Acontece no país dos mil ríos que todo aquilo que non poida ser dominado e manipulado polos poderes fácticos establecidos, ou polo sistema tradicional de partidos políticos, non pode ser máis que un potencial perigo a eliminar, para a supervivencia dunha caste política acomodada.
A nova aposta política vai dando pasos serios e comprometidos cara esa formación na que unha grande parte dos galeguistas desta terra poidan sentirse a gusto
Os intereses de uns e outros, fan que o que pretende ser a casa común do galeguismo, sexa significado mediaticamente polos de sempre, como un simple grupúsculo de escindidos do BNG, cando en realidade, o pouso da nova formación chamada Compromiso x Galicia, é moito máis que esa simpleza interesada. A nova aposta política vai dando pasos serios e comprometidos cara esa formación na que unha grande parte dos galeguistas desta terra poidan sentirse a gusto, e dispostos a loitar por ela dende as posibilidades que ofrece esta realidade. Unha forza na que xa está integrada a práctica totalidade das forzas de centro galeguista que tradicionalmente estaban orfas dun teito común dende o que traballar, ao mesmo tempo que comparten achegas e esforzos por presentar un proxecto común unitario e integrador, coa esquerda transformadora defensora da democracia radical.
Lerán vostedes comentarios terxiversadores da realidade nos que presentarán a esta formación como un intento de esnaquizar ao nacionalismo para favorecer á dereita, ou incluso acusacións de mesianismo non acordes coa realidade
Uns e outros saben que o galeguismo e o nacionalismo viven nun momento histórico, no que é moitísimo máis o que os une, do que os pode separar. Dende a xenerosidade e a humildade, estase a construír por fin esa formación política que cantos desexaban, e ao mesmo tempo tantos temían. Lerán vostedes comentarios terxiversadores da realidade nos que presentarán a esta formación como un intento de esnaquizar ao nacionalismo para favorecer á dereita, ou incluso acusacións de mesianismo non acordes coa realidade. Agardemos que os galegos coa súa ancestral sabedoría, distingan entre o que potencialmente pode ser esta formación política, e o que a algúns lles pode interesar vender que é…
O compromiso pola rexeneración ética, as listas abertas, a imposibilidade da presenza de imputados polo poder xudicial na súa formación, a limitación de mandatos, ou a propia defensa dos sectores públicos e o estado do benestar, son os eixos de algo que agroma para construír en positivo, afastándose de perversións do concepto de servizo público, como as que podemos apreciar todos os días na nosa terra.
A Galicia que desexa esta formación non é unha terra submisa aos postulados dos que nos consideran a periferia residual
A Galicia que desexa esta formación non é unha terra submisa aos postulados dos que nos consideran a periferia residual, senón unha terra orgullosa da condición de seu, disposta a loitar polo futuro dos seus fillos.
Ou non?