabólico e megalómano.. esta xogada con Brasil podería fundamentar un impeachment”.
Dalgunha forma Paul Krugman ven a darlle a razón a Noam Chomsky quen, no seu día, definiu a Donald Trump como “un megalómano sociopata con perversas intencións. Pretende gañar sempre. Ademais é un político astuto que comprende que os seus colaboradores aceptarán facilmente a gran mentira”.
Volvendo aos aranceis e os seus efectos macroeconómicos, outro premio Nobel de economía, Joseph Stiglitz apunta a que aqueles “poden levar a unha estanflación (estancamento e inflación), o peor escenario posible”. Entre as razóns que esgrime este gran economista está a de que “Donald Trump mal interpretou a situación, crendo que ten mais poder do que realmente posúe nesta disputa comercial...a forma en que manexou os aranceis fixéronlle perder credibilidade. Calquera que crea que isto é unha mostra de forza está equivocado”.
Incluso alguén tan liberal como Lawrence Summers, que fora Secretario do Tesouro con Bill Clinton de presidente do Estados Unidos, afirmaría que estas medidas son un exemplo de “masoquismo económico” xa que “poderían causar unha perda económica de hasta 30 billóns de dólares. A política mais cara e masoquista que Estados Unidos adoptou en décadas.... estes aranceis actúan como un imposto sobre tódolos insumos importados o que eleva os custos de produción, reduce o investimento e fractura as cadeas de produción...isto conduce a estanflación, pode desencadear unha desaceleración mundial”.
Finalmente digamos que tamén dende as finanzas tanto o FMI (Fondo Monetario Internacional) como o poderosísimo Goldman Sachs coinciden en que cos aranceis de Donaldo Trump hai moitas posibilidades de que o mundo entre en recesión.
Impacto nos Estados Unidos dos aranceis
No que hai tamén unha gran coincidencia entre os expertos é que, en contra das intencións proclamadas por Donald Tremp, os propios Estados Unidos serán unha das principais economías vítimas dos aranceis.
Segundo o xa citado New York Tomes (agosto 2025) como consecuencia inmediata destas medias arancelarias “os prezos comenzaron a subir e a última medición mensual da inflación amosa que os electrodomésticos, a roupa e os mobles encarecéronse. A economía medrou pero so a un ritmo anémico e algúns analistas prevén poucas melloras no que queda de ano. O mercado laboral experimentou as súas propias tensións, cunha brusca desaceleración da contratación en xullo”.
Analistas en España como o economista andaluz, Juan Torres, quen fora catedrático de economía na Universidade de Málaga, apuntan a que en relación ao que os citados aranceis buscan “de non so frear a desindustrialización dos Estados Unidos senón de estimulala volta ao país de orixe das industrias que se localizan noutros países.....estas non van a volver por patriotismo. O farán so si alo atopan mellores condicións tanto a nivel nacional como de acceso aos mercados globais para obter a maior rendibilidade posible. E o problema que ten os Estados Unidos para reindustrializar a súa economía é que recobrar esas condicións é moi difícil, por non dicir imposible o menor custo e medio prazo por que sería unha reindustrialización que precisaría de salarios e gasto público que non se está disposto a soportar”.
Nesta liña e como avanzara o New York Times o impacto dos aranceis tamén afectará, e non positivamente como algúns pensan e aseguran, aos Estados Unidos pois o mais probable e que haxa unha suba de prezos -en 2025 a inflación subiu con relación a 2024- que freará o consumo das familias que, por outra parte, xa está enviando sinalas de arrefriamento. A probable suba dos tipos de xuro tamén afectará ao investimento polo que a caída do consumo das familias e do investimento das empresas afectará a demanda e a actividade o que, seguramente, despertará o descontento cidadán -segundo as enquisas mais fiables o 62%dos votantes están en contra dos aranceis unha vez aprobados cando a porcentaxe antes das eleccións era do 36%-.
