Os bancos teñen os nosos cartos como reféns

© Manuel López

A recente suba de tipos de interese por parte do BCE non é máis que a última e desesperada forma de manter con vida a un sector bancario que leva dende 2008 en coidados intensivos, máis ou menos encubertos. Rescates con capital público sen adquirir control público, compra de activos nos mercados financeiros por parte dos bancos centrais, creación de bancos malos como a Sareb para limpar de forma encuberta os balances dos bancos co diñeiro de todas, créditos avalados polo ICO, compra de débeda dos estados a través dos bancos privados en vez de directamente…

Esta última medida de subir os tipos de interés en definitiva supón encarecer a devolución dos préstamos a todas aquelas familias, empresas e institucións endebedadas. Toda unha intervención directa no mercado que determina o prezo de pedir prestado, pero non para defender os dereitos das desposeídas obrigadas a endebedarse. É un golpe letal a unha economía produtiva que se esmorece, pese aos constantes aumentos da produtividade real do traballo. Son fame, desafiuzamentos, despidos, suicidios e polarización social.

Con esta medida os únicos beneficiados son os grandes bancos europeos, que viron aumentar os seus marxes de beneficio enormemente. Isto so é posible polo seu inmenso poder de mercado. O sector bancario dista moito de ser un mercado onde a competencia reduza os beneficios empresariais ao mínimo. Aquí, coma en moitos outros, o poder importa máis que a eficiencia.

A través dun oligopolio público-privado do que as nosas institucións supranacionais tamén son responsables aproveitan a suba de tipos para aumentar prezos moi por riba do necesario, do mesmo modo que o fixeron as grandes distribuidoras de alimentación ou as enerxéticas neste país. A suba dos prezos que estamos a vivir (inflación), e que provoca que no estado español o poder adquisitivo teña baixado un 12% nos últimos 5 anos, ten tanto que ver cun aumento do custe da enerxía como cun aumento dos beneficios empresariais, debidos a estas enormes concentracións de poder, que ademais atopan no PSOE, PP e Vox uns aliados permanentes que os favorecen.

Dominio Público

Pero o certo é que o BCE, que en última instancia é unha institución pública (aínda que con enormes carencias democrática), tampouco ten moita elección. Primeiro ten que aparentar que fai algo, e que controla a economía, ainda que esta suba non vai reducir en absoluto a inflación. E segundo ten que actuar de forma inminente fronte a unha posible crise bancaria, outra máis, que se levaría por diante o diñeiro que temos nos bancos (ainda que isto supoña elexir unha morte lenta para evitar a rápida). A súa lóxica é algo así:

Hai recesión, haberá impagos, os bancos xa estaban na corda frouxa, se caen vamos todas abaixo con eles (causemos aínda máis recesión!).

E a verdade é que isto é así, no é tan doado como deixalos quebrar e listo. Con que o máis mínimo banco se vexa na quebra vai poñer en risco a lograda aparencia de seguridade que o estado trata de impoñer no diñeiro bancario, provocando unha retirada de efectivo que automaticamente faría quebrar a todo o sistema. Pero por que pasa isto? Iso mesmo me preguntei eu fai máis de 8 anos cando decidín estudar este tema a fondo.

Non vos deixedes enganar polo termo “depósitos bancarios”. Alí non hai depositado nada. Resulta que eses números que temos na nosa conta de banco non son máis que promesas de banco. Prometen que cando queiras retirar ese diñeiro ou mandalo por transferencia vas poder. Pero esas promesas son dificilmente cumpribles sen este velo de confianza no seu bo facer que nos facían crer e especialmente á falta de alternativas (hai monocultivo de servizos de pago), que lles permite crear moito máis diñeiro bancario do que realmente teñen.

O capital líquido do banco, é dicir, o diñeiro en efectivo e o seu análogo dixital (reservas no banco central) é moi inferior á cantidade de diñeiro dixital creado. Da orde do 10% do total. Bastaría con que unha pequena parte de nós fósemos a retirar o noso diñeiro simultaneamente para facer ver esa imposibilidade (non quero dar ideas...). Se unha empresa, o banco, non pode cumprir cas súas promesas (ou sexa cas súas débedas) ten que declararse en quebra, e nese momento todo o noso diñeiro desaparecería e sería impagado. Esas promesas só funcionan mentres as retiradas de efectivo se compensen con ingresos, ou sexa, mentres sigamos confiando na banca privada. Así funciona a reserva fraccionaria. E funciona fatal. Non hai máis que ver as innumerables crises bancarias ao longo da historia, especialmente antes da creación dos bancos centrais, que naceron como institucións privadas creadas pola banca para coordinarse, mellorar a súa imaxe e manter o poder de crear o diñeiro das nacións.

