Desgraciadamente todo parece indicar que a xestión dos Fondos europeos de Reconstrución terá unhas gañadoras, as grandes corporacións, e unha perdedora, a xente do común.
Todo parece indicar que a xestión dos Fondos europeos de Reconstrución terá unhas gañadoras, as grandes corporacións, e unha perdedora, a xente do común
Ao Estado español correspóndenlle destes fondos 140.000 millóns de euros, a metade axudas directas condicionadas a futuras reformas, e a metade préstamos que serán xeridos polos bancos, polo que se embolsarán por isto grandes beneficios.
Non se coñece aínda a cantidade que virá a parar para Galiza, pero o que é certo é que serán miles de millóns para executar en 4 anos, millóns que condicionarán a saída de galegas e galegos dunha crise agravada pola pandemia.
O goberno español e o goberno galego parece que teñen xa as súas ideas ao respecto destes fondos moi definidas, e unha vez máis fúrtannos o debate sobre cuestións transcendentais que marcarán irremediablemente o noso futuro para entregar ese poder a unha elite económica que finalmente é a que realmente dirixe a política económica.
A publicación do RD 36/2020 para a xestión dos Fondos europeos de Reconstrución por parte do Goberno español e o trámite da Proposición de Lei de Simplificación Administrativa e Reactivación Económica de Galicia do PPdG no Parlamento galego indícannos que a utilización dos fondos europeos centrarase nas demandas das grandes corporacións, e non priorizará as necesidades máis básicas da xente, visualizadas con máis claridade a teor da pandemia do Covid-19.
Os contidos de ambos textos van na mesma liña: consagración da colaboración público-privada, priorización de grandes proxectos que unicamente están ao alcance das grandes corporacións, e redución, para elas e só para elas, dos prazos e requisitos dos trámites ambientais e administrativos
Os contidos de ambos textos van na mesma liña: consagración da colaboración público-privada, priorización de grandes proxectos que unicamente están ao alcance das grandes corporacións, e redución, para elas e só para elas, dos prazos e requisitos dos trámites ambientais e administrativos.
Se o RD 36/2020 publicado o 30 de decembro, é un decreto centralizador que concentra todo o poder de decisión no goberno, deixando ás outras administracións de cuasi observadoras, a Xunta de Galicia xa hai tempo que conformou un “grupo de expertos”, onde predominan representantes das grandes empresas, onde a representación de organizacións sociais, sindicais, de traballadoras ou incluso pequena e mediana empresa está ausente, para decidir aí os proxectos que aspirarán aos fondos.
Neste grupo de “escollidos” repártese a torta convertendo a Comisión de Reactivación do Parlamento galego nunha manobra de distracción e non nun foro onde se dea un debate real sobre o enfoque da utilización deses fondos e se decida, como institución onde teoricamente debera de residir a soberanía do pobo galego.
Esquecen ambos textos lexislativos o enfoque social e de combate contra o gran mal da nosa sociedade, a desigualdade, as posibilidades de reforzamento do sistema público, as políticas públicas de vivenda
É tal a opacidade que, pese a dicir a Xunta de Galicia que conta con 108 proxectos para presentar, non os fixo públicos nin sequera cando o Conselleiro de Economía e Industria compareceu en dita Comisión, evidenciando unha vez máis as graves deficiencias democráticas das institucións de autogoberno controladas por un PP cada vez máis ocupado por gobernar para as grandes empresas.
Esquecen ambos textos lexislativos o enfoque social e de combate contra o gran mal da nosa sociedade, a desigualdade, as posibilidades de reforzamento do sistema público, as políticas públicas de vivenda para garantir ese dereito constitucional, os cambios nos sistemas públicos de coidados, afastando deste sector o negocio do gran capital á costa da saúde das persoas maiores, ou de apoio ao tecido produtivo.
Ao contrario, todo semella indicar que os fondos europeos de reconstrución servirán para incrementar os privilexios do IBEX 35 e para sentar as bases do negocio futuro destas empresas en sectores clave. En Galiza, dándolle continuidade ás políticas de depredación e fomento do extractivismo con grande impacto sobre o territorio e baia creación de emprego, orientaranse, por exemplo, e fundamentalmente, para afondar no modelo do espolio eléctrico, eólico e forestal.
Non hai máis que botar unha ollada á PL de Reactivación, a Lei de Depredación 2.0, que conta cun capítulo específico para as infraestruturas eléctricas centrado en facilitar a instalación de eólicos. Ou ao proxectado novo Plan Forestal e aos discursos de Núñez Feijóo marcando como obxectivo o incremento da produción forestal nun 30%, nun país que xa supera o 50% das cortas anuais do Estado e que sin embargo non chega nin á metade desa porcentaxe en creación de emprego e facturación, o que debera de levar a un cambio de modelo e non a unha profundización no actual.
É un obxectivo moi propicio para o proxecto de Inditex de fabricación da viscosa, para a Greenalia de Beatriz Mato, escandaloso caso de portas xiratorias, ou para ENCE. Campo aberto para o saqueo dos recursos naturais do país a cambio de pouco emprego e riqueza para galegas e galegos
É, si, un obxectivo moi propicio para o proxecto de Inditex de fabricación da viscosa, para a Greenalia de Beatriz Mato, escandaloso caso de portas xiratorias, ou para ENCE.
Campo aberto para o saqueo dos recursos naturais do país a cambio de pouco emprego e riqueza para galegas e galegos.
Non hai ningunha razón de interese público que en Galiza aconselle unha carreira desbocada de implantación masiva e deste xeito de eucalipto e eólicos. Só a avaricia do capital, un capital que ten na Xunta testaferros que lexislan e gobernan á súa medida.
Renúnciase a unha transición enerxética democrática, onde se lle entregue o poder á xente en detrimento do oligopolio, asegurando unha transición onde este segue a controlar o sector, e renúnciase a unha utilización racional do territorio na política forestal.
Así financiaremos, con diñeiro público, os negocios das grandes corporacións que se farán (aínda) máis donas de sectores estratéxicos, a cambio de recortes futuros e esquecendo o reforzamento das políticas públicas e sociais
Así financiaremos, con diñeiro público, os negocios das grandes corporacións que se farán (aínda) máis donas de sectores estratéxicos, a cambio de recortes futuros e esquecendo o reforzamento das políticas públicas e sociais.
Ademais hai que lembrar que dos 140.000 millóns de euros que chegan, a metade a fondo perdido, veñen condicionados a reformas estruturais do sistema laboral e de pensións.
Se na crise de 2008 rescatouse aos bancos, parece que da de 2020 a intención é saír rescatando ao IBEX35, se non o remediamos colectivamente mediante unha mobilización ampla, portas afora das institucións, demandando solucións para a xente, para que se utilicen os recursos para reforzar a sanidade pública, a investigación, a política pública de vivenda, para apostar por unha agricultura sustentable, para un modelo enerxético democratizado, para a economía produtiva, para un sistema de coidados dos maiores público e de calidade, para o ensino e un longo etc de cuestións importantes que coa Covid-19 se nos revelaron aínda máis imprescindibles.
É moi urxente que rachemos coa dinámica dos privilexios desa oligarquía para a que se goberna e forcemos cambios cara a democratización da economía.