O(s) desafío(s) económico(s) de Galicia no actual contexto europeo e mundial

CC-BY-NC José María Andrés

Son numerosos os artigos que, trala conformación do novo goberno, tratan de analizar cal será o tema central da economía de cara ao presente exercicio 2020 e aos vindeiros. Os puntos de vista son variados, e seguramente a resposta será tamén variada se cuestionamos aos cidadáns sobre as respectivas preocupacións económicas que albergan, variación que dependerá fundamentalmente da situación de cada quen. 

Nos últimos tempos, un gran número de artigos apuntan como elemento central da economía a inestabilidade e turbulencias ás que esta se verá sometida, orixinadas tanto por causas inherentes ao capitalismo como por intereses socioeconómicos e xeopolíticos espurios. Na parte que depende exclusivamente do modelo sistémico neoliberal, un gañador dentro do contexto da inestabilidade sería quen fose capaz de tirar máis proveito dos ecosistemas inestables (como por exemplo no actual escenario coa saída do Brexit), ou dito doutra maneira, quen sexa mellor pescador en río revolto. 

Para outros autores, o futuro económico pasa por centrarse primordialmente no aspecto medioambiental e virar o noso modo de produción cara outro máis sustentable. Quen defende esta postura asigna, polo tanto, un papel central á chamada economía verde1.

Moitos cidadáns claman ao mesmo tempo pola reparación dos danos causados pola crise económica e pola presión exercida polos mercados financeiros sobre a vida cotiá.

Tampouco se pode esquecer como tema económico a revolución 4.0 e a chegada masiva da dixitalización e da robótica á industria, o que permitiría unha maior competitividade das nosas empresas nos mercados. 

Unha cuestión que está espertando ultimamente gran preocupación da cidadanía é o acceso á vivenda. A especulación acompañada por fenómenos como a xentrificación e a turistificación están a provocar a alza dos prezos do alugueiro e compra ata niveis inalcanzables para a maioría da poboación. Esta situación está a verse agravada pola escaseza de restricións normativas para especuladores e pola escaseza de promocións de carácter público.

Para outros colectivos, o tema central en economías periféricas como a galega será a implementación de medidas que permitan afrontar o avellentamento da poboación. Isto implicaría mudanzas adaptadas á evolución demográfica nos sistemas de pensións e outras medidas de acompañamento de maior calado que dignifiquen a chegada á senectude. Tamén nesta liña, as medidas de conciliación laboral para coidadores/as estarían aínda insuficientemente desenvolvidas. 

Para outros, será a fiscalidade e a cuestión territorial as que marquen, de forma directa ou colateral o devir da economía, debendo corrixir o diferente impacto nos territorios das medidas aplicadas (ver exemplo de Bande, 2020).

Estas serán algunhas, aínda que non as únicas, das cuestións centrais na economía galega para os vindeiros anos. Sen embargo, nun exercicio de responsabilidade, non debería ser ningunha destas cuestións de maneira illada a que debería ocupar o lugar central da economía durante o 2020 e no futuro. O fío condutor da economía deberá ser o esforzo para reducir as desigualdades. Porque non esquezamos, é a falta de igualdade de oportunidades a que lastra o desenvolvemento económico (Piketty, 2014). Desafortunadamente, en moitas ocasións pareceu diluírse esta intencionalidade que debe recuperar o lugar que lle corresponde no debate entre axentes socioeconómicos. 

No actual contexto, a economía galega precisará ser quen de competir (e cooperar) no inestable -e provocado- océano neoliberal. O instrumento necesario de loita contra esa desigualdade serán as políticas implementadas en cada unha das áreas, unhas políticas que deberán ter en conta que os maiores perdedores son aqueles que menos teñen. Serán necesarias políticas medioambientais que traten de evitar a mercantilización e a socialización do deterioro ambiental. Políticas de redistribución da riqueza que permitan afrontar o esgotamento do actual modelo capitalista, sustentado no mundo financeiro en vez de na economía real. Políticas económicas e de innovación que permitan dixitalizar e modernizar as empresas, pero sen que nese proceso aumente unha brecha dixital que exclúa a aqueles cidadáns con dificultades ou menos recursos para o acceso á tecnoloxía. 

Precisaranse medidas que faciliten o acceso a unha vivenda digna a todos os cidadán, pero sen que os lucros sexan excesivos para promotores e especuladores. Respecto dos nosos anciáns, serán precisas medidas de conciliación, novas prazas en residencias e liñas de axuda con dotacións útiles para aqueles que teñan máis dificultades económicas (a actual dependencia conta con axudas minúsculas que dificultan compaxinar traballo e coidados aos maiores, especialmente á poboación menos favorecida). Por último, na cuestión fiscal e territorial terá importancia a redución das disparidades de accesibilidade a recursos e servizos dos cidadáns, unha situación claramente visibilizada nos últimos tempos coa dicotomía mundo urbano-mundo rural.

Pero non esquezamos que esta desigualdade tamén se reproduce noutras áreas alén da económica: no acaparamento do coñecemento e de fluxos de información, mediante círculos exclusivos de contactos, a través de sistemas feudais de acceso a determinadas áreas do mercado laboral, nas herdanzas de grandes patrimonios, nos inxustificados dereitos económicos por nacemento que aínda existen, e un longo etcétera. 

Ou acaso alguén pensa aínda que ten as mesmas oportunidades vitais unha persoa nacida no seo dunha familia de recursos escasos respecto doutra enxendrada nun ambiente de abundancia? Por se alguén cometese o erro de pensalo, a evidencia científica no eido da educación desautorizará a súa opinión (Fajardo e outros, 2017; Ruíz, 2011; Olmedo, 2007).

Aínda falta moito por facer, polo ben de tod@s. 
 

Bibliografía

Bande, R. (2020). Una visión regional de la subida del Salario Mínimo [en liña]. Tomado de www.aecr.org [ref. de 8 de xaneiro de 2020]. Dispoñible en: https://aecr.org/en/una-vision-regional-de-la-subida-del-salario-minimo/

Fajardo, F., Maestre, M., Felipe, E., León, B. e Polo, M.I. (2017) Análisis del rendimiento académico de los alumnos de educación secundaria obligatoria según las variables familiares. Educación XXI: revista de la Facultad de Educación, 20 (1), 209-232

Olmedo, A. (2007). Reescribiendo las teorías de la reproducción social: influencia de la clase social en las trayectorias educativa y laboral del alumnado granadino de Secundaria y Bachillerato. Revista de Educación, 343. Mayo-agosto, pp. 477-501

Pikkety, T. (2014). El capital en el siglo XXI. Madrid: Fondo de Cultura Económica

Ruíz, J. (2011). Rendimiento académico y ambiente social. Política y Sociedad, 2011, Vol. 48 Núm., 155-174

 

1 Por economía verde enténdese o modelo económico que aposta por un desenvolvemento sostenible e rendible buscando situacións que xeren beneficios económicos, sociais e medioambientais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.