Neste caso a suba de tipos de interese prexudica tamén ao sistema de bancos centrais europeos, que lle terá que pagar grandes cantidades en concepto de intereses aos bancos comerciais por unhas reservas bancarias enormes, creadas pola expansión cuantitativa dos anos pasados. Non só soben as nosas hipotecas (quen as teñan), tamén sofren os mismísimos bancos centrais. Isto pode derivar, por primeira vez en case un século, en que estas institucións den perdas (inaudito), que terán que ser sufragadas polos contribuíntes a través de impostos. Este fluxo de diñeiro inesperado para os bancos comerciais é outro agasallo máis que trata de apuntalar a solvencia dun sector que non fai máis que inflar burbullas especulativas e cando estoupan esperar ao rescate do estado. Basta de aporofobia, se hai alguén nesta sociedade aproveitándose de axudas públicas eses son os grandes bancos como o Santander, o BBVA ou CaixaBank. Xa estades movendo os vosos cartos a outro sitio.

A independencia dos bancos centrais é unha característica desexable para aprofundar na separación de poderes, pero a forma de exercer as súas competencias ten consecuencias que sobrepasan por moito ao seu mandato institucional de controlar a inflación. Non só as subidas de tipos de interés son unha ferramenta cuestionable para influír na cantidade de diñeiro en circulación, senón que calquera outra intervención recente do banco central derivou nun reparto inxusto da riqueza, incrementando a desigualdade e rescatando aos especuladores de burbulla causantes das crises. Neutralidade cero. E se en ningún caso se velou polos intereses das maiorías sociais é porque tal e como deseñamos este sistema monetario o esencial para él é evitar que os bancos quebren, pois teñen os nosos aforros como refén. Ningún estado vai permitir que o diñeiro dixital que usamos desapareza de un día para outro. Sen reformar este sistema non hai solución.

Dominio Público pxfuel

Mentres o noso diñeiro sexa creado pola banca comercial cada vez que concede un préstamo estamos abocadas a manter altos niveis de endebedamento na sociedade (co antieconómico e inhumano do pago de intereses que conleva) e a rescatar a este sector unha e outra vez, independentemente do que fagan. Recentemente o imposto á banca prevee recadar 3.000 millóns de euros e foi criticado por prexudicar a capacidade de prestar da banca. Nada comparado cos máis de 100.000 millóns que se repartiron entre eles descapitalizando a estas entidades nun momento no que é moi probable unha ola de impagos hipotecarios debida á mesma suba de intereses que os mantén a flote.

O tinglao está a piques de implosionar, e desta vez, a capacidade ou vontade dos estados para pagar a conta é moito menor que nas crises anteriores, pois a débeda pública xa adquiriu dimensións estratosféricas. Quizais por iso é comprensible ver unha serie de propostas innovadoras e con potencial disruptivo que cambiarían por completo como funciona o diñeiro actual en boca das altas esferas de poder. As famosas CBDC (diñeiro dixital do banco central) que xa estudan a meirande parte dos bancos centrais do mundo.

A proposta é simple. Ter un diñeiro público dixital para toda a cidadanía e impedir que os bancos creen novo diñeiro. Sería obrigatorio respaldar todas as formas de cartos privados 100% con diñeiro seguro emitido polo banco central ou por calquera outra institución pública independente. Unha consecuencia importante sería que os bancos centrais deixarían de ser bancos, e verían reducidas enormemente as súas competencias, que en definitiva sería regular a cantidade de moeda en circulación creándoa directamente ou retirándoa mediante algún tipo de imposto. No estado hai unha organización, Dinero Positivo, que traballa para que isto se leve a cabo coordinada con outras a nivel internacional no IMMR.

Pero mentres se implementen formas de diñeiro dixital público tratando de manter os privilexios actuais da banca, sen velar pola privacidade das usuarias e convidando á festa ás grandes tecnolóxicas, só nos queda buscar as nosas propias formas de diñeiro que resolvan este problema. Calquera comunidade pode darlle valor ao seu diñeiro, e aquí na Galiza hai unha comunidade creando a súa propia moeda autoxestionada e cun deseño que favorece ao pequeño comercio e ao tecido asociativo. Son moitas as iniciativas de moedas sociais que se están levando a cabo no mundo, e que poden ser un salvavidas en caso de que as moedas oficiais colapsen, algo que por desgraza non parece tan improbable, visto o visto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.