Nos últimos tempos soubemos da existencia dunha nova profesión: o liquidador de empresas. Trátase dun experto que adquire unha empresa arruinada e, utilizando diversos artificios financeiros, consegue cuantiosos beneficios co seu peche (deixando aos traballadores na rúa). Ángel del Cabo fíxose millonario e acadou notoriedade pública coa liquidación das empresas de Díaz Ferrán (aquel presidente da CEOE que nos dicía que tiñamos que traballar máis e cobrar menos). Agora os dous están no cárcere.
O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están actuando como auténticos liquidadores da sanidade pública
O goberno central e as autonomías gobernadas polo PP están actuando como auténticos liquidadores da sanidade pública. Mentres afirman traballar pola sustentabilidade adoptan decisións que contribúen ao seu deterioro e á privatización. Non descansan. Nin sequera no mes de agosto. Pola contra, aproveitaron o período vacacional para impulsar medidas que representan auténticas agresións contra o sistema nacional de saúde( SNS). Fagamos un breve repaso dos últimos acontecementos:
1-A foto antes das vacacións. No último día de xullo Rajoy reuniu na Moncloa a un grupo de organizacións afíns coas que asinou un “pacto pola sustentabilidade do SNS”. Despois da sinatura protocolaria fixeron a foto de rigor que foi publicitada como un acto histórico. Trátase, máis ben, dunha triste parodia e dun engano denunciado polos sindicatos, os traballadores sanitarios e os defensores da sanidade pública. A FSDSP afirma que este acordo carece de contido práctico, que representa un paso máis na estratexia de deterioro da sanidade pública e que este acto publicitario só pretende frear as mobilizacións de profesionais e cidadáns contra da privatización do sistema.
2-Madrid privatiza. A pesar da masiva contestación os gobernantes da Comunidade de Madrid persisten no seu empeño privatizador. Tampouco lles importa que haxa dous recursos xudiciais sen resolver: un millón e medio de madrileños verán os seus hospitais privatizados dentro de pouco. Despois dun proceso escuro e pouco transparente tres empresas privadas -Sanitas, Ribera Salud e e portorriqueña Hima San Pablo (especializada en turismo sanitario)- vanse facer cargo da xestión dos seis hospitais agora privatizados. O PP madrileño empuxou esta medida a pesar das evidencias históricas: todas as experiencias previas realizadas noutras xeografías tiveron consecuencias negativas para a poboación, os profesionais e a a propia sanidade pública. Mais o diñeiro público non escapa só por esta vía cara os petos das empresas privadas. A sanidade madrileña aumentou o orzamento para os concertos con clínicas privadas nun 55%. Este incremento é, con diferencia, o maior dos últimos anos.
A sanidade madrileña aumentou o orzamento para os concertos con clínicas privadas nun 55%. Este incremento é, con diferencia, o maior dos últimos anos
3-O novo hospital de Vigo. O hospital que o sur de Galicia precisa, e polo que leva anos agardando, foi adxudicado polo goberno de Núñez Feijóo a unha UTE (Unión Temporal de Empresas) constituída por bancos arruinados e construtoras en bancarrota. Xa falamos deste asunto noutras ocasións. O hospital leva máis dun ano parado pois a empresa concesionaria non consegue que ningunha entidade financeira lle conceda crédito. Mais a Xunta persiste no seu afán privatizador. En contra de todas as normas permitiu cambios no contrato e mesmo na composición da UTE e, a primeiros de agosto, Núñez Feijóo afirmou que conseguirán o financiamento preciso para continuar a construción. O diñeiro será aportado polo Banco Europeo de Inversións (BEI), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e por entidades bancarias rescatadas con diñeiro público (entre eles Novagalicia Banco). Polo tanto, o novo hospital vai ser financiado con diñeiro público que despois reportará beneficios ás empresas integradas na UTE concesionaria. Mal porvir lle agarda á sanidade pública no sur de Galicia se non muda a situación. Lembremos que Povisa atende a gran parte da poboación da zona. Ten un concerto particular co Sergas moi favorable pero acumula as maiores listas de espera da comunidade e fai un trato claramente discriminatorio entre os clientes privados e oa usuarios do Sergas. Vén de sufrir unha folga (desconvocada despois dunha sentenza favorable aos traballadores) por querer impor unhas penosas condicións laborais ao seu persoal.
