Os heroes que construímos

Dolores Huerta CC-BY-SA Gage Skidmore

Finaba a semana pasada a activista chicana Dolores Huerta aos noventa e seis anos. Huerta, filla dun mineiro mexicano, e nacida en Novo México no 1930, cofundou en 1962 o sindicato United Farm Workers (UFW) xunto a Cesar Chávez e Gilbert Padilla, co gallo de mellorar as condicións das agriculturas e agricultores nos Estados Unidos

Finaba a semana pasada a activista chicana Dolores Huerta, na súa casa en Bakersfield, California, rodeada da familia e amizades aos noventa e seis anos. Huerta, filla dun mineiro mexicano, e nacida en Novo México no 1930, cofundou en 1962 o sindicato United Farm Workers (UFW) xunto a Cesar Chávez e Gilbert Padilla, co gallo de mellorar as condicións das agriculturas e agricultores nos Estados Unidos. Amais, Huerta popularizou, en 1972, a frase ‘Sí se puede!’, que tempo máis tarde sería usada por Obama na súa campaña presidencial no 2008 e, mesmo no noso estado, por militantes de Podemos a partires do 2015.

Huerta foi unha muller incansable. Aos 96 anos seguía a avogar polas desfavorecidas; liderou non só o sindicato que fundou senón que ademais participou, ao longo da súa vida, en campañas antirracistas, o movemento pola despenalización e regulación do aborto nos Estados Unidos, e a loita polos dereitos das mulleres e as persoas cuir. Ela foi unha muller que deu a vida pola causa, que traballou ata o seu derradeiro alento. Apenas meses antes de finar, este agosto pasado, Huerta acudiu a marcha no Capitolio do Estado de California, acompañando California Immigrant Policy Center (CIPC), na que deu un discurso en contra dos recortes federais para as familias migrantes. Como muller fronteira (seguindo a terminoloxía de Gloria Anzaldúa), de nena sufriu a discriminación racial –persistente ata o día de hoxe– que Latinas e descendentes de Latinas experimentan cada día, o que a levou a aliarse e formar parte nos anos cincuenta da Organización de Servizo Público en defensa dos dereitos civís da poboación. Huerta comezou, como as demais mulleres do movemento, dando aulas e ensinando a outras mulleres diferentes oficios, ata que nos anos 60 a súa presencia comezou a ser preponderante nas negociacións das condicións laborais dos traballadores dos campos, o dereito a voto e os dereitos para as persoas indocumentadas. Dolores Huerta organizou boicots á industria do viño, a histórica folga da uva en Delano, e campañas de presión no congreso californiano co UFW. Nun tempo no cal as mulleres Latinas/Chicanas vían os seus roles limitados, circunscritos a tarefas afastadas de roles decisorios, tarefas naquel tempo consideradas femininas, Huerta ergueuse como unha das líderes principais do sindicato e do movemento, ocupando cargos de liderado e decisión que ata entón apenas ostentaban homes. 

Huerta popularizou, en 1972, a frase ‘Sí se puede!’

Mais, no imaxinario colectivo, se pensamos na UFW acotío se nos ven á cabeza, xunto a Huerta, Cesar Chávez, líder co que ela capitaneou o movemento, dando a volta ás estruturas laborais do país. Huerta pasou a meirande parte da súa vida sendo a súa camarada, apoiando as súas decisións, gardándolle os seus segredos. Chávez foi venerado como unha das persoas máis importantes do movemento polos traballadores nos Estados Unidos. Este mesmo ano, unha investigación do xornal de New York Times revelaba que Cesa Chávez abusara de xeito reiterado de nenas de entre doce e dezasete anos durante a década dos setenta. A caída dun mito que morreu sen ver as súas atrocidades expostas, unha mancha indeleble nun movemento ata entón exemplar. Mais de medio século despois dos abusos, Huerta falou; fora ela tamén unha das vítimas. Chávez, o seu camarada, o seu tantas veces aliado abusara sexualmente dela. Chávez mesmo deixou embarazada a Huerta en contra da súa vontade, o que resultaría nunha adopción dos fillos que ela nunca quixo ter con el. Huerta foi quen, apenas meses antes de finar, de seguir loitando, mais tamén de expor as inxustizas que tanto tempo gardou dentro, o seu segredo baixo chave. Cando lle preguntaron a Huerta por que non o dixera antes, por que non se alzara antes contra Chávez e a súa tiranía, ela dixo algo así como que prefería preservar a integridade do UFW, non manchar un sindicato que tantos dereitos acadara, tan importante na historia das persoas migrantes do país. Huerta gardou o segredo consigo, ata que por fin, antes de marchar deste mundo, puido deixalo ir. 

