As derradeiras eleccións locais (maio 2019) trouxeron cambios importantes en Galicia en canto a composición dos novos gobernos locais. Cambios que, por caso, supoñen un claro retroceso das forzas conservadoras (PP) ante o avance das forzas progresistas (PSOE, BNG, MAREAS..). Mudanzas políticas que, en teoría, deberán abrila porta a solucionar algúns dos graves e vellos problemas que agochan as entidades locais practicamente dende as primeiras eleccións locais en democracia, fai deso xa mais de trinta anos.
Así por caso resultaría lóxico esperar, dada a maioría progresista actual que, os sistémicos problemas fiscais e financeiros que arrastran os concellos galegos empezaran a ser afrontados con rigor i eficacia para que deste xeito moitos deles deixen de seren concellos falidos por falta de recursos e poder así atendelo financiamento dos servizos que demanda a poboación e a que están obrigados por lei. E certo que, por caso, os cambios normativos necesarios son competencia ben do Goberno central ben da Xunta de Galicia. Nembargante tratase de problemas políticos que, xa que logo, demandan solucións políticas e nese escenario deben facerse ouvir os concellos galegos.
Os problemas fiscais da inmensa maioría dos concellos galegos derivan dunha base económica débil. Unha base económica na que os tributos (propios e cedidos) non supera por termo medio o 30% dos ingresos non financeiros. Unha debilidade que explica tanto o seu carácter de entidade pública falida como a súa dependencia política de entidades públicas superiores como as Deputacións, a Xunta de Galicia e o propio Goberno español. Dependencia que debilita a autonomía política dos concellos e, como vemos tódolos días, favorece o clientelismo político.
Que a LRSAL (Lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración local) precisa dunha urxente reforma resulta, hoxe por hoxe, indiscutible. Pero non dunha reforma calquera nin tampouco dunha reforma que non teña en conta as particularidades de cada territorio. Como ben sinalan destacados expertos en Galicia temos unha particularidade que demanda unha atención especial pois a actual é claramente discriminatoria. Estoume referindo a dispersión tanto da poboación como dos propios núcleos que fai que, por caso, os custos reais dos servizos a prestar por moitos dos concellos galegos, maioría pequenos, sexa mais elevado que en territorios coa poboación menos espallada e mais concentrada. Os concellos galegos deben poñer este particularidade súa nas respectivas mesas de negociación pois en democracia tódolos cidadáns, independentemente de onde vivan, deben ter os mesmos dereitos.
A prol dunha maior competencia fiscal e financeira dos concellos está a evidencia da súa real capacidade de xestión. Así unha das lecturas que nos permite a xestión de moitos concellos é que dentro da administración pública hai asuntos que estas entidades saben xestionar moito mellor que por caso a Xunta de Galicia e o Goberno Central. Temos como evidencia a débeda pública. A pesares das enormes limitacións competenciais, dos escasísimos recursos e as grandes necesidades, resulta que as entidades locais son ás únicas administracións públicas que son quen de reducila débeda: segundo datos do Ministerio de Facenda os concellos galegos foron quen de reducir en mais dun 25% a súa débeda.
Serán quen os concellos galegos de poñerse de acordo e camiñar xuntos cara a afrontar decididamente a resolución dos seus problemas fiscais e financeiros?. Evidentemente que a decisión final non depende so deles senón tamén de instancias superiores (Goberno español, Xunta de Galicia) pero han de ser eles quen levanten a bandeira e reclamen a solución. A verdade é que teño as miñas dúbidas vendo como, logo das eleccións locais, os partidos políticos galegos aparecen mais preocupados polo reparto de cadeiras e cargos, incluso salarios, que por marcar liñas políticas de actuación municipal.
Nembargante, démoslle unha oportunidade a esperanza.