Os debates electorais na televisión: unha oportunidade para facer xornalismo

Aínda non comezou a campaña electoral en Galicia de cara aos comicios do 21 de outubro e xa rematou o primeiro debate: o debate para debater se hai debate. O resultado: tres “cara a cara” entre Feijóo, Vázquez e Jorquera en tres días consecutivos e con tres bloques temáticos: economía e emprego, benestar e servizos sociais e, por último, un tótum revolútum baixo o epígrafe de temas autonómicos. Agora quedan por decidir o moderador ou moderadora así como detalles ao redor da celebración, caso do plató, decoración, mesa, colocación, etc.

O “debate para debater se hai debate” é no seu conxunto unha anomalía democrática que evidencia eivas importantes na concepción do que debe ser un proceso electoral

O “debate para debater se hai debate” é no seu conxunto unha anomalía democrática que evidencia eivas importantes na concepción do que debe ser un proceso electoral. Non se entende que neste tempo aínda non exista unha regulación que inclúa os debates na televisión como un elemento máis da campaña ou que en arredor de trinta anos este sexa o segundo debate electoral na televisión co gallo duns comicios ao Parlamento de Galicia; como tampouco resulta doado comprender que sexan as formacións políticas as que impoñan os condicionantes para a celebración ou non dos debates así como para determinar quen participa neles; ou que a TVG, a televisión pública, dispoña un cheque en branco para acoller a realización dos mesmos sen que lle quede moito máis que dicir “amén” aos acordos das forzas políticas.

Tampouco é compresíbel que non haxa a suficiente altura de miras como para arriscar e propoñer un verdadeiro debate e non unha sucesión de monólogos cronometrados

Como tampouco é compresíbel que non haxa a suficiente altura de miras como para arriscar e propoñer un verdadeiro debate e non unha sucesión de monólogos cronometrados ao estilo dos que vimos nas eleccións xerais de 2008 e 2012 (modelo reproducido tamén noutros comicios autonómicos) cuxa única concesión ao debate real son calculadas e estudadas interrupcións entre os candidatos/as baixo a ollada dun moderador ou moderadora cuxo papel non vai moito máis aló de dar benvidas e despedir ás ou aos participantes e coidar dos tempos.

Os debates electorais na televisión non son, nin moito menos, a panacea para a recuperación da minada credibilidade política. Admiten e merecen un feixe de críticas. Dende o momento mesmo do seu nacemento, na campaña ás presidencias dos EE.UU. de 1960 entre Kennedy e Nixon, axustaron o seu funcionamento ás regras da información-espectáculo que domina a pequena pantalla e que ten como bazas a confrontación, o dramatismo, a creación dun conflito, a tendencia á mingua da pluralidade, a simplificación do discurso político para transmitilo en titulares…

Pero, malia todo, os debates son un xeito máis de coñecer e de escoitar a quen opta a representarnos e polo tanto cómpre traballar na súa mellora e non concibilos como un mero trámite ou un carro ao que subirse porque se soben o resto ou por medo ás repercusións na campaña do “que dirán”. Esixen, pois, confianza e compromiso tanto por parte das formacións políticas (a ver se desta vai e dunha vez se fan realidade as promesas de regularización dos debates electorais en campaña) como de quen alberga a celebración dos debates, neste caso a TVG, que vén de perder unha ocasión de luxo máis (e xa van moitas) para reivindicar a súa condición de televisión pública.

Vén ao conto The Newsroom porque o noveno episodio da serie debera ser de visionado obrigado para quen participou nas negociacións dos “cara a cara” previos aos comicios do 21 de outubro en Galicia

The Newsroom é o nome da nova serie de televisión de Aaron Sorkin (creador de El ala oeste de la Casa Blanca) que rematou a súa primeira tempada en EE.UU. e cuxa emisión no Estado español (Canal+) vai polo terceiro capítulo. Nela recrea a vida nunha redacción de informativos da televisión e fai unha reflexión sobre o que é e o que debera ser o xornalismo deste tempo.

A clave está en, nada máis pero nada menos, cá exercer o xornalismo: preguntar e repreguntar até que quen se presente responda ao que se lle pregunta

Vén ao conto The Newsroom porque o noveno episodio da serie debera ser de visionado obrigado para quen participou nas negociacións dos “cara a cara” previos aos comicios do 21 de outubro en Galicia. A canle creada por Sorkin na ficción, ACN, organiza un simulacro de debate entre os candidatos e candidatas ás primarias republicanas estadounidenses para evidenciar diante dos responsábeis do partido os defectos dos debates electorais en televisión e propoñer un xeito mellor de facelos. A clave está en, nada máis pero nada menos, cá exercer o xornalismo: preguntar e repreguntar até que quen se presente responda ao que se lle pregunta; cuestionar as respostas que vaian na liña contraria dos feitos realizados; ou esixir argumentos sólidos que deixen na cuneta as respostas baldías ou as promesas incumpríbeis.

Tanto a televisión como a radio públicas contan con profesionais sobradamente cualificados para facer un debate que sexa tal

Haberá que diga que Sorkin propón algo ideal, aderezado cuns diálogos cativadores, tan só posíbel na pequena pantalla. Nada máis lonxe da realidade pois tanto a televisión como a radio públicas contan con profesionais sobradamente cualificados para facer un debate que sexa tal, que vaia máis aló dun monólogo encorsetado e que nos permita coñecer do mellor xeito posíbel aos candidatos e candidatas á presidencia da Xunta de Galicia. Tan só é cuestión de vontade e de que lles deixen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.