O día que Dolores Huerta morreu, saia do prelo a miña segunda novela, Dos afectos, o río, unha historia que, sen destripar demasiado a trama, trata sobre a construción histórica dos nosos heroes e a relación emocional que mantemos cos seus legados

O día que Dolores Huerta morreu, saia do prelo a miña segunda novela, Dos afectos, o río, unha historia que, sen destripar demasiado a trama, trata sobre a construción histórica dos nosos heroes e a relación emocional que mantemos cos seus legados. Unha novela que tenta mirar aos movementos por enteiro, preguntarse que facemos coa nosa moral cando a violencia se entremete nas nosas loitas. De que xeito seguimos a loitar cando nos inmobiliza a culpa, o medo e a xenreira. Cando comecei a escribila, ala polo 2023, non sabia, claro, que Cesar Chávez era un agresor sexual. Coñecía o traballo de Chávez e Huerta, e admirábao como unha das loitas que máis mobilizaron no país no que resido. En marzo de 2026, polo tempo que estaba a mandar a novela ao premio Illa Nova de Narrativa, do que finalmente saíu gañadora, a noticia dos abusos irrompeu. Lembro camiñar polas rúas do Harlem, o meu barrio, e ver murais coa cara de Chávez, co puño en alto. Lembro os calafríos. Lembro a xenreira. Lembro chegar a casa e escribir, escribir, escribir.

Este venres, nunha cea con amigos, A. contábame que, no instituto onde dá clase, as crianzas teñen problemas para mirar a historia e non sentir carraxe por, en xeral, a meirande parte dos procesos históricos e os seus líderes. Ven os nenos e nenas a quen construíron estados mais xustos manchados pola baixezas morais dos xeitos nos que acadaron esas xustizas. Os heroes de onte son mirados e escrutados, a figura inamovíbel treme. Que pensarían esas crianzas de Cesar Chávez? As nosas preguntas amoréanse. Pensar niso é pensar no UFW, na historia das mulleres abusadas. Das vítimas por tanto tempo silenciadas. Pensar iso xunto os dereitos acadados. A decisión de Dolores Huerta foi a de dar prioridade ao común fronte ao propio, a da anteposición dun movemento perante a vida dunha. Huerta participou, xunto a Chávez, nunha morea de marchas que cambiaron o rumbo do devir da historia; particularmente da historia vivida por aqueles que se sitúan no oposto dun continuo que separa aos ricos dos pobres, aos materialmente miserables dos poderosos. 

Ollar cara o pasado non é doado, se o que queremos é ver a historia por enteiro. Non o é porque realizar un exame rigoroso require a honestidade suficiente para criticar aos nosos líderes, ás figuras que admiramos. A quen construímos como xente de valores exemplares. Concibir a alguén na súa totalidade, ou alo menos nunha complexidade máis ampla de na que usualmente se representa, cómpre de valor para facelo. Do valor para asumir que as fallas morais existen en cada un/ha de nós. Hai sempre, claro está, quen falla máis grave. Mais sexa sempre escoitado o prego de quen nos exhorta a fitar cara onde non fomos quen de facelo.

Dolores Huerta, nun mural CC-BY-SA Garrett Ziegler

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.