4-Recorte público e máis gasto familiar. A ministra de Sanidade ven de anunciar que o copagamento nas medicinas significou unha redución da factura farmacéutica de 2.000 millóns de euros no seu primeiro ano de vixencia. Esta noticia, presentada como unha conquista, pode ser interpretada doutro xeito. Máis que aforro o que fixo foi trasladar un gasto público ás economías familiares, xa moi deterioradas nos tempos actuais. A obriga de pagar unha porcentaxe dos medicamentos nas farmacias e a retirada de máis de catrocentas medicinas, de uso moi frecuente, do financiamento público obriga ás familias a un esforzo económico que, a miúdo, resulta inasumible. Polo tanto, na vez de gabarse polo que considera un triunfo, a ministra debería pedir perdón aos cidadáns por imporlles un gasto máis ás depauperadas economías familiares. En realidade o copagamento ven representar un dano para a saúde individual e colectiva (moitas persoas deixaron de medicarse por non poder costealo) e un elemento máis para aumentar as desigualdades. Os pensionistas galegos sofren de xeito especial esta situación: a súa pensión media é de 722 euros, un 16% inferior á media do Estado. Galicia ocupa o último posto das 17 comunidades autónomas neste ranking.
A obriga de pagar unha porcentaxe dos medicamentos nas farmacias e a retirada de máis de catrocentas medicinas, de uso moi frecuente, do financiamento público obriga ás familias a un esforzo económico que, a miúdo, resulta inasumible
5-Máis castigo para os traballadores. A finais de agosto publicaron no BOE unha lei (Lei 10-2013). Trátase dunha norma aparentemente neutra que incorpora normas europeas ao ordenamento xurídico español en relación coa farmacovixilancia. Mais, como se non tivera importancia, esta lei inclúe unha disposición final quinta que modifica o Estatuto Marco do persoal estatutario do SNS. Esta modificación permite a creación do que chama “unidades de xestión clínica” integradas por persoal laboral, na que se terían que integrar os que hoxe teñen a consideración de estatutarios. En definitiva, tal como denunciou a propia CESM, esta lei remata, polas costas e a traizón, con todas as garantías do réxime estatutario. Trátase dunha afrenta máis contra os traballadores da sanidade pública, feita dunha forma tramposa e canalla (incluíndo unha disposición desta transcendencia no articulado dunha lei que non ten nada que ver coa regulación laboral).
6- Aumentan as listas de espera. A drástica redución orzamentaria, a perda de persoal e a eliminación do traballo de tarde nos hospitais están a provocar unha situación de grave colapso nos centros públicos. A espera cirúrxica pasou, en seis meses, de 76 a 100 días. Preto de 600.000 pacientes agardan polo quirófano. Este é o maior incremento desde que o Ministerio comezou a rexistrar estes datos. As autoridades sanitarias non parecen preocupadas por estes datos. Algún sindicato interpreta que non lles interesa que a sanidade pública funcione: cómpre ter argumentos para afondar nas privatizacións.
Por primeira vez na historia recente a esperanza de vida dos españois baixou unhas décimas, mais este descenso continuará se as condicións de vida non mudan
7-Diminúe a esperanza de vida. A esperanza de vida ao nacer é un dos principais indicadores para coñecer a calidade de vida dun país. Nas últimas décadas este parámetro mellorou de maneira continuada e permanente. Por primeira vez na historia recente a esperanza de vida dos españois baixou unhas décimas, mais este descenso continuará se as condicións de vida non mudan. A precariedade económica, a inseguridade laboral, a incerteza polo futuro, a exclusión sanitaria dos máis desfavorecidos e o aumento das desigualdades: todos estes factores inflúen neste cambio de tendencia. As políticas impostas polo partido no poder son as responsables principais desta mudanza histórica.