Os coidados e as residencias: Paternalismo hipócrita e negocio criminal

Residencia de maiores en Silleda © Residencia de Mayores de Silleda

A situación, tanto das residencias como dos Servizos e coidados en xeral, é gravísima. Púxose en evidencia con toda a súa crueza coa epidemia do Covid-19. O abandono foi incomprensible, inhumano e non provocou nin reflexión nin preventiva rectificación

A situación, tanto das residencias como dos Servizos e coidados en xeral, é gravísima. Púxose en evidencia con toda a súa crueza coa epidemia do Covid-19. O abandono foi incomprensible, inhumano e non provocou nin reflexión nin preventiva rectificación. De nada serviron as reclamacións de colectivos sociais nin a grande cantidade de denuncias. Coma se nada pasara! Seguimos sen un “Plan integral de construción de RESIDENCIAS PÚBLICAS e CENTROS DE DIA” que non obrigue ás persoas maiores ao desarraigo trasladándose a moitos quilómetros do seu entorno habitual e familiar por falta de prazas e pola xestión dun Goberno que demostra cada dia que os coidados e a vida das persoas maiores non lles importa en absoluto. Ou pode que desarraigar sexa unha estratexia: a dispersión debilita e dificulta o control familiar. A resposta é sempre a mesma: hipócritas declaracións paternalistas mentres se converten as residencias e os coidados en negocio criminal.

Noam Chomsky, un dos críticos máis agudos do actual sistema financeiro e político, recórdanos a eficacia da propaganda como manufacturadora de falsos consensos: creando as ilusións necesarias, marxinando as persoas e reducíndoo ao colectivo cidadán a unha desoladora apatía. Ocultase a realidade inconveniente e substitúese pola aparencia conveniente. Canto máis contundencia na mentira mellor pasa por verdade. Para iso están os medios que, en mans dese gran poder financeiro e ben engraxados con cartos do erario público, atuan como axentes fundamentais na estratexia de crear esa realidade de mentira. 

Seguimos sen un plan que non obrigue ás persoas maiores ao desarraigo trasladándose a moitos quilómetros do seu entorno habitual e familiar por falta de prazas e pola xestión dun Goberno que demostra cada dia que os coidados e a vida das persoas maiores non lles importa en absoluto

A realidade obxectiva, a verdade, é que seguimos sen ese “plan integral de construción de residencias públicas e centros de dia”. A verdade, é que a Xunta de Galicia non atende: nin o “Plan de Acción do Pilar Europeo de Dereitos Sociais; nin a “estratexia europea de coidados”, que fai recomendacións sobre todo para os coidados das persoas coidadoras; nin o acordo do “Consejo Territorial de Servicios Sociales y del Sistema de Autonomía y Atención a la Dependencia” que mellora as condicións dos coidados nas residencias. Non considero que sexa óptimo, mais mellora substancialmente a “Orde de 1996” que sigue aplicando a Xunta de Galiza, seguridade para o negocio das empresas no para os dereitos da cidadanía; nin, desde logo, atende as reclamacións dos colectivos e plataformas sociais, que acostuman a recibir o silencio por resposta.

A falta de interese demostrada decote por un servizo tan sensible e fundamental non só é grave, e unha perversión da democracia, unha vulneración fragrante desa constitución que erguen ameazantes unicamente para confundir e desviar a atención do importante. Todo para ocultar as decisións políticas tan lesivas para os intereses da maioría e protexer o negocio particular. 

A Xunta delega as responsabilidades nunha Fundación co mesmo obxectivo de lucro que calquera empresa, mais coas vantaxes fiscais dunha Fundación

Os feitos gravísimos denunciados pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (AGISS), sinalando que a Xunta de Galicia obstaculiza a eficacia do seu labor nas residencias de maiores, mediante filtracións das datas e horas das inspeccións nalgúns centrospara que estes poidan corrixir durante a visita as irregularidades e ilegalidades nas que puideran estar incorrendo, aínda non foron aclarados. Foron desmentidos poñendo o foco na Asociación que denunciou, mais non aclarados sen deixar lugar a dúbida como require un suposto tan grave, exemplo paradigmático do que veño dicindo.

A última actuación é a xestión das residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega. Un engano indignante. Pois non só perverte o feito dunha doazón ao Servizo Público, encima trata á cidadanía de estúpida anunciando que será xestionada por unha entidade sen animo de lucro. A entidade adxudicataria é a Fundación FESAN, disque por ser a máis barata. Outra mostra da falta de interese, pois ao parecer ningunha outra consideración importa. FESAN, que está declarada como Fundación co obxectivo de proporcionar formación, xestiona un número importante de residencias e posúe 6 propias nas que, a xulgar polo que custan o lucro está asegurado. A Xunta delega as responsabilidades nunha Fundación co mesmo obxectivo de lucro que calquera empresa, mais coas vantaxes fiscais dunha Fundación. Naturalmente, como en moitos outros exemplos, despois de cumprir co trámite de inscribirse no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Un rexistro no que os requisitos son tan elásticos que máis parece unha tapadeira de arbitrios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.