Ampliando a perspectiva Joseph Stiglitz, confirmando en parte o diagnóstico do NYT, afirma que Donald Trump está convertendo aos Estados Unidos no maior paraíso fiscal da historia. “Isto parece ser parte dunha estratexia mais ampla para socavar 250 anos de salvagardas internacionais, ignora conflitos de intereses, desmantela controles e equilibrios e confisca fondos asignados polo Congreso. A administración non está debatendo políticas, está pisoteando o estado de dereito, pero..... a Donald Trump lle encanta un imposto: os aranceis as importacións. Parece crer que os estranxeiros están pagando a factura, proporcionando así diñeiro para reducilos impostos aos multimillonarios. Tamén parece crer que os aranceis eliminarán os déficits comerciais e farán que as fábricas volverán aos Estados Unidos. Non importa que os aranceis os paguen os importadores, facendo subilos prezos internos, a realidade é que Donald Trump, tamén está empeorando o déficit comercial e nivel microeconómico. Estados Unidos converteuse nunha economía de servizos. Entre as súas maiores exportacións están o turismo, o ensino e a sanidade. Pero Donald Trump socavou sistematicamente cada un destes sectores. Que turista, estudante ou doente quererá vir a Estados Unidos sabendo que poden seren detidos arbitrariamente e retidos durante semanas?.
“O enfoque”- continua J. Stiglitz- ”estratexicamente erróneo de Donald Trump está resultando contraproducente para Estados Unidos. China é un dos maiores socios comerciais de Estados Unidos de quen este depende para importacións críticas. China xa tomou represalias e o medo a estanflación golpeou os mercados bursatís e de bonos.....e isto é so o principios”.
Consecuencias a nivel mundial
Logo de escoitar a todos estes expertos, e a outros mais, parece indiscutible que os aranceis de Donald Trump compactarán fortemente no comercio internacional afectando especialmente as economías mais abertas como, por caso, algunhas do sueste asiático, sen que outras europeas escapen o impacto pero con menor intensidade e forza.
Parece tamén evidente que a confianza internacional na economía estadounidense se resentirá o que pode chegar afectar ao dólar na súa dobre condición de divisa internacional e de moeda de reserva. Todo isto, claro está vai depender da reacción do resto de países, moi especialmente dos BRICS pero tamén da UE, de como estes respondan. Poidan que estes avancen na desdolarización das súas economías e na procura de novas relacións comerciais algo que, neste tema en particular, pode favorecer moi particularmente a China que, segundo tódolos indicios, parecería terse preparado dende fai anos para enfrontarse a unha situación como a actual. Algo que Joseph Stiglitz confirma.
“China xa anticipara esta situación e comezou a expandir a súa inversión e o seu consumo domestico reducindo a súa dependencia do comercio de Estados Unidos. O que se está facendo en China e diminuír o seu investimento económico a USA por que poden compensalo facendo acordos con outros países algo que non sucede con Estados Unidos que....non estaba preparado para estas accións erráticos e caóticas de Donald Trump”.
Como perspectiva xeral Joseph Stiglitz avanza que “o que estamos presenciando é un aparente intento por parte de Trump, Musk e os seus compilaches multimillonarios de forzar un tipo de capitalismo modelado segundo as zonas ilícitas do mundo off-shore. Non é so unha revolta fiscal, é un ataque sen cuartel a calquera lei que ameace a acumulación estrema de riqueza e poder”.
A Unión Europea e os aranceis de Donald Trump
Continuando co experto anteriormente citado e con relación a Unión Europea esta “debe decidir que papel quere xogar neste mundo complexo. Europa precisa desenvolver a súa independencia.... si en Europa hai unidade de acción pode ser tan forte como Estados Unidos” xa que “a economía europea é mais forte que a de Estados Unidos” (J. Stiglitz)
Nunha liña moi similar, Paul Krugman pensa que “Europa debe defenderse. Europa non depende mais de Estados Unidos que este de Europa. Non hai nada que obrigue a esta a compracer os delirios de un desqueixado dos Estados Unidos....que quere potenciar ditaduras e erosionar democracias”. Algo que, por caso, confirma a agresiva actitude de Donald Trump con Lula (Brasil).
“Permítanme agregar un consello”, continua P.K, “tanto a Comisión como a Unión Europea no seu conxunto non intenten acougar a Donald Trump. Non poden facer concesións substanciais, por que as súas políticas para as exportacións estadounidenses xa son bastante favorables. Darlle a Donald Trump unha vitoria simbólica e insignificante so o envalentonaría confirmando a súa falsa crenza de que nos trataron mal durante anos.... sobre todo Europa precisa superar a súa indefensión aprendendo a actuar como a grande potencia que é, especialmente dada a aparente determinación dos Estados Unidos de destruír os piares da súa propia fortaleza”.
Desgraciadamente os lideres e dirixentes da Unión Europa parecen facer ouvidos xordos aos consellos destes dous grandes sabios da economía (https://praza.gal/opinion/a-union-europea-na-nova-era-mundial).