Coa guerra que se ven desenvolvendo en territorio ucraíno dende hai mais de dous meses, sucede algo semellante ao que se rexistrou coa pandemia da COVID: practicamente ninguén foi capaz de prever a existencia dunha traxedia destas dimensións neste momento histórico preciso. Unha cousa é constatar a presenza de importantes factores de tensión na zona dende 2014 e outra moi distinta é pensar nunha agresión militar directa da Federación Rusa contra Ucraína. Contemplar a posibilidade de que Putin atravesase a liña vermella da invasión dun Estado soberano, recoñecido na comunidade internacional, era algo que non figuraba nas axendas da case totalidade das institucións e chancelarías do mundo.
Como é sabido, o derrubamento da URSS a partir de 1991 alterou os equilibrios que rexeran a escena internacional despois da II Guerra Mundial. En calquera caso, o fracaso de Gorbachov no seu intento de reformar o sistema soviético non cabe atribuílo a un proxecto conspirativo especifico dos USA e da OTAN senón ao progresivo proceso de descomposición da orde económica, social e política construída nos países do leste de Europa despois do triunfo da Revolución soviética nas primeiras décadas do século XX. Gorbachov quería unha transición gradual -e a simultánea negociación dunha nova relación coas potencias occidentais- pero non foi quen de neutralizar aos sectores mais inmobilistas do aparello estatal -lémbrese a tentativa de golpe militar de agosto de 1991- e non conseguiu liderar aos segmentos que desexaban unha mudanza mais rápida e radical do chamado socialismo real.
Como en todas as guerras, a invasión de Ucraína ten provocado unha insoportábel traxedia humanitaria concretada en milleiros de vítimas civís (mortas, desaparecidas, feridas, violadas, desprazadas...). Elas son as principais damnificadas por unha decisión que tomaron as autoridades rusas sabendo as graves consecuencias destrutivas que se derivaban da mesma. Nun segundo plano de importancia -e no ámbito das consideracións sobre as relacións políticas- este conflito bélico orixina efectos moi relevantes no seo da UE e proxecta varios interrogantes no universo da esquerda ubicada fora da influenza directa dos partidos socialdemócratas tradicionais.
Tense afirmado, en diversas ocasións, que o proxecto de construción da UE primou a dimensión económica e outorgou un valor secundario á calidade democrática da arquitectura institucional comunitaria e ao establecemento dunha política exterior suficientemente autónoma a respecto do xigante militar norteamericano. Resultou moi ilustrativo o sucedido na década dos anos 90 do século pasado: mentres a vella URSS e o Pacto de Varsovia vivían un proceso de descomposición que suscitaba novas oportunidades de reconfiguración das estruturas internacionais, os Estados dominantes da CEE/UE dedicaban os maiores esforzos á creación e consolidación da unificación monetaria. A entrada en funcionamento -ao remate desa década- do euro (e a correlativa disciplina económico-financeira ditada polo Banco Central Europeo) foi a principal mensaxe emitida dende Bruxelas aos novos Estados emerxentes do centro e do leste de Europa. A carencia dunha política exterior consistente agudizou a transcendencia das políticas agresivas desenvolvidas pola Administración norteamericana en Afganistán e Iraq a partir do ano 2001.
O actual conflito en Ucraína está reforzando o papel da OTAN -obsérvese a recente petición de ingreso de dous países como Finlandia e Suecia, que se mantiveron á marxe desa alianza nos peores momentos da “guerra fría”- e, ao mesmo tempo, está debilitando a posición da UE no taboleiro internacional. Nas últimas décadas, Alemaña e Francia promoveron unhas relacións económicas e políticas con Rusia que, mais alá da satisfacción de intereses conxunturais, incrementaba o nivel de autonomía deses Estados a respecto do “amigo americano”. A ofensiva de Putin arruinou semellante posibilidade e facilitou a xustificación argumental dunha maior dependencia das decisións adoptadas en Washington ou mesmo en Londres. A reservas do que aconteza nos vindeiros meses -nomeadamente, do contido dun eventual acordo de paz- pódese afirmar que a UE vai perder peso específico -a respecto de actores como USA, Rusia e China- no inestábel equilibrio multilateral que se viña rexistrando despois dos fiascos protagonizados polos USA en Iraq e Afganistán.
Unha parte da esquerda está vivindo esta guerra cunha visíbel incomodidade e unha preocupante pasividade. Seguramente é consecuencia de que os protagonistas -directos e indirectos- desta crise bélica teñen os papeis cambiados a respecto do que se rexistrara nas últimas décadas. Agora, Rusia é a potencia invasora que violenta a legalidade internacional mentres Estado Unidos e a UE subministran axuda económica e militar ao Estado agredido. O ideario teoricamente asumido neses sectores críticos coas prácticas hexemonistas desenvolvidas nas relacións internacionais debería implicar un nidio posicionamento contrario ás políticas de Putin e a consecuente acción mobilizadora contra as mesmas. Tal actitude non significaría asumir un papel subordinado dos gobernos que manexan moitos dos fíos do poder mundial: loitar contra as decisións criminais tomadas no Kremlin non supón avalar as lóxicas pasadas e presentes da Administración norteamericana ou dos executivos de Bruxelas. A coherencia debería ser un valor básico da cultura dunha esquerda que pretenda transformar a orde mundial. Cando se agruparon forzas para condenar a invasión de Iraq e de Afganistán sabíase que Sadam Hussein ou os talibáns non representaban modelos asumíbeis para as persoas que se manifestaban diante das embaixadas ou consulados dos USA.
Cando se chega a unha situación bélica como a que estamos coñecendo, a experiencia histórica ten demostrado que as posibilidades de pacificación -e a propia acción diplomática destinada a tal obxectivo- están moi condicionadas pola evolución da relación de forzas no terreo estritamente militar. Así aconteceu na guerra de Vietnam (os gobernantes norteamericanos só aceitaron negociar cando comprobaron que non podían gañar sen pagar un prezo elevadísimo) e, previsibelmente, así ocorrerá neste caso. Mentres, desgraciadamente, proseguirá a infernal maquinaria de morte e destrución sobre o territorio ucraíno.